O secretario xeral do PSdeG-PSOE, Gonzalo Caballero percorreu este xoves a Mariña lucense con senllos actos en Viveiro, Burela e Foz, uns encontros nos que reiterou unha das ideas que os socialistas están a repetir nesta campaña electoral: o perigo de que a dereita chegue ao poder e que o faga a través dun acordo coa ultradereita de VOX.
“Se todos os progresistas nos mobilizamos agora, marcaremos un cambio de tempo político en Galicia”
Caballero chamou a unha “mobilización masiva” para que “ninguén quede na casa” o 28 de abril e alertou do “risco de involución” que suporía un acordo do PP con VOX. O líder dos socialistas galegos subliñou que “cada voto ao PP é un voto para que Vox e a ultradereita poidan decidir o futuro do país”.
“As enquisas van moi ben, pero non queremos gañar as enquisas, queremos gañar as eleccións, e non nos podemos confiar”, dixo Caballero, que destacou que "o partido de Feijóo está pinchando nesta campaña", de xeito que “se todos os progresistas nos mobilizamos agora, marcaremos un cambio de tempo político en Galicia” que permitirá dicirlle a Feijóo que “o seu ciclo chegou á súa fin”.
“As galegas e os galegos non queremos ningún acordo coa ultradereita á que o PP lle esta a abrir as portas”
Unhas mensaxes semellantes ás que lanzara este mércores pola noite en Camariñas e Cee, onde dixo que “as galegas e os galegos non queremos ningún acordo coa ultradereita á que o PP lle esta a abrir as portas”. Caballero esixiulle a Núñez Feijóo que “faga rectificar a Casado na súa disposición a pactar coa ultradereita”.
A maiores, Gonzalo Caballero fixo fincapé en que “o PP está convertido na casa da confusión”, pois “un día un di unha cousa e outro di outra; de repente o exemplo da moderación era Suárez Illana e logo sae falando do aborto e dos neandertais; outro día a candidata por Barcelona sae dicindo calquera cousa disparatada; o que di Feijóo non coincide co que di Casado, o que di Rajoy non coincide co que di Aznar…”.