O Tribunal de Contas da UE pon en cuestión o investimento nos portos exteriores da Coruña e Ferrol

O informe cuestiona o 95% do investimento europeo (257 millóns) no Porto Exterior da Coruña © MasMar

O Tribunal de Contas da UE vén de publicar un informe que analiza os investimentos realizados en distintas infraestruturas portuarias, un total de 37 proxectos, 12 deles en España e 3 en Galicia: o porto exterior da Coruña, a ampliación do de Ferrol e os traballos de mellora no peirao de Vigo. O documento audita os traballos realizados e a eficacia destas achegas económicas, medindo o grao de utilización destas instalacións. Entre eses 37 investimentos, o estudo sinala 12 que permanecen baleiros ou infrautilizados. Dous deles son os portos exteriores da Coruña e Ferrol, nos que se alerta de que o investimento foi ineficaz, o mesmo que no canario de Arinaga. A ampliación do porto de Vigo non sae indemne da investigación, pois aínda que se subliña a pertinencia do procedemento, critica que se producira un sobrecuste de 5 millóns.

O caso do porto de Punta Lagosteira é o máis grave, segundo o Tribunal de Contas. O custe total ascende a 590 millóns de euros, dos que 257,5 procederon das arcas comunitarias. O informe sinala que en 2015 a actividade do porto situábase no 10% do previsto, concluíndo que o 95% do investimento europeo foi ineficaz. Este venres, en resposta, a Autoridade Portuaria da Coruña argumentou que a actividade de Punta Lagosteira se iniciou só tres anos antes da data de realización do estudo e que neste 2016 a infraestrutura triplicou a súa actividade de carga e descarga.

No caso de Ferrol, o informe analiza a achega europea para as súas obras de ampliación, cun custe total de 110,9 millón, dos que 39 procederon da UE. A actividade deste peirao sitúase no 25% e o Tribunal de Contas cuestiona o 90% do financiamento. