O PSdeG pide contas á Xunta pola condena ao xefe da Policía autonómica "por malos tratos" en 1976

Rueda, nun acto con membros da Unidade de Policía Adscrita © Conchi Paz

Este venres foi o último día de traballo antes da xubilación do comisario xefe da Unidade de Policía Adscrita á Xunta -a popularmente coñecida como Policía Autonómica-, José Antonio Álvarez. Así o sinalou na comisión institucional do Parlamento o director xeral de Emerxencias e Interior, Luis Menor, que acudía á Cámara para responder unha pregunta do PSdeG que a provia voceira socialista, Marisol Soneira, define como un "asunto desagradable". Trátase, di Soneira, de "feitos gravísimos" acontecidos no seo deste corpo policial que van dende a "preocupación polo uso" do coche oficial do propio comisario xefe ata "espectáculos bochornosos en controis de alcolemia", "manipulación de informes" e unha "sentenza firme por malos tratos a detidos" en 1976.

O ditame xudicial ao que se refire Soneira produciuse en Barcelona apenas un ano despois da morte do ditador Francisco Franco. Segundo recollía daquela o xornal Informaciones a condena a Álvarez e a outro policía produciuse na súa condición de inspector da Brigada de Investigación Social da capital catalá. Alí ambos axentes detiveron dous homes "como presuntos militantes do partido Bandera Roja" e "durante a práctica [do interrogatorio]" segundo a sentenza, "golpearon reiteradamente" un dos detidos, "utilizando ao efecto os seus puños e outros obxectos ou instrumentos contundentes". A Xustiza condenou o policía galego a doce días de arresto menor e ao pago solidario dunha indemnización de 7.000 pesetas.

Os socialistas cuestionan que "entre todos os policías de orixe galega o señor Rueda se fixase nunha persoa cunha condena por este motivo"

"Este país foi moi xeneroso con moita xente", sinala Soneira, quen se pregunta se "entre todos os policías nacionais de orixe galega" non resulta "un pouco sorprendente que o señor [Alfonso] Rueda se fixase nunha persoa que tiña unha condena por estes motivos" para dirixir a UPA dende 2009, cando apostou polo relevo do axente que dirixía a unidade dende tempos de Fraga. "Todo o mundo ten dereito a reconsiderar as súas posicións, refacer a súa vida e recoñecer que estivo equivocado", subliña a deputada socialista, quen, non obstante, non considera "razoable" asociar a "imaxe" do comisario que agora se xubila á da Policía Autonómica.

O director de Interior lamenta que se mencione "a estas alturas unha condena por unha falta de lesións no ano 76" e subliña que "calquera persoa ten dereito á rehabilitación"

En opinión de Menor resulta "moi triste" que se "traia a colación" este suceso no momento en que o comisario "sae" do corpo policial tras "42 anos de servizo". "Non hai delito de malos tratos, é un xuízo de faltas", resalta, sobre un asunto sobre o que non ten "nada que dicir". O alto cargo da Vicepresidencia, que leva tres meses exercendo este labor, afirma non saber se "no seu momento", cando foi nomeado, "se coñecía" a condena dos anos 70. "Entendo que non", resolve, se ben salienta tamén que "ninguén o puxo de manifesto". "Calquera persoa ten dereito á rehabilitación" e, por iso, non considera pertinente "traer a estas alturas unha condena por unha falta de lesións cando tiña unha responsabilidade cando era un policía". "Pero non lle podo dicir, porque foi no ano 76", zanxa.

Uso do vehículo oficial

Alén deste asunto Marisol Soneira instou tamén o director xeral a aclarar se, como denuncian "os sindicatos policiais", este comisario xefe veu utilizando o seu vehículo oficial "a tempo completo, mesmo fóra do horario laboral", o que implicaría "un trato distinto a unha persoa concreta" que se "salta unha instrución interna da Dirección Xeral da Policía" do Ministerio do Interior, a cal restrinxe o uso destes coches aos "servizos policiais". "O que nos fan chegar os sindicatos é que mesmo levou un vehículo oficial de vacacións", afirma. "Alguén -ilustra- terá que explicar por que o comisario xefe vén polas mañás a Santiago, vai comer a mediodía á Coruña e volve pola tarde" en vehículo público, afirma.

"Non se ten acreditado ningunha irregularidade", afirma a Xunta

Dende o punto de vista de Menor o PSdeG tenta "abrir unha causa xeral contra o comisario", o que non impide, di, achegar os datos que o PSdeG pediu relativos a gastos de combustible ou reparacións do seu coche. "Non se ten acreditado ningunha irregularidade" no uso deste automóbil, afirma Menor, quen explica ademais que o comisario "ten plena dispoñibilidade, non ten horario" e "cando xorde unha actuación ten que estar". "Non ten xornada laboral estita e a utilización que fai" do coche "é, obviamente, para as funcións inherentes ao desempeño do cargo", asegura.

Nova sobre a condena, no xornal 'Informaciones' en 1976 © Fundación Juan March
Referencia á condena publicada no 'ABC' © ABC

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.