O PSdeG insta a Xunta a prepararse para aproveitar o plan de emprego xuvenil da UE

Carmen Gallego, en rolda de prensa CC-BY-NC-SA PSdeG

En apenas unha semana será presentado en París o plan que, inspirado por Alemaña e Francia, ten diante de si o reto de crear emprego entre a mocidade, un dos colectivos máis damnificados pola actual crise económica. Dotado con 60.000 millóns de euros, as valoracións previas a este plan estiman que o Estado español será un dos principais beneficiario da medida, toda vez que a súa taxa de desemprego xuvenil , de máis do 55%, é a segunda máis alta de toda a Unión Europea, só superada por Grecia. Neste contexto é no que o PSdeG insta a Xunta a comezar a facer os deberes para captar o maior volume posible deses fondos.

O secretario xeral das Xuventudes Socialistas de Galicia, Aitor Bouza, e a voceira dos socialistas galegos en materia de emprego, Carmen Gallego, puxeron este luns sobre a mesa a necesidade de que o Goberno galego se poña man á obra para elaborar un plan de emprego xuvenil que "consensuado" coas organizacións da mocidade e dos sindicatos, lle saque o maior partido posible ao proxecto comunitario. En Galicia, subliña Gallego, "a taxa de paro xuvenil xa é superior á de ocupación" e o número total de xente nova desocupada incrementou en 90.000 persoa dende 2009. A eles, di, "hai que engadirlles" as "cerca de 40.000 persoas mozas" que "neste período saíron de Galicia", 11.000 ao estranxeiro.

O vindeiro 28 de maio presentaranse en París as liñas mestras do plan, dotado con 60.000 millóns

A Comisión Europea, di Gallego, está tentando que o Banco Europeo de Investimentos proporcione eses 60.000 millóns e "nós reclamamos que para España veña o equivalente ao 1% do noso PIB, arredor de 10.000 millóns". "Unha parte moi importante deses recursos -reclama- teñen que vir a Galicia para poñer en marcha políticas activas de  emprego", as mesmas ás que o gabinete de Alberto Núñez Feijóo lles aplicou unha tesoirada do 40% nos Orzamentos de 2013, lembra. 

Formación para persoas desempregadas ou medidas para "recuperar canto antes" os mozos e mozas que marcharon ao estranxeiro son algunhas das liñas que, din, debería ter este plan, para o que o PSdeG e as  súa Xuventudes presentarán unha proposta completa para "frear esta lacra". "Parécenos fundamental reconducir as políticas e xerar emprego para a mocidade", sinala Aitor Bouza, en cuxa opinión o Goerno galego debera facer especial "fincapé" en que boa parte da mocidade que procura traballo ten unha importante "cualificación acdaémica e profesional", a mesma que a leva a "abandonar o noso país, aínda que algúns se encaguen de dicir que marchan por gusto".

 

 

Carmen Gallego, en rolda de prensa CC-BY-NC-SA PSdeG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.