O persoal que traballa e cobre baixas durante o verán, as camas pechadas no Hospital de Lugo no período estival e, agora, o persoal que se xubila. A Consellería de Sanidade e o Servizo Galego de Saúde teiman na práctica de ocultarlle ao Parlamento datos básicos a respecto do seu funcionamento e, sobre todo, da súa política de recursos humanos. Desta volta, quen preguntaba era a voceira socialista en materia sanitaria a través dunha iniciativa por escrito. Carmen Acuña reclamaba os "datos referidos ao persoal médico e de enfermaría que cesou na súa actividade por xubilación" entre 2011 e 2013 e cantos destes postos foron "cubertos" ou "amortizados", pero o departamento de Rocío Mosquera, contradicindo o Regulamento parlamentario, contesta cunha brevísima resposta que só permite facer unha aproximación aos datos reais.
Nun contexto no que as restricións do Goberno central só permiten cubrir o 10% das xubilacións -no vindeiro ano sobe ata o 50%- Sanidade, no canto de ofrecer datos concretos, remite a Acuña ao Plan de Ordenación de Recursos Humanos do Sergas, aprobado en 2012. Neste documento incluíase nunha "previsión do número de profesionais" que "teñen 65 ou máis anos cumpridos a 31 de decembro de 2011 ou os cumprirán antes do 31 de decembro de 2013" e, "polo tanto, se van xubilar durante este período", evidencia a resposta da Consellería.
Entre 2011 e 2013 chegaron á idade de xubilación 1.695 profesionais da sanidade pública galega
Atendendo ao incluído naquel documento, entre 2011 e 2013 ían traspasar a idade de xubilación un total de 1.695 profesionais, dos que 586 correspondían ao grupo de persoal licenciado -por exemplo, de medicina ou farmacia-, 664 profesionais procedentes de diplomaturas ou FP e 445 máis das áreas de xestión e servizos. Vista a previsión, cantas delas se xubilaron? "No que se refire ao persoal facultativo o número de xubilacións se axusta á previsión feita", continúa a resposta, mentres que "en canto ao persoal diplomado universitario de enfermaría, o número de profesionais que se teñen xubilado no mesmo período é un pouco superior á cifra estimada, consecuencia da tendencia crecente a solicitar a xubilación anticipada por parte deste colectivo". Nin unha soa cifra.
Malia á ausencia de información oficial máis concreta outra ollada ao devandito Plan de Recursos Humanos permite coñecer, cando menos, algún dato máis. Así, esa orde de 2012 detallaba o persoal "en condicións de incorporarse" a traballar no Sergas. Para isto, botaba man dos números da oferta pública de emprego (OPE) 2009-2010 no que atinxe ao persoal que se presentou á mesma e ás prazas dispoñibles en cada unha das categorías. A suma de todos e todas as profesionais indica que case 55.000 persoas optaron daquela a algún posto dos 3.377 que se convocaran.
Cabe concluír, polo tanto, que nestes últimos anos houbo persoal dabondo dispoñible para cubrir todas e cada unha das xubilacións. Así e todo, os datos oficiais do Ministerio de Facenda indican que entre 2011 e 2014 Galicia pasou de ter 34.948 profesionais da sanidade a contar con 32.985, case 2.000 menos, unha redución do 5,6% que supera a cifra de persoas xubiladas. Nesta liña, o propio Plan de Recursos Humando admite que "o número de presoas aspirantes admitidas para acceder ao emprego é superior ao número de prazas convocacdas e de profesionais (...) que acadarán a idade de xubilación forzosa", se ben, advirte, o contexto económico, "adverso e incerto", condiciona "inevitablemente a adopción de medidas con impacto económico".
As outras explicacións do Sergas
Neste punto é no que chegan as explicacións máis recentes ao respecto da política de persoal, ofrecidas hai poucos días pola propia conselleira. Mentres o persoal sanitario advirte de que a "política de non substitucións" está a complicar a atención á cidadanía mesmo nos centros de saúde Rocío Mosquera celebra o incremento das taxas de reposición do 10% ao 50%, pero asegura que non é "oportuno" elevalas máis para así conseguir poder substituír todo o persoal que se xubila.
Mosquera non cre "oportuno" que a taxa de reposición suba do 50%
Ela, indicou a finais de setembro á prensa, non estaba "de acordo" co límite do 10% e por isto "todos os anos pedíamos que se subise". Agora, asegura, o 50% deixa "francamente satisfeitos" os responsables da Xunta, mentres advirte de que a taxa "nunca estivo no 100%, nin en épocas de bonanza económica". Con todo, na liña da resposta parlamentaria, a conselleira tamén evita concretar con números como repercutirá nos centros sanitarios a nova situación. "Permite unha maior folgura" á hora de cubrir xubilacións e "estudarase en cada categoría", limítase a dicir.