O PSdeG esixe tamén que o rescate bancario inclúa unha solución para as preferentes

Xuntanza do PSdeG cos afectados polas preferentes, no Parlamento CC-BY-NC-SA PSdeG

"Esta xente non entende por que non se arranxa se estamos todos de acordo". O secretario xeral do PSdeG, Pachi Vázquez, chama deste xeito ao "acordo político" para ofrecerlles unha solución ás persoas afectadas polas participacións preferentes das antigas caixas, as cales teñen todos ou boa parte dos seus aforros atrapados en complexos produtos financeiros que non vencen nunca e que, en moitos casos, adquiriron sen recibir a información suficiente. E acordo, precisamente, é o que semella haber nas cuestións básicas, esencialmente en que moitos dos que agora reclaman a devolución dos seus cartos foron vítimas dun "calote". Tamén, cando menos en parte, nunha das posibles solucións. Como xa reclamara o BNG tanto en Galicia como no Parlamento Europeo, Vázquez ve tamén imprescindible que os cartos que cheguen a Novagalicia Banco procedentes do rescate europeo sirvan para arranxar esta "dramática" situación.

Pachi Vázquez: "Isto non se arranxa con cargas policiais nin tomándolle os datos a xente desesperada"

"A Unión Europea vai ser clave", di o socialista, porque sería "inxusto" que "o diñeiro que vén rescatar unha parte importante" de NCG Banco "deixe esquecidos os millóns que están no corralito" e que son un verdadeiro "produto tóxico" para milleiros de familias, entre 45.000 e 60.000 persoas, estima. "Rajoy di que hai que resolvelo, De Guindos di que hai que resolvelo, todo o mundo di que hai que resolvelo, pero hai que dicir como". Neste sentido, e tras reunirse cuns 50 representantes dos colectivos de afectados, Vázquez ve "decisivos" os días de negociación do rescate para logar "un gran acordo". "Son só 1.000 millóns" ou, o que é o mesmo, di, unha cantidade escasa en comparación co conxunto do rescate, pero un "drama de primeira magnitude" sobre o que non se poden "botar balóns fóra", tampouco "o presidente do Goberno galego, que segue escapando como no resto de problemas". "Isto -evidencia- non se arranxa con cargas policiais nin tomándolle os datos a xente desesperada", di, en referencia ás protestas dos afectados en diversas sedes da entidade bancaria e de institucións públicas.

Neste contexto Vázquez coida que "todas as forzas temos que presionar" ao Banco de España e á Comisión Nacional do Mercado de Valores (CNMV), así como á propia UE, "para que expliquen como foi posible que pasase iso e que agora ninguén teña responsabilidades para retrotraelo ao punto de orixe". Neste sentido, amósase convencido de que a nova actuación do Fondo de Reestruturación Ordenada Bancaria (FROB), a través do cal se xestionará o rescate bancario, "nacerá coxo e feble se non se contempla unha medida que facilite unha solución". "Levo moito tempo em política e levo vivido moitas situacións", enfatiza, "pero a cadra de drama que vexo reflectida nesta xente" lévao a pensar "que temos que subir moito o nivel de preocupación que temos todos" sobre os efectos das preferentes.

Comisión de investigación

Tamén o BNG, que vén desenvolvendo diferentes encontros cos afectados, reiteraba este luns a súa "preocupación" por que "a cuestión das preferentes siga sen ter unha solución política dende a Xunta, o Goberno do Estado e a Comisión Europea". En opinión da voceira dos nacionalistas no Parlamento, Ana Pontón, é imprescindible que "se aclare como pode incidir o proceso de recapitalización da banca" na busca de solucións xa que ese rescate "pode abrir algunha vía non precisamente positiva". Este, di Pontón, é un factor máis que fai máis urxente a "necesidade de creaceión dunha comisión de investigación sobre todo o que aconteceu nas antigas caixas", tamén sobre as preferentes.

O BNG esixe activar xa a comisión de investigación das caixas e que "traballe durante xullo e agosto"

Neste sentido a parlamentaria do Bloque coida que o presidente da Xunta "ten que empezar a dar un exemplo de coherencia" e "non dicir que está a favor" da comisión pero "votar en contra de que se coñeza a verdade". "Tal e como vemos o calendario de xullo", cun pleno extraordinario xa convocado no que non se inclúe a activación da comisión, "todo indica que a previsión é que se constitúa a finais de xullo" cando "non hai ningunha razón" para isto. "Instamos a constituíla xa e que traballe durante xullo e agosto", di Pontón, xa que, do contrario, podería darse o paradoxo de que "invsetiguemos cando xa non quede nada" das caixas.

As reclamacións da oposición eran de novo arrefriadas dende o PP. Malia que o propio Feijóo aseguraba a pasada semana que a comisión botaría a andar neste mes, Pedro Puy sinala, na liña da propia solicitude rexistrada polo seu grupo, que o prometido se fará "o máis axiña posible", pero sempre despois de que "se aprobe o plan de recapitalización" de NCG Banco. "Cando o presidente di algo, cúmprese", asegura, polo que "se di que en xullo, será en xullo". En calquera caso, o conservador evita precisar moito máis ao ser cuestionado pola posibilidade de que os antigos directivos rendan contas no Parlamento de Galicia nesta lexislatura. "Creo que nalgún momento teremos ocasión de ver a comparecencia na Cámara dalgunha das persoas que tiveron responsabilidade na xestión e na supervisión das caixas galegas". En todo caso, di, "estamos falando de futuribles".

Un intre da xuntanza do PSdeG cos afectados CC-BY-NC-SA PSdeG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.