O soberanismo faise forte pola esquerda nunha Cataluña que castiga a Artur Mas

Artur Mas, na súa chegada á sede de CiU © CiU

Artur Mas xogouno a todo ou nada. Intentou centrar o debate electoral na soberanía e o dereito a decidir para agochar as consecuencias dos duros recortes aplicados por CiU desde a súa volta á Generalitat en 2010. Pero non puido. Apostou por unha maioría absoluta e non só quedou moi lonxe dela, senón que sufriu unha caída histórica en apoios electorais. E non foi por que a sociedade catalá non recollese a luva que lanzou tras a impresionante manifestación do pasado 11 de setembro en Barcelona. Pero recolleuna quitándolle apoios ao nacionalismo de dereitas e dándollo ao independentismo de esquerda, que foi un dos grandes triunfadores duns comicios que volveron amosar a enorme pluralidade da sociedade catalá. Convergència perde case dez puntos e 12 escanos, case os mesmos que gañaron ERC (que sumou once máis, acadou 21 e converteuse en segunda forza) e as CUP (que entran por primeira vez no Parlament con tres deputados).

CiU perde doce escanos, case os mesmos que gaña o independentismo de esquerdas; ERC aumenta once deputados e as CUP entran con tres

Foi un fracaso do órdago de Artur Mas nunha xornada marcada pola enorme participación (case o 70% e máis de dez puntos máis que hai dous anos) e por uns resultados que insisten na división dun electorado que lle deu a vitoria ao soberanismo (CiU, ERC e CUP suman 73 escanos e cinco máis que a maioría absoluta), pero que castigou os recortes sociais da dereita cun duro golpe ao partido gobernante, que supón tamén  un éxito do nacionalismo de esquerda e da propia esquerda alternativa, as grandes vencedoras da xornada, xunto a Ciutadans, que tamén incrementou apoios recollendo votos de descontentos dunha e doutra banda.

Mas reclamaba un liderado forte cara á autodeterminación, pero o apoio ao soberanismo virou á esquerda

Apoiados nunha alta participación, Esquerra Republicana de Catalunya (ERC) e a CUP (Candidatura d'Unitat Popular) aumentaron en escanos e apoios. O independentismo de esquerdas deu un salto xusto no momento no que Artur Mas reclamaba un liderado forte, conservador e masivo para CiU de cara á autodeterminación, que de ser algún día, deberá estar baseada en pactos e coalicións e para nada na figura dun líder e unha corrente de dereitas mesiánica. Moito máis se se repara noutro éxito, o de Iniciativa per Catalunya (ICV), que tamén mellora resultados logo de centrar o debate nos recortes sociais e na crise e que, aínda que non se declara abertamente a prol da independencia, si está a favor dun referendo que agora semella moito máis preto que hai tan só uns días. Incluso o PSC, que agardaba unha enorme caída afogada pola onda soberanista de CiU, acabou perdendo oito escanos e quedando como terceira forza.

O PP, pola súa banda, mantivo resultados, aumentando en menos dun punto o apoio electoral e sumando un escano máis, até os 19, pero baixando a cuarta forza política do Parlament. O partido de Alicia Sánchez-Camacho queda, xunto a Ciutadans, como a única formación contraria á convocatoria dun referendo, logo de que o PSC optase por apoiar unha consulta, malia estar claramente en contra da independencia. 107 deputados a favor do referendo fronte a 28 en contra.

Eleccións ao Parlament
Candidatura Votos (97,12% escrutado) Escanos
CiU 1.075.042  30,53% 50
ERC 480.159  13,63% 21
PSC 511.302  14,52% 20
PP 459.114  13,03% 19
ICV 349.549  9,92% 13
Ciutadans 268.389  7,62% 9
CUP 122.611  3,48% 3

Agora quen ten un difícil papel é o propio Artur Mas, que adiantou as eleccións para intentar eludir o desgaste da crise, centrar o discurso no soberanismo e aumentar a súa maioría. Non conseguiu resultado ningún e queda nunha posición moito máis feble que antes dos comicios. Con menos deputados e máis dificultade de pactos, consciente de que o apoio que atopou no PP na pasada lexislatura se cadra ten que buscalo agora en ERC, coas conseguintes diferenzas na política económica que iso implica.

O president quería ser hexemónico e contar cunha maioría absoluta forte que lle permitise non depender de ningún compañeiro de viaxe, pero agora sabe que as rutas dos seus posibles apoios son ben diferentes. CiU sumaría a maioría absoluta tanto xunto a ERC como xunto ao PP.

"Agora ten que haber corresponsabilidade por parte dalgunha ou dalgunhas outras forzas deste país porque non o podemos liderar sós", dixo Mas

Artur Mas, na súa primeira comparecencia, destacou que CiU "quedou lonxe da maioría que quería". "Así de claro, porque reclamabamos unha maioría excepcional e é evidente que non a conseguimos", insistiu o candidato converxente, que xustificou a caída "nos dous anos de goberno en circunstancias durísimas" e que destacou que, malia perder apoios, o seu partido "segue tendo un apoio electoral importante" e é o vencedor das eleccións. Ademais, advertiu tamén que a formación nacionalista acudiu aos comicios "cun programa diferente" ao meter no debate "o dereito a decidir".

"A gobernabilidade é agora máis difícil que antes", recoñeceu o candidato de CiU

Así, advertiu que agora CiU non pode ser "responsable único" da gobernabilidade do país, deixando clara a súa intención de chegar a pactos que chegarán "logo dun periodo de reflexión da política catalá". "Non temos a forza suficiente para liderar o Goberno e o proceso e hai outros que se teñen que facer responsables desta situación", engadiu. "Ten que haber apoios explícitos e corresponsabilidade porque senón o país non tirará cara a adiante", reclamou, tras insistir en reclamar "corresponsabilidade" a "unha ou varias forzas políticas deste país". "A situación non queda fácil, pero seguiremos adiante; a gobernabilidade é agora máis difícil que antes", finalizou.

Mitin de peche de campaña de CiU © CiU
Parlament catalán tras as eleccións CC-BY eldiario.es

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.