O PSdeG asume a alcaldía do Valadouro “tras 25 anos de retroceso do PP”

Fotografía previa á rolda de prensa na que PSdeG, Udival e BNG anunciaron a moción de censura © PSdeG-PSOE

Valadouro mudará o seu goberno municipal, que pasará de mans populares a socialistas, tras o acordo acadado polo PSdeG, Udival e BNG, para a presentación dunha moción de censura contra o alcalde José Manuel Lamela, do PP. Os socialistas, a través de Edmundo Maseda, que asumirá a alcaldía no vindeiro pleno municipal, salientan que o acordo foi "feito desde a responsabilidade e o compromiso cos veciños e veciñas, que merecen outra forma de goberno coa que estamos moi ilusionados”, e destacan que o cambio de goberno chega “tras 25 anos de retroceso do PP no concello”.

Destacan que o cambio de goberno chega “tras 25 anos de retroceso do PP no concello”

Segundo o acordo, que terá que ser ratificado no vindeiro pleno municipal do día 4 de xuño, o PSdeG, ademais da alcaldía, será responsable das concellerías de Urbanismo; Vivenda e Solo; Medio Rural e Medio Ambiente; Comercio e Turismo; Educación e Deportes; Emprego, Formación e Igualdade, e Recursos Humanos, mentres Udival levará Obras; Servizos Sociais, e Cultura. O BNG apoia a moción de censura pero non entra no equipo de Goberno.

Unha das primeiras propostas do PSdeG é a creación e posta en funcionamento dunha entidade de promoción e impulso da agricultura ecolóxica, con obradoiros de formación que fomenten o autoemprego e o impulso do rural para fixar a poboación

Maseda apunta como obxectivo “o desenvolvemento económico da zona e a potenciación dos recursos naturais, para que O Valadouro sexa un concello no que se poida vivir e traballar”. O socialista reivindicou a posición do Valadouro como “centro da comarca da Mariña”, polo que aposta “por que volva ser unha zona de referencia” e por “loitar contra o despoboamento”. Así, unha das primeiras propostas do PSdeG é a creación e posta en funcionamento dunha entidade de promoción e impulso da agricultura ecolóxica, con obradoiros de formación que fomenten o autoemprego e o impulso do rural para fixar a poboación. Asimesmo, o PSdeG asumiu diferentes compromisos de desenvolvemento do concello con Udival e BNG plasmados nun acordo conxunto.

“Nesta negociación démonos conta de que temos moitas cousas que nos unen, sobre todo o compromiso cos veciños e veciñas do Valadouro"

Os tres asinantes da moción de censura acordaron crear unha Comisión de Seguimento dos acordos programáticos tomados, coa función de analizar o seu cumprimento. Estará formada por un portavoz por grupo e reunirase cada catro meses, ou antes a petición de calquera dos integrantes. “Nesta negociación démonos conta de que temos moitas cousas que nos unen, sobre todo o compromiso cos veciños e veciñas do Valadouro, por iso queremos poñer todos os mecanismos para empezar unha nova etapa na que se cumpran todos os nosos obxectivos, sempre e cando os orzamentos e a colaboración coas demais institucións o permitan”, afirma Edmundo Maseda.

Fotografía previa á rolda de prensa na que PSdeG, Udival e BNG anunciaron a moción de censura © PSdeG-PSOE

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.