O PSOE forza o PP para que suprima o voto rogado que ambos pactaron hai catro anos

Escrutinio do voto do CERA © España Exterior

Prometeuno Feijóo na campaña andaluza en América e exíxeo agora o PSOE. O grupo socialista aproveitará a vindeira sesión de control ao Goberno no Congreso para reclamar de novo a supresión do voto rogado na emigración. A eliminación dun sistema que, precisamente, fora implantado polo último goberno de Zapatero logo dun acordo co PP e co apoio de BNG, CiU e PNV en 2011. Agora, os dous grandes partidos póñense de acordo para dar marcha atrás nunha reforma electoral que vetou a participación da diáspora nos comicios locais e que, basicamente, buscaba evitar as continuas fraudes denunciadas no exterior en cada unha das eleccións. 

A deputada galega Carmela Silva rexistra unha pregunta para que o Goberno aclare se elimitará o voto rogado xa de cara ás xerais

Foi a deputada galega do PSOE Carmela Silva quen xa rexistrou xa unha pregunta no Congreso para que o ministro do Interior, Jorge Fernánez Díaz, aclare á Cámara o vindeiro mércores se ten a intención de suprimir o voto rogado para as xerais de finais de ano. Non debera haber problema de cumprírense as promesas de Feijóo, que en Arxentina xa dixo hai tan só uns meses que o obxectivo é que o Congreso aprobe a nova lei electoral nos vindeiros meses para "poder exercer xa o dereito a voto directo en consultados, embaixadas e centros da colectividade nas próximas eleccións xerais". Sería coas garantías legais e co voto presencial que nunca se puxera en marcha aínda malia as continuas denuncias por manipulación ou mesmo os votos de persoas falecidas. 

A reforma da lei electoral de hai catro anos tivo dúas consecuencias: a emigración deixaba de participar nas eleccións municipais, as consideradas máis próximas á cidadanía e, sobre todo, implantábase o voto rogado, isto é, para participar nos comicios dende o exterior habería que solicitalo antes, ao xeito do voto por correo ordinario. O resultado foi o previsto e o contrario ao que agardaban PP e PSOE: as persoas inscritas no CERA (Censo de Españois Residentes Ausentes) deixaron de recibir as papeletas de votación automaticamente na súa casa, pedírano ou non e sen comprobación previa de se seguían vivas. E a participación caeu en picado.

A reforma da lei electoral vetara o voto emigrante nas municipais e implantou o voto rogado; a participación caeu en picado

A necesidade de solicitar o voto cambiaba a práctica habitual levada a cabo por milleiros de emigrantes ou descendentes de galegos (e españois) inscritos no CERA desde hai décadas, que lanzaron duras críticas. Unha situación que nada ten que ver co caso da maioría de emigrantes novos e recentes que por mor da crise abandonaron España. Son residentes temporais enunciaron as dificultades para poder votar nos comicios municipais, vetados para os integrantes do CERA, logo de apuntárense como transeúntes nos consulados e non ter recibido a documentación necesaria. 

As denuncias dos mozos emigrantes, e residentes temporais, polas dificultades para votar nas municipais nada teñen que ver co CERA

En Galicia o CERA non se abriu neste 24M no que só houbo municipais, pero a participación dos emigrantes nos últimos comicios foi en picado. Nas xerais de 2011, a circunscrición galega con máis participación do exterior, Lugo, apenas pasou do 5%, na Coruña subiu levemento do 4% e en Ourense e Pontevedra ficou en algo máis do 3%. Nas eleccións autonómicas de 2012 a tendencia mantívose e a abstención do CERA roldou o 96%. Nas autonómicas de 2009, non obstante, participara o 30,3% da emigración fronte ao 3,2% das de 2012. Nas europeas deste 2014 a participación non chegou nin ao 2%.

Ademais, nos últimos comicios autonómicos do 24M en varias comunidades nas que si podía votar o CERA, tan só solicitou o voto rogado o 5% dos que tiñan dereito a facelo. E Podemos acabou facéndose coa vitoria entre a diáspora en varias comunidades autónomas, entre elas Madrid. 

Agora o PSOE forza a máquina para acabar con este sistema, logo de que todos os intentos dos últimos anos foran rexeitados. En outubro de 2013, o PP rexeitou unha iniciativa socialista alegando que o actual modelo era o que mellor evitaba a fraude. Non obstante, en marzo de 2014, o grupo popular si admitiu a trámite unha proposta de reforma electoral que chegou desde o Parlamento galego. Era de 2008, pero aquela iniciativa que pretendía estender o voto en urna entre o CERA serviu de punto de apoio para darlle a volta á situación e pórlle fin ao sufraxio rogado. Os antecedentes que permitiron numerosas irregularidades e a ausencia de garantías provocaron as críticas  e dúbidas do BNG que, xunto con outras formacións, censurou o cambio de criterio dos dous grandes partidos xusto despois de que comprobasen a baixada na participación e de apoios na diáspora. A historia volve repetirse. 

Carmela Silva, deputada galega no Congreso CC-BY-NC-SA PSdeG
Escrutinio do voto do CERA © España Exterior

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.