O que o Parlamento non investiga

Votación nun pleno do Parlamento © Parlamento de Galicia

O Regulamento do Parlamento establece no seu artigo 52 que o pleno da Cámara "por proposta da Xunta, da Mesa, de dous grupos parlamentarios ou da quinta parte dos deputados membros da Cámara poderá acordar a creación dunha comisión de investigación sobre calquera asunto de interese público". O vindeiro martes concorrerá no pleno do Parlamento unha desas circunstancias: AGE e BNG defenderán conxuntamente -en solitario non teñen escanos dabondo para facelo- indagar en sede parlamentaria sobre as causas do accidente ferroviario de Angrois e as medidas de seguridade do tren en Galicia. A maioría absoluta do PP botará por terra esta petición que, previsiblemente, tampouco terá o apoio do PSdeG cuxo voceiro, Abel Losada, considera "precipitado" crear un órgano parlamentario que os conservadores poderían convertir nun "paripé", di.

O PP xustifica desta volta o veto sinalando a través do seu voceiro, Pedro Puy, que "non é conveniente" investigar no Parlamento unha materia na que está a indagar a Xustiza e mentres, ademais, están en marcha investigacións internas de Adif e Renfe. Con estes argumentos os populares galegos ratificarán o duodécimo freo a unha investigación no lexislativo galego na última década. Os incendios, supostas fraudes no emprego público, xestión dubidosa de fondos do erario... A oposición atopou causas diversas para investigar mentres, as máis das veces, o grupo ou grupos que sustentaban o Goberno non o consideraron conveniente.

VIII Lexislatura: freo a indagar nas caixas

A oitava lexislatura autonómica, primeira con Alberto Núñez Feijóo na presidencia da Xunta, estivo marcada en boa medida pola fusión e posterior desaparición das antigas Caixanova e Caixa Galicia. A oposición esixiu en múltiples ocasións abrir unha investigación sobre o acontecido nas entidades e tamén sobre as "indemnizacións millonarias" que levaron consigo a maioría dos seus ex directivos. Finalmente, a solicitude que se aprobou non foi a do PSdeG nin a do BNG, senón unha formulada polo PP no verán de 2012. O adianto das eleccións paralizou a comisión, que se reanudou na vixente lexislatura entre acusacións de "paripé" por parte da oposición.

A oitava lexislatura estivo marcada pola fusión e desaparición das caixas de aforro

Antes das caixas a lexislatura comezaba co PSdeG reclamando investigar a compra da sede do PPdeG, instalada nos baixos dun edificio do barrio compostelán de San Lázaro en cuxos andares superiores se ubica a fundación FEGAS, ligada ao Sergas e cuxo prezo de construción se elevou en arredor dun millón de euros, custo semellante ao dos locais dos conservadores. O mesmo destino correu a petición de investigación sobre o presunto sobrecusto na adxudicación da autovía da Costa da Morte, tamén formulada polo PSdeG. Pola súa banda, o propio PP chegou a rexistrar unha petición de investigación sobre a que denominaba "trama agraria", termo creado polos populares para acusar os socialistas de utilizar subvencións públicas para "pagar campañas electorais". Esa investigación non chegou a ser activada.

VII Lexislatura: lume e Gaiás

O primeiro período lexislativo en 16 anos sen dominio absoluto do PP saldouse cun episodio case extraordinario: a aceptación dunha comisión de investigación solicitada pola oposición que afectaba directamente a un partido do Goberno. Foi a que indagou no caso da suposta axente electoral do PSOE que, presuntamente, captou votos para os socialistas na Arxentina viaxando con fondos da Consellería de Traballo, daquela dirixida por Ricardo Varela, tamén secretario de organización do PSdeG. Este foi o mandato no que tamén se celebrou a comisión de investigación sobre a Cidade da Cultura, impulsada por PSdeG e BNG -o PP pedíraa pola súa banda e foi rexeitada- e que deu lugar a imaxes moi recordadas como a comparecencia de Manuel Fraga ou a do ex conselleiro de Cultura Jesús Pérez Varela.

Feijóo chegou a esixir que todos os grupos tivesen dereito a impulsar dúas investigacións cada lexislatura

Naquela lexislatura os conservadores reclamaron investigar sobre máis materias: supostas irregularidades no hospital de Vigo, o cambio na empresa adxudicataria da autovía do Barbanza e, sobre todo, os incendios de 2006. Nese tempo Feijóo, co traxe de líder opositor, chegou a propoñer que todos os grupos parlamentarios tivesen o dereito de poñer a funcionar dúas comisións de investigación en cada lexislatura con independencia de que o resto da Cámara estivese ou non de acordo. Esa proposta non saíu adiante nesa altura pero tampouco cando Feijóo chegou á cadeira da Presidencia da Xunta.

VI Lexislatura: comisión interruptus para o Prestige

O PP pechou a comisión do Prestige

A convulsa sexta lexislatura autonómica, a derradeira con Manuel Fraga ao mando, se por algo estivo marcada foi polo naufraxio do Prestige fronte ás costas galegas e a polémica xestión do sinistro realizada polos gobernos galego e central. A oposición socialista e nacionalista reclamou unha comisión de investigación e esta chegou a crearse. Non obstante, o PP fixo valer a súa maioría absoluta para, primeiro, negar o acceso a certos documentos e vetar comparecencias e, despois, para pechar a propia comisión. A través dunha creación dunha norma parlamentaria ad hoc os conservadores estableceron a "disolución anticipada" da comisión "pola imposibilidade material de rematar o labor encomendado". Durante a breve vida da comisión dirixentes populares como o daquela conselleiro da Presidencia, Jaime Pita, atribuía as protestas da oposición ao triunfo "da liña dura, dos radicais de Nunca Máis, os das algaradas, os que alteran a orde pública".

Membros da comisión da Cidade da Cultura, de visita nas obras Gaiás © Parlamento de Galicia
Fraga e membros do seu Goberno, con Feijóo en primeiro termo © Parlamento de Galicia

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.