O Sergas impide saber a evolución das listas de espera ao excluír Povisa do cálculo global

Informe de listas de espera do pasado marzo, último con Povisa, e o publicado este venres CC-BY-SA Praza Pública

Como no célebre anuncio do xogo de mesa cuxo propietario só aceptaba seguir xogando se eran aplicadas as súas propias regras. O pasado mes de xuño o Servizo Galego de Saúde ofrecía a habitual información trimestral sobre as súas listas de espera e, por primeira vez, excluía do cálculo global a enorme demora de Povisa, o policlínico privado que, por mor do concerto coa Xunta, é o centro sanitario de referencia para uns 140.000 pacientes potenciais da sanidade pública na área de Vigo. Este venres o Sergas ofreceu os datos de espera do terceiro trimestre de 2014 e, lonxe de ser a de xuño unha exclusión puntual, volve deixar fóra do cómputo total o centro vigués, facendo imposible, a efectos prácticos, que a cidadanía poida coñecer canto se espera, de media, no sistema sanitario que sufraga cos seus impostos.

A última ocasión na que o Sergas fixo público o dato medio de espera incluíndo a Povisa, en marzo deste ano, a demora global para acceder a unha operación cirúrxica era de 82,8 días, case 12 días máis que no primeiro trimestre de 2009, cando o PP retornou ao Goberno. Nese momento o dato da espera "sen Povisa" era de 66,4 días. Este dato, que Sanidade contrapuña á espera "con Povisa", viña sendo ofrecido polo Executivo galego dende o outono de 2011, cando a clínica viguesa iniciou unha escalada na súa demora media que o levou, no terceiro trimestre de 2012, a tocar teito cuns disparados 212,4 días de media.

A media nos hospitais do Sergas é de 81,5 días e en Povisa, concertado e referencia para 140.000 pacientes, chega a 199,9 días

Así as cousas, o que ata hai seis meses era un dato complementario, a espera media "sen Povisa", é agora o único dato global dispoñible. Segundo a información que vén de difundir o Sergas a espera media nos seus hospitais é de 81,5 días, 1,1 días máis que no terceiro trimestre de 2013. Este é, ademais, o nivel de espera máis alto dende que a Consellería presenta os datos deste xeito.

Mentres, en Povisa a agarda media é de 199,9 días, 9 días por baixo do terceiro trimestre de 2013 pero máis de 20 por riba do obxectivo marcado no acordo de xestión asinado co Sergas o pasado setembro. Neste documento o compromiso é rebaixar antes de 2015 a demora media a 175 días, mentres que os hospitais públicos teñen marcado, por lei, un límite de 60 días tras os que a Xunta está facultada para enviar os pacientes á privada. O acordo contempla, asemade, que as arcas públicas acheguen á empresa viguesa uns 75 millóns de euros ao ano. 

O Sergas négase a revelar o dato tras cinco anos de subas

O novo xeito de presentar as listas de espera chegou tras cinco anos de subas sistemáticas na demora media para acceder a unha operación cirúrxica. Ata marzo deste ano, cando a Xunta deixou de ofrecer os datos globais, os crecementos interanuais da demora foron practicamente continuos. Así, por exemplo, se Sanidade ofrecese este venres o dato incluíndo a Povisa no cálculo habería que comparalo co terceiro trimestre de 2013, cando foi de 98,9 días, o mesmo que en 2012. Mentres, en 2011, o terceiro trimestre pechouse cunha espera de 93,4 días, en 2010 con 90,7 e en 2009, con 92 días. No entanto, non é posible realizar unha comparación homoxénea, toda vez que o dato non está publicado e, ao ser consultada por Praza Pública, a Consellería confirmou que non está disposta a ofrecer esa información.

Neste contexto, ao ser imposible coñecer estas cifras nin tampouco calculalas -para poder achalas habería que saber, por exemplo, a data na que foi incluído cada paciente nas listas de cada hospital-, a cidadanía tampouco pode saber cal foi o impacto real do peche de camas ditaminado para o pasado verán, o maior da historia do Servizo Galego de Saúde. Como informou Praza Pública, durante o verán Sanidade mantivo pechadas 1.095 camas, 163 máis que o pasado ano e un 140% máis que en 2009. Algunhas delas, segundo confirmou este venres o xerente do Clínico de Santiago en rolda de prensa, aínda non foron "desbloqueadas".

Neste clima de escasa transparencia no Sergas, que afecta non só ás listas de espera senón tamén, por exemplo, á información sobre canto persoal traballa no período estival ou a respecto do número de xubilacións, dende Sanidade ponse o acento no tempo de espera de atención das "patoloxías máis graves", sen desagregar a información por hospitais. Así, nunha nota de prensa a Consellería sinala que "o Servizo Galego de Saúde continúa garantindo o compromiso de atender as patoloxías máis graves por baixo dos 30 días e as graves, arredor dos 60 días.

Nomeadamente, o goberno asegura que nos pacientes con doenzas de "prioridade 1" a atención chegou no terceiro trimestre aos 19,8 días e, "no tocante aos pacientes con patoloxías de prioridade 2, o tempo medio de espera foi de 56 días. "Sanidade segue a traballar na mellora da atención en tempo e xestionando segundo criterios homoxéneos en base á gravidade do paciente e á capacidade de resolución da intervención", agrega.

A conselleira de Sanidade e os seus altos cargos, no Parlamento © Xunta

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.