"O PSdeG non pode optar pola continuidade en ningún caso"

Puentes, nun acto de NSG CC-BY-NC-SA NSG

Iván Puentes, portavoz nacional de Novo Socialismo Galego, leva semanas percorrendo o país falando con militantes de todas as agrupación "e escoitándoos sobre todo", presentando a proposta dun PSdeG "máis de esquerdas e máis galeguista". O ex alcalde de Fene, de apenas 32 anos de idade pero xa unha longa traxectoria politica e de xestión, demándalle ao PSOE propostas máis claras e dende a esquerda: "Eu sempre digo que o PSOE non ten que mirar á esquerda, senón que ten que mirar os seus militantes, e os militantes socialistas son de esquerdas. O problema é que as políticas que practica o PSOE en certos ámbitos non se corresponde con esa ideoloxía de esquerdas". Aposta tamén por un partido "claramente galego, que sexa autónomo no seu funcionamento" e non teña "tutelas na súa capacidade de decisión". 

"O PSdeG ten que mudar de persoas e de caras, pero só con iso non se amañan os problemas do PSdeG, que ten que levar a cabo un proceso moi profundo de renovación do seu proxecto político"

O PSdeG está falando moito de persoas e pouco de proxectos e de ideas?

Sempre se cae na tentación de falar de lideres e de persoas, e dende logo as persoas son fundamentais porque son as que levan a cabo as ideas. Nós cremos que o PSdeG ten que mudar de persoas e de caras, pero só con iso non se amañan os problemas do PSdeG, que ten que levar a cabo un proceso moi profundo de renovación do seu proxecto político para que a cidadanía o vexa como unha solución aos seus problema e como unha alternativa ás políticas da dereita. Por iso nós, dende NSG, non estamos entrando nese debate e o que facemos é percorrer o pais para explicar, debater e escoitar as propostas para renovar o proxecto e o discurso do socialismo galego. E logo, cando se abra o proceso, pois haberá que escoller unhas persoas para levar a cabo ese proxecto. E falo de persoas, de equipos, porque nós temos claro de que liderado non pode ser individual.

Estades satisfeitos coa fórmula que parece ser a finalmente escollida para as primarias? Ténselles medo no PSOE ás primarias?

Nós dende logo non lle temos medo ningún pero si que observamos receos en determinadas instancias. Se non houbese reticencias todo o mundo tería que entender as primarias coma as entendemos en NSG: con urnas en todas as agrupacións locais e durante todo o dia, para que poidan votar todos e todas as militantes. E se o obxectivo é que participe todo o partido, no Congreso debería poder participar canta máis xente mellor, nós propoñiamos que houbese máis de mil delegados. De momento as urnas só van abrir unhas horas e no Congreso só vai haber uns 600 delegados, o que é un avance con respecto ao que tiñamos pero para nós non é suficiente.

"Mentres non se celebre ese congreso non haberá unha alternativa política que poder ofrecerlles aos cidadáns"

Os continuos adiamentos nestes procesos están dificultando que o PSdeG poida exercer unha oposición forte a Feijoo?

Eu creo que si. Se o Congreso se celebra en setembro o PSdeG levaría vivindo un ano en situación de interinidade cando despois das eleccións prometeuse que en xaneiro se convocaría o Congreso. Os nosos deputados e deputadas están realizando un magnífico traballo, pero esta situación non axuda e ademais a oposición non só se fai no Parlamento. Mentres non se celebre ese congreso non haberá unha alternativa política que poder ofrecerlles aos cidadáns.

"O PSOE nunca gobernou en España nin en Galicia sen antes ter experimentado un crecemento nas eleccións municipais"

A primeira gran pedra de toque para o PSdeG serán as municipais de 2015?

Si, a primeira gran proba van ser as municipais porque as eleccións europeas xóganse en clave estatal e porque o PSdeG sempre tivo unha forte implantación local. O PSdeG non é un partido de elites, senón que é un partido que nace da base, e por iso a importancia dese ámbito local. O PSOE nunca gobernou en España nin en Galicia sen antes ter experimentado un crecemento nas eleccións municipais. Se as cousas se fan ben, o PSdeG pode obter bos resultados e iso será fundamental para preparar as eleccións autonómicas do ano seguinte.

"O PSOE gaña as eleccións cando promove un proxecto claramente de esquerdas, e non outros proxectos máis confusos e máis próximos aos da dereita, sobre todo no ámbito económico"

Que necesita o PSdeG para recuperar a confianza perdida?

