O PSdeG usa a baza das mareas galegas para reclamar un 'si' a Pedro Sánchez

Pedro Sánchez e Besteiro, no mitin da Coruña © PSOE

O PSOE vén de atopar unha nova baza para presionar a Podemos e ás súas confluencias, como En Marea, para que permita a investidura de Pedro Sánchez. Todo xurdiu logo de que a alcaldesa de Madrid, Manuela Carmena, asegurase nun acto que "desexaría" con toda a súa "forza" que dos actuais debates "saíse un acordo para un goberno forte de cambio". A rexedora asegurou que "non sería bo" continuar sen executivo e que "o peor" sería repetir eleccións.

O PSOE usa unhas declaracións de Carmena, nas que pedía "un acordo para un goberno de cambio" para reclamarlle a Podemos o apoio a Sánchez

Axiña, o PSOE reclamou á formación morada o seu apoio na segunda votación deste venres, reclamando que "atenda o que lles di a alcaldesa de Madrid. O voceiro socialista no Congreso, Antonio Hernando, insistiu en pedir a Podemos "que faga a caso a Carmena", pero a rexedora non tardou en aclararse. Na súa conta en Twitter, reclamou que non a "malinterpretaran" e asegurou que "un goberno forte e do cambio é un goberno de coalición entre o PSOE e Podemos", o que non suporía aceptar o pacto entre Ciudadanos e Partido Socialista, tal e como interpretaron desde a banda de Pedro Sánchez. 

Pero a baza xa estaba na man do PSOE... E tamén no PSdeG. O seu secretario xeral, José Ramón Gómez Besteiro, non tardou en pedirlle aos alcaldes das mareas "que se apunten ao cambio e ás reformas" e á "exposición lóxica" da alcaldesa de Madrid e aludiu ao apoio do seu partido á investidura dos gobernos locais das diferentes candidaturas municipalistas en cidades e vilas galegas que permitiron gobernar, por exemplo, á Marea Atlántica na Coruña, a Compostela Aberta en Santiago ou a Ferrol en Común na cidade departamental. 

Besteiro pídelle aos alcaldes das mareas "que se apunten ao cambio e ás reformas" e á "exposición lóxica" da alcaldesa de Madrid

“O PSdeG o fixo nas cidades despois das últimas eleccións municipais porque entendeu que era o momento do cambio e dixo si a ese cambio”, asegurou Besteiro durante unha vista a Portosín. “Non hai que esperar para mudar de políticas, outros partidos con representación en Madrid como En Marea saben que a pesca é una prioridade para os socialistas galegos e de toda España, como tamén a reindustrialización, un pacto para o lácteo, as pensións e a enerxía”, insistiu en referencia ás esixencias da coalición galega para un suposto apoio a Sánchez. 

"Non é a cambio de nada", engadiu o líder dos socialistas galegos, senón de "participar todos nese modo distinto de facer política". Así, apelou a "pensar en Galicia" e nos "beneficios que pode lle pode traer" a Galicia "o cambio" no Goberno central e "deixar á marxe posturas demagóxicas que non so entendidas nin compartidas polos cidadáns" como a autodeterminación. Insistiu en que a "prioridade" do seu partido é "a axenda social" e non ese "dereito a decidir" que, segundo di, sería prioritario para En Marea. 

O PSdeG insiste en que a súa prioridade é "a axenda social" e acusa a En Marea de priorizar o dereito a decidir

Ao tempo, Besteiro di non ter "temor" a debater sobre Angrois, logo de que a coalición de esquerdas puxera como condición para un posible acordo que se levase a cabo unha comisión de investigación sobre o tráxico accidente. "Non hai maiorías absolutas que impidan expolo. Hai que levalo á Cámara e decidir", dixo tras insistir en que non teme que "se discuta todo o que se queira". 

Besteiro insistiu na súa "man tendida" para "falar de feitos concretos", pero non sobre "outro tipo de operacións que van máis dirixidas ao mundo mediático, a facer símbolos". 

En Marea advírtelle ao PSOE que "a pelota segue no seu tellado"

Desde En Marea, Alexandra Fernández, a súa voceira, volveu pedir aos socialistas que "non fagan caso dos poderes fácticos, dos cantos de serea do felipismo zombi e do socioliberalismo" e que "recupere os seusu principios, aos que hia tempo que non se ve no PSOE, a parte máis socialista, e que recúe no acrodo con cidadáns". "De seguir por ese camiño. só imos cara á gran coalición, xexa ou non con eleccións", advertiu. 

"Por máis que se repita que non dan os números, que non se escuden; si dan, o único que está facendo o PSOE é ir cara a unha gran coalición", repetiu Fernández, que rematou advertindo que "a pelota segue no tellado do PSOE". Ademais, rexeitou as críticas de Feijóo ao seu discurso na primeira sesión de investidura. "Se lle pareceu pouco falar dos sectores produtivos, de Ence, cunha comisión de investigación do accidente do Alvia e dunha realidade diferenciada, que volva escoitar", rematou. 

Ademais, Feijóo teme que un adianto das elección beneficie a En Marea. O presidente da Xunta cre que o paso do tempo restará votos á confluencia en Galicia. "Canto máis pase, máis imos coñecer como goberan as cidades", dixo. “Irémonos decatando de que as cidades que goberna Podemos están paralizadas", rematou. 

Sánchez e Besteiro, nunha comparecencia en Santiago CC-BY-NC-SA PSdeG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.