A mediados de xuño de 2010 o PSdeG celebrou unha "conferencia política". A dirección socialista, xa encabezada por Pachi Vázquez, quixo que aquél cónclave de dous días en Compostela fose o punto de inicio dun proxecto "socialista e galeguista" que rachase co pasado, entendido como o partido que non fora quen de suturar as feridas da abrupta perda do Goberno, un ano antes. Naquel evento tentaran escenificar ademais que un cabo que estaba solto deixara de estalo: na xornada de clausura a cúpula do partido entrou no auditorio do Palacio de Congresos de Galicia acompañada por Emilio Pérez Touriño. Dalgún xeito, procurábase tapar bocas e silenciar as voces que falaban de separación, cando non de enfrontamento, entre Vázquez e o ex presidente. Dous anos despois, os socialistas galegos procuran, de novo, a súa identidade.
Esta nova busca prodúcese nun contexto se cabe máis traumático para a formación que o complexísimo escenario de 2009 e 2010. Chega tras un durísimo correctivo electoral no que dos 25 escanos de Touriño, próximo ao teito do partido en Galicia -González Laxe lograra 28-, pasan a uns 18 que lembran máis os dificilísimos tempos que seguiron as eleccións de 1997, con Abel Caballero como candidato. Con sete escanos e 230.000 votos perdidos na batalla o secretario xeral trazou un roteiro do que polo momento só se coñece o final, a súa marcha do cargo, pero non os tempos exactos. Vázquez proponse pilotar o proceso que desemboque nun congreso extraordinario no ano 2013, pero xa hai voces internas que procuran ser tamén externas para reclamar celeridade na renovación.
En 2010 o PSdeG celebrou unha conferencia política para artellar un proxecto "socialista e galeguista", a nova procura prodúcese nun contexto máis traumático
O primeiro en falar, esixindo directamente a dimisión de Vázquez, foi o ex deputado Ismael Rego, abertamente touriñista e afastado dos postos de saída nas listas do 21-O -pechou simbolicamente a candidatura por Lugo-. Vinte e catro horas despois, este martes, saía á palestra o secretario xeral do partido na Coruña, quen ademais foi cabeza de cartel pola provincia, Francisco Caamaño. O ex ministro de Xustiza cre que para "recuperar a ilusión do electorado" o Partido Socialista precisa "unha profunda renovación nas ideas e nas persoas". Este proceso debe comezar, ao seu xuízo, por que Pachi Vázquez "arbitre durante un tempo" o camiño ao congreso. Pero matiza; a sociedade galega "difícilmente entendería" que o que foi candidato á Xunta lidere o partido no Parlamento tras a derrota "sen paliativos".
As verbas de Caamaño, que inclúen unha aposta pola convocatoria de "primarias abertas", desataron unha verdadeira treboada entre os seus detractores, que ao longo do día manifestaron por múltiples vías que o ex ministro poida representar "renovación" no partido por, entre outros aspectos, a forte caída en votos e escanos na provincia da Coruña. Así, por exemplo, para o alcalde de Ares, Julio Iglesias, é "inconcibible" que Caamaño poida dar "leccións de renovación" no seo do PSdeG e Ángel Burgos, membro do comité provincial que tentara disputarlle a secretaría xeral a Pachi Vázquez, emitiu unha dura nota de prensa na que reta o líder provincial: "se ten ovos e é coherente, rétoo a que predique co exemplo e esas primarias empece por convocalas primeiro na súa provincia" e "lle pregunte así á militancia se quere ou non seguir téndoo como líder despois de perder votos as dúas veces que liderou a candidatura -nas xerais e nas autonómicas-".
"Aclararse internamente" e "construír un proxecto galego"
No medio da tensión xorden tamén outras voces igualmente críticas coa actual dirección, se ben sensiblemente máis pausadas nas formas. Este é o caso, por exemplo, do ex deputado Xoaquín Fernández Leiceaga, quen ve nun "déficit de gran profundidade" na "conexión co electorado" unha das causas que provocou o "malísimo resultado" do PSdeG, que "perde catro de cada 10 votos" malia á crise económica e os recortes do PP. O Partido Socialista, en Galicia como no resto do Estado, explica, está a ter "dificultades serias para representar o núcleo progresista da sociedade" e para poder facelo "hai que facer unha renovación profunda, non só de persoas", aínda que "tamén" haxa que acometer, dende o seu punto de vista, esas mudanzas orgánicas porque "a actual dirección quedou moi tocada" tras os comicios.
Leiceaga: "Introduciuse unha lóxica de supervivencia dos aparatos en vez de abrirse á sociedade"
Para Leiceaga "hai que pensar ben os contornos da n0sa oferta política, que proxecto temos para Galicia" tras uns anos nos que, dende o seu punto de vista, o partido non logrou o obxectivo que procurou na devandita conferencia política de 2010, a "construción dun proxecto galego" que "era o obxectivo central da época de Touriño". Nisto, dende a súa óptica, "deuse marcha atrás e é percibido polos cidadáns". "Hai unha especie de repregamento sobre o propio partido, introducindo lóxicas de supervivencia dos aparatos en vez de abrirse á sociedade". "Xusto cando a sociedade reclama máis participación", lamenta.
Cal é o camiño, polo tanto? "O primeiro -na súa opinión- é aclararse internamente" e para iso "é inevitable" que o congreso extraordinario "se produza nos próximos tres meses" e que del "naza unha dirección para os próximos catro anos" cunha "liña política clara" que teña o reto de "configurar unha alternativa" dende unha "oposición intelixente" que ademais agora ten unha "presión" engadida, a presenza dun grupo de esquerdas adicional no Parlamento, como é a AGE de Xosé Manuel Beiras.