Starvos Karagkounis, membro do departamento de Política Europea de Syriza, fala con vehemencia cando se lle pregunta polo seu país. En cada frase pretende advertir do "desastre" que lle espera á cidadanía no Estado se España acode ao rescate. Sabe ben do que fala porque chega dunha Grecia dominada pola troika onde, lembra, "a xente está a pasar fame, a sanidade non funciona e os neonazis son un problema". Pero ten esperanza e está convencido de que a unión da esquerda real e a resistencia do pobo será o que permita un cambio que, confía, "empezará en Galicia". O pasado venres apoiou a Alternativa Galega de Esquerda nun acto na Coruña e falou con Praza nunha charla que continuou logo nunha rolda de prensa.
Como se atopa Grecia na actualidade?
A situación actual en Grecia probablemente é a mesma que terá España en poucos meses despois do rescate. O sistema sanitario non funciona, o Estado non paga nada, as escolas non poden funcionar porque non hai moitos profesores e o número medio de alumnos por clase é duns 35... Ao mesmo tempo, seguimos sufrindo moitos recortes e por todo isto a xente está na rúa. Ademais, nos últimos tres anos houbo 3.500 suicidios en Grecia, o que supón un grande incremento. Podería falar de moitas máis cousas...
"Ter educación agora en Grecia é un luxo porque moitos dos nenos están a pasar fame"
Impresiona escoitar falar sobre a situación dos nenos e da educación en Grecia.
A situación é moi mala e, aínda que sexa triste dicilo, ter educación agora en Grecia é un luxo porque moitos dos rapaces están a pasar fame e ese convértese no principal problema. Para facernos unha idea de como está a educación, só direi que este é o primeiro cursos no que os nenos gregos non teñen libros para ir á escola.
Que deben aprender Galicia e España da situación de Grecia?
O problema de España é que ten que aprender moitas cousas de Grecia. As persoas que viven no Estado español deben coidarse moito porque un rescate, un memorando, significa o desastre da sociedade. Se queredes sufrir un desastre, podedes aceptar o que di o señor Rajoy, pero se non o queredes, teredes que resistir moito.
Como se resiste nun Estado onde un partido de dereitas ten a maioría absoluta e aproba as súas políticas sen problema?
A xente non ten a cultura de resistir porque nos anos 80, 90 e na primeira década de 2000 todos vivimos moi ben. Perdemos o contacto co noso pasado revolucionario, pero canto peor é a situación, máis fácil aprende a xente a resistir. A maioría dos gregos non teñen nada que ver coas revolucións de hai anos, pero os problemas que ten a sociedade grega impuxeron que a xente saíse á rúa. O Goberno de Grecia acusa agora a Syriza de botar a xente a rúa a protestar, pero non é así. Non é Syriza quen di á xente que saia, senón que a xente sae e Syriza está ao seu lado como maior partido da oposición, sen as súas bandeiras, pero ao carón do pobo. Resistir é unha cousa que se aprende.
"Se a esquerda quere gobernar, precisa que o pobo estea na rúa"
E que cambia que a xente estea na rúa?
Cambiou a cultura e a mentalidade da xente. O pobo entende que estar na rúa é algo normal porque se non saes non tes futuro, non tes nada. Iso é moi importante, porque cambiar a conciencia da sociedade é fundamental. Se a esquerda quere gobernar, precisa que o pobo estea na rúa. Sen a xente na rúa, a esquerda non pode facer nada contra un sistema bipartidista. Ademais, polo menos agora a señora Merkel e outros poderosos líderes da UE poden ver xa que o pobo en Grecia non atura máis. Se eu fose o presidente do Goberno grego, mandaría a xente á rúa na visita de Merkel para amosarlle á chanceler que non podemos máis, pero non o fixo. Como bo funcionario e empregado de Merkel, a Policía prohibiu as manifestacións e, aínda así, o pobo mostrou o seu rexeitamento nas rúas. Se en Grecia prohíbes algo, será o dobre de xente o que o acabe facendo.
É tan grave o problema da fame en Grecia?
Pásase fame, claro que si, e é unha pena falar de que nun país europeo, en 2012, gran parte do pobo sofre fame. De feito, empezamos xa cun sistema de solidariedade social onde grupos, desde hai dous ou tres meses, colaboran con familias desfavorecidas. Pero aquí hai outro problema, que é o partido dos neonazis, Amencer Dourado, que fai todo o posible para explotar esta situación e aproveitarse da desesperación de moitos gregos.
"En situacións de crise tan graves, sempre aparecen grupos neonazis, pero cando a cousa cambie, estes partidos non terán cabida en Grecia"
Por que xurdiu esta forza fascista e racista en Grecia?
En situacións de crise tan graves, sempre aparecen estes grupos porque tamén o sistema necesita destes partidos neonazis para impoñer a súa política. No noso caso pasa con Amencer Dourado, pero creo que cando a cousa cambie, esta formación racista non terá cabida no sistema político grego porque o que está a facer é aproveitarse do momento.
É a unión e a forza da esquerda tamén unha situación excepcional pola crise?
Nunca se sabe porque o que está claro é que a esquerda pensa moito, dálle moitas voltas á cabeza antes de conformar algo, pero creo que a unificación será permanente porque é a hora da esquerda.
"A clave de Syriza foi gañarnos a confianza da xente participando sen bandeiras en todos os movementos sociais e poñéndonos do lado dos desfavorecidos"
Cales foron as claves do éxito de Syriza?
Unha das nosas claves foi a participación en todos os movementos sociais, no apoio ás clases e á xente desfavorecida, pero ao carón deles sen ningunha bandeira. Fomos gañándonos a confianza da xente a base tamén de respectar as diferenzas existentes nos diferentes movementos, pero situándonos sempre ao lado dos de abaixo e cunha proposta alternativa ao que xa tiñamos visto até o de agora.
E por que agora esta esquerda transformadora e anticapitalista? Ten cabida un movemento similar en España?
O pobo sempre recorre á esquerda cando hai moitos problemas. Sempre é así e, en certo modo, é normal que sexa así. Tamén creo que é a hora da esquerda real e anticapitalista en España porque, ademais, xa ten a experiencia doutras unións noutras partes de Europa. Se non actúa agora a esquerda, quen o vai facer? E se non é agora, cando vai ser?
De verdade cre que as eleccións en Galicia teñen importancia para o resto de Europa?
Cando Rajoy acepte o rescate de Merkel, a realidade de Grecia pronto será a realidade de España. O cambio en Europa empezará no sur, pero en España o cambio empezará polo norte, empezará en Galicia e en Euskadi e logo en Catalunya. O voto en Galicia terá impacto na vida do meu fillo de catro anos. Se os galegos rexeitan o memorando, esta mensaxe chegará a outras partes e influirá porque habería unha mellor expectativa de futuro para todos os que tesmos loitando por un cambio de políticas en Europa.
Cara a onde vai Grecia logo de que Merkel recomendase ao Goberno seguir coa ruta marcada de recortes e axustes?
Non vai cara a ningures así. O outro día preguntábanlle a un cidadán grego sobre as palabras de Merkel, nas que nos recomendaba seguir o camiño. O home respondeulle que igual tiñan que seguir o camiño, pero que se cadra ese camiño remataba na tumba.