O 7 de setembro de 2010 viviuse no Congreso dos Deputados unha das xornadas máis agres na historia da autonomía galega. Unha delegación do Parlamento de Galicia composta por Pedro Puy (PP), Xoaquín Fernández Leiceaga (PSdeG) e Anxo Quintana (BNG) interveu no pleno da Cámara Baixa para defender a transferencia á Xunta das competencias de tráfico e seguridade viaria, reclamadas por unanimidade dende o Parlamento galego dous anos antes, na etapa do bipartito. No entanto, tanto PSOE como PP optaron por tombar o que os seus propios compañeiros defendían: os socialistas votaron en contra ao non ver necesario e o PP, que co seu voto a prol podía desequilibrar a balanza, abstívose ao considerar que non era o momento oportuno. Seis anos despois, o PSdeG vén de retomar a reclamación desa transferencia, xunto a outra de petición case eterna, a da AP-9.
O candidato socialista á presidencia da Xunta, Xoaquín Fernández Leiceaga, presentou este sábado xunto á cabeza de lista do partido pola Coruña, Pilar Cancela, un "decálogo de impulso económico para Galicia" que, din, defenderán perante o vindeiro Goberno central das as eleccións do 26 de xuño. Trátase, di Leiceaga, de "romper a campaña con propostas serias, introducir un debate serio sobre contidos para falar do que Feijóo non fixo" por estar "máis preocupado pola súa carreira en Madrid que por defender a Galicia". Nese paquete inclúese unha reforma do financiamento autonómico, caducado dende 2014, e "o reforzamento do nivel competencial", a comezar polas trasnferencias pendentes.
O traspaso do tráfico implicaría desenvolver a policía galega, contemplada por lei dende 2007
Nesta liña, indica o documento, a aposta do PSdeG será "reclamar o mesmo nivel de competencias que as comunidades autónomas de réxime común con maior descentralización". As "prioridades" pasarán por culminar a devandita transferencia de tráfico, o que implicaría o desenvolvemento da lei que, aprobada en 2007, completa o despregamento da policía galega e a substitución, en boa medida, da Policía Nacional. Tamén reclaman a transferencia da Autoestrada do Atlántico, por articular "seis das oito áreas urbanas máis importantes" e por ser o traspaso a Galicia o "primeiro paso para conseguir modular o sistema de peaxes". Cómpre ademais, din, facer efectiva a transferencia da inspección de traballo.
A intención do documento é "romper a campaña con propostas serias", di Leiceaga
Os socialistas vinculan estes traspasos coa "revisión inmediata do modelo de financiamento" na que, din, proporán criterios ata agora non ponderados, como o espallamento poboacional, e "unha maior autonomía" para, por exemplo, "poder determinar dentro de marxes razoables os tipos da retención sobre o 50% do IPRF" e a transformación dos impostos cedidos polo Estado en impostos propios da Xunta. A reforma da lei de estabilidade ou o "reforzo" do fondo de compensación interterritorial forman tamén parte dun decálogo que inclúe tamén a propostas de prezos "sostibles" para o leite ou novos repartos de cotas de pesca. O documento aposta tamén polo remate das obras de AVE, a "potenciación" das industrias culturais e medidas ambientais como a rexeneración da ría do Burgo ou a "revisión" da prórroga de ENCE.
Todas estas medidas "baten", segundo Leiceaga e Cancela, co xeito en que actuou o PP nos últimos anos tanto na Xunta como no Goberno de España. Os conservadores, din, puxeron "como bandeira o cumprimento do déficit" pero despois "crearon mecanismos que facilitan que as comunidades autónomas incumpridoras se poidan financiar en mellores condicións" que as que si cumpren as normas marcadas, como Galicia.