O PSOE non quere permitir que as candidaturas que se presentaron vinculadas a Podemos en Galicia, Cataluña e Comunidade Valenciana teñan grupo parlamentario propio. A decisión non está pechada, pero dela dependerán en boa medida as opcións de Pedro Sánchez para conseguir o apoio de Podemos e as confluencias nunha virtual investidura do socialista.
A pesar da súa posición inicial en contra, o negociador socialista, Antonio Hernando, reuniuse este luns cos responsables das confluencias para sondar apoios de cara á configuración da Mesa do Congreso e ante unha eventual investidura de Sánchez.
Antonio Hernando reuniuse este luns cos responsables das confluencias para sondar apoios de cara á configuración da Mesa do Congreso e ante unha eventual investidura de Sánchez
Fontes parlamentarias do PSOE repiten o argumentario que o PP tamén fai seu: as confluencias son Podemos e, polo tanto, non poden ter grupo propio. O regulamento do Congreso aclara que para ter grupo propio é necesario obter un 15% dos votos nas circunscricións nas que se concorreu e, ademais, ter polo menos cinco deputados. Todas as confluencias asociadas con Podemos cumpren esta premisa, pero enfróntanse agora á acusación de que os seus catro grupos parlamentarios serían catro partes da mesma cousa.
Fronte a esta situación está a doutras formacións como ERC que non conseguiron o 15% dos votos que esixe o regulamento pero que, con toda probabilidade, acabará tendo grupo propio. Os republicanos cataláns lograron un 15,98% dos sufraxios en Cataluña, pero non lograron superar o 15% na circunscrición de Barcelona, onde obtiveron un 14,48%. O regulamento do Congreso esixe superar esa porcentaxe en todas as circunscricións nas que se concorre como condición para ter grupo propio. ERC logrou un 23,44% en Xirona, un 22,26% en Lleida, e un 17,48% en Tarragona.
Quedan poucas horas para que os principais partidos negocien a posibilidade de apoios para decidir a presidencia do Congreso. Os socialistas xa puxeron enriba da mesa o nome de Patxi López. O lehendakari apresurouse a pregoar a postura oficial do seu partido, contraria á configuración de catro grupos.
Neste contexto, o PSOE traballa na procura de novos apoios e non descarta ceder un dos postos que lle tocan na Mesa do Congreso para cederllo ao Partido Nacionalista Vasco. Os seis deputados do PNV non parecen suficientes para equilibrar ningunha balanza en favor de Sánchez pero en Ferraz non queren dar por perdido nin un só voto por se os equilibrios finais os convertesen en necesarios.
O PSOE aspira a lograr o voto favorable na segunda rolda polo menos de Ciudadanos. Cos 40 votos dos de Albert Rivera conseguirían superar os 123 do PP
Os socialistas dan por feito que sacarán adiante o nomeamento de López como presidente do Congreso. Non será por maioría absoluta pero consideran que lograrán máis votos que o candidato do PP. O PSOE aspira a lograr o voto favorable na segunda rolda polo menos de Ciudadanos. Cos 40 votos dos de Albert Rivera conseguirían superar os 123 do PP. Pensan que os demais grupos non votarían a favor do PP, senón que como moito se absterían, polo que lograrían ter máis votos a favor do exlehendakari.
As negociacións seguirán ao longo deste martes e poden prolongarse até primeira hora do mércores. O Pleno de composición das Cortes arrinca ás 10 da mañá. Fontes parlamentarias socialistas expresan que Ciudadanos sairía gañando se alcanza un acordo co PSOE para ocupar máis postos na Mesa do que lle correspondería. No entanto, todo segue moi aberto, posto que o partido de Rivera está tamén negociando co PP.