O PSdeG estuda demandar o deputado do PP que o acusou de "aplicar a pena de morte"

O deputado Alberto Pazos © Parlamento de Galicia

José Alberto Pazos Couñago era un absoluto descoñecido na política autonómica ata o pasado martes. Cunha breve traxectoria no eido local na provincia de Pontevedra, Pazos debutou nesa xornada como voceiro do PP na comisión institucional do Parlamento e fíxoo por todo o alto. Ao conservador tocoulle fixar posición a respecto dunha iniciativa do BNG para garantir "os dereitos humanos" das persoas presas en xeral e, nomeadamente, daquelas "ás que se lle imputa a comisión de presuntos delitos de violencia de móbil político". O deputado popular realizou unha dura intervención que culminou acusando o PSOE de aplicar a "pena de morte" dende o Goberno central, unha afirmación pola que os socialistas xa estudan adoptar medidas legais.

"Pena de morte é a que aplicaron algúns gobernos socialistas sen xuízos previos a algúns acusados por terrorismo", proclamou un irado Pazos ante a estupefacción dos presentes". A voceira socialista no debate, Beatriz Sestayo, considerou que o conservador viña de "cometer un delito" e por iso o presidente da comisión, Agustín Baamonde, debía actuar para "retirar inmediatamente esas graves acusacións". Pero nin Pazos rectificou nin Baamonde actuou como se lle pedía, circunstancias que levaron este mércores aos socialistas a dirixirse por carta á presidenta da Cámara, Pilar Rojo, "para esixirlle que rectifique no seu comportamento tanto ao deputado como ao presidente da comisión, que tiña a obriga de manter o decoro da Cámara, tal e como sinala o Regulamento", explica Sestayo, en declaracións as Praza Pública.

Os socialistas dirixíronse á presidenta da Cámara para que propicie a rectificación de Pazos

Esta reclamación vaina trasladar tamén o PSdeG á Xunta de Portavoces do vindeiro martes, onde os socialistas "farán constar que estes feitos poden ser constitutivos de delito" e reclamarán tamén a retirada dunhuas acusacións que, segundo sinalan fontes parlamentarias, tampouco foron do agrado do xefe de filas do Grupo Popular, Pedro Puy. Se esa emenda non chega será cando a formación inicie "accións penais" contra o polémico debutante no Parlamento, quen ante as protestas de Sestayo -que abandonou a sesión xunto aos demais deputados do PSdeG- a despediu cun lacónico "yo también te quiero".

Un debate "de dereitos humanos"

As proclamas de Alberto Pazos producíronse no treito final da intervención na que tamén cargou contra o BNG. Antes, dende a lembranza dos principios "demócratas" e "pacifistas" do Bloque, o seu voceiro, Francisco Jorquera subliñara que a súa iniciativa pouco máis facía que reclamar a aplicación do que "contempla a lexislación", caso por exemplo de nun utilizar de maneira ordinaria a "lexislación de excepción" ou o "establecemento do réxime de incomunicación" de xeito habitual "unha práctica que aumenta o risco de violación dos dereitos humanos", cuestión que, subliña, mesmo advirte Amnistía Internacional.

A iniciativa do BNG sobre os "dereitos" das persoas presas atopou o apoio de AGE e PSdeG; Pazos convidou a Jorquera a "pasar por unha sede 'humeante' do PP"

"Pór fin ao uso abusivo" destas prácticas, evitar o "uso sistemático contra un colectivo de presos" do réxime de incomunicación", "pór fin á política de dispersión penitenciaria", "evitar o uso abusivo da presión preventiva como anticipo de pena" e "garantir a aplicación do Protocolo Garzón contra a tortura" eran os preceptos que o BNG pretendeu sacar adiante no debate parlamentario, proposta que atopou o apoio nas filas de AGE e do PSdeG. Pola banda de Alternativa Yolanda Díaz considerou "moi saudable nun país que leva o apelido de democrático" a aplicación de iniciativas como a do Bloque, mentres que dende a banda socialista a propia Sestayo se amosou "absolutamente de acordo" porque sobre a mesa estaba "unha cuestión de respecto aos dereitos humanos".

Tras Díaz e Sestayo foi a quenda para a acendida intervención de Pazos quen, tras realizar mencións máis ou menos veladas ao nazismo, proclamou que é "falso que se aplique automaticamente o primeiro grao a ningún colectivo" e, ademais, considerou que a iniciativa de Jorquera "esquece" que "esas criaturiñas foron detidas con explosivos". "É lamentable que grupos demócratas veñan pedir o cumprimento da lei aos xuíces" e aos corpos policiais, acrecentou o conservador, xa que "a quen hai que pedirllo é aos delincuentes". "Antes de presentar unha destas iniciativas pasen por unha das sedes humeantes do PP polos artefactos que colocan estes angelitos", remachou.

O deputado Alberto Pazos © Parlamento de Galicia

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.