O PSOE de Muros intenta lexitimar cunha moción as actitudes contra o galego no Concello

Concello de Muros CC-BY-SA L. Miguel Bugallo Sánchez

O conflito vén de lonxe. Hai tan só unhas semanas, o asesor xurídico do Concello de Muros, José Luis Barro, demandou o ex concelleiro do BNG, Xosé Ramón Farinós por chamarlle "fascista" no seu perfil de Facebook. Segundo denuncia o Bloque e A Mesa, Barro, a pesar de cobrar das arcas municipais e de actuar en representación da Administración, impide que os veciños e veciñas de Muros se dirixan a el en galego, tanto nas reunións no gabinete da alcaldía como nos xuízos nos que participa representando o Concello de Muros. Agora, o PSOE, partido que goberna a localidade, intenta lexitimar a actitude do asesor xurídico a través dunha moción que vai en contra do regulamento do uso do galego no Concello.

CxG pedíralle á alcaldía a destitución do asesor xurídico por poñer trabas ao uso do galego

Agora, o grupo de Compromiso por Galicia (CxG) acusa o asesor xurídico de poñer trabas aos veciños que se expresen en galego -e que xa amosaron as súas queixas-, ben sexa por que non o entende, o cal segundo a ordenanza municipal onde se regula o uso do galego o incapacita para exercer o cargo; ou ben "porque lle dá a gana, abusando da autoridade que lle dá o cargo que ostenta".

Por este motivo, Compromiso e BNG pedíronlle á alcaldesa Caridad González a destitución de Barro, "en cumprimento da ordenanza municipal do uso do galego, hoxe en vigor, e a que lle lembre aos demais traballadores locais a necesidade do seu cumprimento, tanto na atención aos veciños, como na elaboración de todo tipo de expedientes municipais". Ademais,  CxG rexistrou unha moción propoñendo a súa destitución por "tentar obrigar a veciños e veciñas de Muros a que falen castelán incumprindo o Regulamento de uso do galego".

O PSOE, co apoio do PP, presenta unha moción para lexitimar o asesor e que é contraria ao regulamento do uso do galego

En resposta a esta moción, que se debaterá este xoves 25 de abril, PSOE e PP presentan outra conxunta na que se reclama o uso "indistinto do galego e castelán", eliminando a preferencia polo galego. Pouco despois, esta mesmo moción foi corrixida e pasou a non ser compartida por socialistas e populares, senón a proposta do PSdeG, aínda que o parágrafo inicia segue nomeando os voceiros de ambos os dous grupos.

A alcaldesa pretende mediante esta moción lexitimar o asesor xurídico e obviar o Regulamento de uso do galego aprobado en 2001 por unanimidade a proposta do PSOE e do PP, que daquela gobernaban en Muros cun pacto. "Podémonos expresar en galego ou castelán , respectando ese dereito profundo de carácter individual que é usar a lingua que sentes como propia, a túa maneira de comunicarte co mundo e cos demais, polo que ninguén - como pretenden os non adscritos - pode atentar contra ese dereito persoal e inalienable do ser humano", di a moción.

Ademais, o Concello de Muros di "manter a súa defensa de que o galego é a lingua propia de Galicia , sen carácter preferente e sen exclusión do castelán" e alude a unha "recente sentenza do Tribunal Constitucional referida a Cataluña". Así, asegura que a administración local "garantirá o uso normal do galego e do castelán para que ninguén sexa discriminado por esa razón".

A Mesa reclama á dirección do PSdG-PSOE que desautorice publicamente a moción en Muros "contra o uso do galego"

A Mesa pola Normalización Lingüística xa amosou o seu “abraio e indignación” pola intención da alcaldesa socialista de Muros de aprobar no próximo pleno do concello unha moción rexeitando o uso preferente do galego na Administración, e xustificar así o seu incumprimento reiterado do Regulamento municipal de uso do galego vixente no concello muradán.

Caridad González “presenta o mundo ao revés” e entende que garantir o dereito legal da veciñanza de Muros de se dirixir en galego ao Concello é “unha medida discriminatoria por razón de lingua”, disque porque iso fai que a Administración local estea obrigada a contratar persoal capaz de entender ese complicado idioma local.

“O delirio galegófobo da alcaldesa socialista, aplaudido polo PSOE local, pretende camuflar como vítima de discriminación lingüística a quen, cobrando do diñeiro público, prohibe a veciñanza de Muros falar galego nas dependencias do concello”, sinalou o presidente da Mesa.

Concello de Muros CC-BY-SA L. Miguel Bugallo Sánchez

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.