O PSdeG remata o "camiño" centrado en pedir o voto "responsable" para liderar o cambio

Besteiro, xunto a outros cargos socialistas, no Monte do Gozo © PSdeG

"Rematamos hoxe o camiño da esperanza, o cambio seguro e responsable é posible o domingo con Pedro Sánchez". Logo de percorrer o último treito do Camiño de Santiago, desde o Monte do Gozo á praza do Obradoiro, Gómez Besteiro volveu deixar clara a súa mensaxe. Apela ao voto útil da esquerda e pide apoio ao PSOE para liderar o espazo de cambio no Estado, pero tamén en Galicia, onde o auxe de En Marea pon en perigo a segunda posición do PSdeG. 

Besteiro e o PSdeG insisten na "responsabilidade" de votar ao PSOE ante o auxe de En Marea

Acompañado pola número 1 da candidatura dos socialistas galegos ao Congreso pola Coruña, Pilar Cancela, o secretario xeral do PSdeG parou xunto a gandeiros e mariñeiros mobilizados e dixo rematar "o camiño" dunha campaña na que insistiu, como este venres, en "deixar atrás catro anos nefastos para darlle volta a esta Galicia e a esta España do revés". E volveu aludir á "responsabilidade" que suporía votar a Pedro Sánchez fronte a outras opcións de esquerda, en clara alusión a En Marea ou NÓS, ou na necesidade de "non arrepentirse" o vindeiro luns. 

As enquisas -tamén a do CIS- que advertían durante a campaña da pelexa entre PSdeG e En Marea pola segunda posición en Galicia marcaron a campaña dos socialistas no país. Besteiro arroupou a Pedro Sánchez e os seus candidatos no mitin máis multitudinario do PSOE na comunidade autónoma -e ata daquela o máis concorrido no Estado- e alertou alí dos "emerxentes de Rajoy", cargando con intensidade contra Ciudadanos e contra a "rebeldía permanente" de Podemos e os seus aliados. Pilar Cancela pediu aos seus simpatizantes que non permitisen "leccións" nin deles nin do nacionalismo e seguiu o ronsel do candidato á presidencia do Goberno central.

Pedro Sánchez, xusto o día despois dun debate no que as enquisas non o deixaron moi ben parado, tirou na Coruña de rabia e ton alto para protagonizar un dos momentos da campaña. Se García Formoso, presidente da Deputación da Coruña, apelaba a Venezuela, Sánchez tiraba de Grecia para cargar contra Podemos e contra Pablo Iglesias e reivindicou a berros para pedirlle aos seus simpatizantes que saquen a "raza que levan dentro", se sintan "orgullosos" e non permitan "ningunha lección ao PSOE". 

Sánchez protagonizou en Galicia un dos momentos da campaña, ao cargar a berros contra Podemos e Iglesias

"O único partido que asegura o cambio é o PSOE", din as cuñas publicitarias dos socialistas nunha mensaxe repetida polos candidatos do PSdeG en campaña. Mesmo Besteiro chegou a pedir a En Marea que aclare a que partido apoiaría no Congreso, tras cargar contra a súa "indefinición importante", consciente dun efecto das mareas que foi evidente nas pasadas municipais. 

Colleu protagonismo Besteiro, mesmo por parte de Rajoy, que empregou a súa imputación no caso Garañón para cargar contra Pedro Sánchez co gallo da corrupción. O líder do PSdeG defendeuse deixando claro que nada tiña que ver o problema xeralizado do PP cun caso particular de que, ademais, "non é candidato a nada". E rematou así a campaña, consciente como é de que o seu futuro e o do seu partido depende moito dun 20D que, en Galicia, serve tamén de importante pedra de toque para unhas autonómicas que chegarán en menos dun ano. 

Besteiro, xunto a outros cargos socialistas, no Monte do Gozo © PSdeG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.