Necesita unha combinación de caras e de proxectos. Necesita demostrarlle aos cidadáns con feitos que aquilo que dicimos e defendemos cando estamos na oposición é tamén aquilo que facemos cando estamos no Goberno. O que temos que ter claro por riba de todo é que non podemos traizoar a confianza dos cidadáns. E nese novo proxecto socialista os dous ingredientes fundamentais son a esquerda e o galeguismo. Eu sempre digo que o PSOE non ten que mirar á esquerda, senón que ten que mirar os seus militantes, e os militantes socialistas son de esquerdas. O problema é que as políticas que practica o PSOE en certos ámbitos non se corresponde con esa ideoloxía de esquerdas. Se facemos un repaso histórico, vemos que o PSOE gaña as eleccións cando promove un proxecto claramente de esquerdas, e non outros proxectos máis confusos e máis próximos aos da dereita, sobre todo no ámbito económico. E en cando ao galeguismo o Partido Socialista ten que incorporar aquilo que tamén pensan os seus militantes: que Galicia é unha autonomía e que debe facer unha política autónoma, e o PSdeG debe defender por riba de todo os intereses de Galicia. Ser galeguista é adoptar decisións para defender os cidadáns deste pais.

Hai alternativas dende a esquerda?

A gran mentira que se nos intenta colar é que a esquerda non é a solución. Hoxe demostrouse que as políticas de libre mercado non eran a solución para a maioría dos cidadáns. A crise fai que a maioría da poboación se abra ás alternativas da esquerda: ten que haber institucións políticas fortes que poñan límites ao mercado. É certo que a situación da UE, absolutamente secuestrada pola dereita, dificulta poñer en marcha políticas de esquerda, pero iso non significa que non haxa espazo.

"A xente está debatendo na rúa sobre o laiciscmo ou sobre a república ou sobre os impostos. E tamén o fan os militantes socialistas, pero iso non se traduce en propostas concretas do partido"

Ao PSOE fáltalle clarificar as súas propostas e visibilizar que ten unha proposta diferente? Necesita marcar un perfil propio con propostas concretas sobre fiscalidade, federalismo, republicanismo...?

...Ou sobre o laicismo, por exemplo. A iso refírome eu cando falo de proxecto político. Que o PSOE vai defender mellor que o PP a sanidade ou o ensino público, iso está claro. Pero hai que ir máis aló. O mesmo que fixo o PSOE nos anos oitenta cando puxo en marcha o Estado de Benestar como o coñecemos hoxe. A xente está debatendo na rúa sobre o laiciscmo ou sobre a república ou sobre os impostos. E tamén o fan os militantes socialistas, pero iso non se traduce en propostas concretas do partido. Falta debater moito, tomar postura sobre moitos asuntos e construír ese proxecto político.

A PSdeG faltoulle en moitos momentos dos últimos trinta anos ter un proxecto galego, de país?

Eu creo que si. Creo que con Touriño foi o único momento no que de verdade tivemos un proxecto de defensa do país e realmente alternativo. E aí o partido avanzou moito. E nós temos que seguir por ese camiño. A xente ten claro que é galega e queren que o Goberno galego defenda os seus intereses. E o PSdeG debe ter a súa autonomía dentro do PSOE, o seu espazo propio.

"Pachi Vázquez representa a continuidade, ten toda a lexitimidade para facelo, por suposto, pero é un partido moi diferente ao que nós queremos"

Chegado o caso, Pachi ou Besteiro? A xente de NSG sentídevos máis próximos ao proxecto de un ou do outro?

O gran debate que se dá nestes momentos é entre a continuidade e a renovación. E nós entendemos que o PSdeG non pode optar pola continuidade en ningún caso. Todos os proxectos que aposten por un modelo de partido coma o que houbo até agora e por defender as políticas que se defenderon até agora están condenados ao fracaso por que iso xa se testou nunhas eleccións. O que se precisa é renovar o partido. Con todos aqueles que queiran renovar o partido e escoitar o que está pedindo a xente nós podemos falar traballar e construír para facer realidade ese novo partido. Pachi Vázquez representa esa continuidade, ten toda a lexitimidade para facelo, por suposto, pero é un partido moi diferente ao que nós queremos. E sobre Besteiro quero saber aínda con que proposta se presenta, con que ideas, con que equipos, con que xente. Nós o que queremos facer polo de agora é presentar a nosa proposta e sobre todo escoitar os militantes.

Puentes, nun acto de NSG CC-BY-NC-SA NSG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.