O que os Orzamentos do Estado non traerán a Galicia

Un intre do debate das emendas, no Congreso © Congreso dos Deputados

O Congreso dos Deputados debateu 155 emendas aos Orzamentos Xerais do Estado referidas a Galicia. Deixando á marxe as de UPyD, que reclamaban restar fondos, e as do PP -só tres e por importes menores-, todas as demais encamiñábanse a sumar créditos para diversas actuacións no país. Coa sinatura do PSOE (85), do BNG (43) e do grupo da Izquierda Plural (8), estas achegas ás contas públicas do Goberno de Mariano Rajoy foron rexeitadas, da primeira á última, pola maioría absoluta do PP. Aínda que non entrarán en vigor, si permiten obter un esquema das áreas nas que estes grupos da oposición consideraron prioritario investir.

Como adoito, boa parte das emendas aos Orzamentos referidas a Galicia centráronse nas infraestruturas, a comezar polas ferroviarias. Así, por exemplo, os socialistas reclamaron 6 millóns de euros para a variante do AVE en Cerdedo ou 2 millóns para as aínda inexistentes obras da liña de alta velocidade entre Ourense e Lugo. O PSOE coincidiu co BNG na reclamación de millón e medio de euros para a estación intermodal de Lugo, á que o PSOE engadía 100.000 euros para unha infraestrutura semellante en Pontevedra.

As infraestruturas centraron as emendas da oposición sobre Galicia

Tanto os socialistas como os nacionalistas fixeron tamén fincapé na necesidade de financiar estudos para a implantación de servizos ferroviarios de proximidade en Galicia. Así, o PSOE formulou catro emendas, unha por provincia, para realizar estes estudos por 150.000 euros cada un. Pola súa banda, o Bloque pedía un estudo xeral para todo o territorio galego, dotándoo con 400.000 euros. Ademais, ambos grupos políticos coincidiron tamén en pedir máis fondos para o Eixo Atlántico ferroviario e para a conexión ferroviaria co porto exterior da Coruña

Alén das infraestruturas

O BNG e IU reclamaron fondos para o dique flotante de Ferrol

Máis alá do ámbito das infraestruturas, onde tanto o PSOE como o BNG poñen o acento en numerosas actuacións puntuais que é posible consultar no documento anexo a esta información, as emendas galegas aos Orzamentos do Estado puxeron tamén a vista no ámbito industrial, especialmente no naval. Así, o Bloque e mais IU esixiron fondos para a construción do dique flotante en Ferrol. Os nacionalistas cifraron esta construción en 140 millóns de euros e, pola súa banda, o grupo encabezado por Cayo Lara reclamaba 30 millóns para o dique, 20 para a súa cobertura e 30 máis para "proxectos de investimento para a reestruturación e rexenración da actividade industrial naval" en Ferrolterra.

Ao tempo, os grupos da oposición reclamaron -infrutuosamente- investimentos para Galicia en materia agraria e ambiental. Son as emendas do BNG as que poñen un maior acento no medio rural e mariño, pedindo 25 millóns para un plan lácteo que se estendese de 2014 a 2017, 10 millóns para un plan de acción pesqueirea e 25 máis para investir nun programa de desenvolvemento rural. Ademais, a formación que dirixe Xavier Vence observaba tamén a necesidade de investir 20 millóns de euros nun programa de rexeneración de entornos afectados polos incendios forestais. Todas estas emendas foron rexeitadas.

Un intre do debate das emendas, no Congreso © Congreso dos Deputados

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.