O PSdeG de Lugo insta o candidato do PP a aclarar se a súa casa no Corgo ten licenza

Álvarez, amosando o seu carné de identidade © Concello de Lugo

As espadas, en todo o alto. A pregunta lanzouna o alcalde no derradeiro pleno do mandato e vén de reiterala o voceiro do goberno local lucense, o socialista Luis Álvarez: "Queremos saber se o señor Castiñeira fixo unha vivenda sen licenza nesta urbanización". A urbanización á que se refire Álvarez refírese á da parroquia de Santa Mariña, no Concello do Corgo, e a casa é propiedade de Jaime Castiñeira, portavoz local do PP e candidato do partido de Alberto Núñez Feijóo á alcaldía da cidade da Muralla por segunda elección consecutiva.

A urbanización non é unha calquera por motivos diversos. Ata comezos de 2014 era o maior núcleo habitado de Galicia en situación ilegal. Estaba así dende os anos 70, cando varios lucenses comezaron a construír os seus chalés no que antes era un terreo agropecuario. Alí durante décadas erguéronse sen supervisión das autoridades nin licenzas todo tipo de construcións, dende pequenas vivendas ata verdadeiras mansións, como a que foi propiedade do presunto líder da trama Campeón, Jorge Dorribo. A xuíza Pilar de Lara, que instrúe o caso doutra presunta rede corrupta, a Pokémon, indaga dende 2014 se na legalización destas obras se produciu algún delito de tráfico de influencias, tal e como informou El Progreso.

Con este contexto de fondo o PSdeG ten rexistrada dende hai dous meses no Parlamento unha pregunta na que a deputada Concepción Burgo insta a Xunta a dar detalles da legalización de Santa Mariña, e os socialistas lucenses reiteran a petición de que Castiñeira "amose a licenza de construción da súa casa". "Se ten a licenza non ten máis que ensinala e dicir que actuou conforme á lei no seu momento", di Álvarez. "Ese documento -destaca- probaría que actuou conforme á normativa existente daquela [finais dos 80], xa que foi posteriormente cando se legalizou a urbanización".

A urbanización foi o maior núcleo habitado de Galicia en situación ilegal ata 2014

"Non como voceiro nin como concelleiro, senón como lucense", argumenta o edil, cómpre que Castiñeira "aclare" o asunto, "que é candidato á alcaldía". "Responda a esta cuestión e despexe calquera dúbida", algo que "podería facer dunha maneira tan sinxela como é amosando a licenza municipal que autorizou a construción esa vivenda", toda vez que "calquera persoa sabe se conta ou non coas licenzas necesarias para as actividades que realiza". Demostralo, abonda, é "tan sinxelo como amosar o carné de conducir para probar que unha persoa está habilitada para a condución de vehículos", dixo mentres lle amosaba á prensa o seu permiso de condución.

Castiñeira: "O meu fin de semana é totalmente legal"

Mentres os socialistas se preugntan se Castiñeira "para conseguir a legalización da súa casa no Corgo pagou o prezo de manter o silencio clamoroso que garda a respecto das reivindicacións de Lugo" o edil popular atribúe o asunto á "difamación" e "desesperación" por parte dos socialistas e do propio Orozco, "rei de imputacións por corrupción". Asemade, en declaracións á edición local de La Voz de Galicia inica que a casa non é un "chalé", senón "un chabolo" ou "un fin de semana". "O meu fin de semana é totalmente legal e non o legalicei coa declaración de núcleo rural", ao tempo que indica que "a ese señor -en referencia a Álvarez- non lle teño que amosar nin o carné de identidade".

Álvarez, amosando o seu carné de identidade © Concello de Lugo
Castiñeira, nun acto de partido CC-BY-SA PPdeG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.