O socialista Costa, designado para formar goberno de esquerda en Portugal

António Costa saúda a Cavaco Silva © PS

Malia as sentenzas que falaban a poucas horas de saberse o resultado electoral dun aval ás políticas de austeridade e ao goberno conservador de Passos Coelho, a esquerda será quen goberne Portugal. A maioría progresista da Cámara lusa que representan o Partido Socialista (PS) o Bloco de Esquerda, o Partido Comunista (PCP) e Os Verdes (PEV) acabou finalmente por reflectirse nun Executivo que será liderado polo secretario xeral do PS, António Costa, logo de que o presidente da República, Cavaco Silva, o designase este martes como primeiro ministro poucos minutos despois do encontro que ambos mantiveron. 

Cavaco Silva encarga a formación de goberno a Costa logo de que aceptase as súas aclaracións sobre as "dúvidas" que lle mostrara un día antes

Cavaco Silva argumentou que a “continuação em funções do XX Governo não correspondia ao interesse nacional” tal e como lle manifestaran “parceiros sociais, instituições e personalidades da sociedade civil”. António Costa foi nomeado primeiro ministro dúas semanas máis tarde da caída do anterior Executivo liderado por Passos Coelho, o máis curto da historia da democracia constitucional en Portugal logo de que fose derrubado por unha moción de toda a oposición de esquerda.

E foi encargado de formar Goberno tan só un día despois de que o presidente lle amosase as súas "dúvidas" sobre a estabilidade do acordo da esquerda. A resposta do socialista a estas reticencias foi tida en conta polo xefe do Estado, que dixo ter "tomado devida nota" en relación “à estabilidade e durabilidade de um governo minoritário do PS, no horizonte temporal da legislatura”. Cavaco Silva pedíralle aclaracións respecto da posibilidade de mocións de censura, da aprobación dos orzamentos do Estado, do cumprimento da disciplina orzamentaria, así como a estabilidade do sistema financeiro ou o mantemento dos compromisos coa OTAN. 

O goberno estará unicamente formado por socialistas ou independentes que formaron parte das listas do PS

Agora, António Costa tomará posesión do cargo e terá que formar un goberno para presentar a Cavaco Silva, tendo o novo Executivo de prazo dez días despois desta investidura para presentar o seu programa no Parlamento. Será un Executivo unicamente de socialistas e independentes que formaron parte das listas da formación, apoiado polas outras forzas de esquerda sen formar parte del. O presidente do PSP, Carlos César, asegurou que o seu partido está xa en condicións de presentar ao presidente un goberno completo e o programa ante a Cámara, incluídas as achegas que se derivan do acordo coas outras formacións.

Mentres, o conservador PSD, a través do seu vicepresidente Marco António Costa, xa advertiu que o Executivo socialista non contará co apoio da formación de Passos Coelho. “Não queremos deixar de sublinhar que esta nova solução de governo não conta com o nosso apoio político, apenas responsabilizando o PS e os partidos da esquerda radical que com ele se comprometeram para sustentar politicamente o futuro Governo no Parlamento", engadiu. 

PSD e CDS insisten na súa "discordância de fundo quanto à indigitação” de António Costa

“Temos, e mantemos, uma discordância de fundo quanto à indigitação” de António Costa, dixo pola súa banda Nuno Magalhães, líder parlamentar do partido de dereita CDS e socio do PSD, que destacou que é "a primeira vez em 40 anos de democracia que o perdedor é indigitado primeiro-ministro".

Por contra, o líder parlamentar do PCP, João Oliveira agarda que "esta lógica de confronto, de nomear um governo que não tinha condições para governar, seja abandonada e que a Assembleia da República possa exercer as suas competências”. Polos Verdes, Heloísa Apolónia lamentou a "perda de tempo" de Cavaco Silva no proceso ao non ter designado desde un primeiro momento a António Costa, ademais de insistir en que a súa formación está comprometida a "contribuir para uma mudança de políticas".

António Costa ten agora como prioridade acabar coa austeridade respectando á vez os acordos coa UE. Para levar a cabo as súas políticas, valerase dun Executivo plenamente socialista "com apoio maioritário na Assembleia da República, com condições de governar com o programa que está já aprovado [pela Comissão Nacional do PS]".  "Todos conhecemos bem as condições com que uns e outros se dispõem a apresentar e a aprovar um Orçamento do Estado. Os nossos parceiros conhecem qual é a nossa estratégia orçamental, nós conhecemos também o que são os limites nos acordos que estabelecemos que estão previstos para a execução dessa estratégia orçamental", engadiu en referencia ao que acordaron con Bloco, PCP e Os Verdes e ante a aprobación dun presuposto que era unha das principais preocupacións de Cavaco Silva. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.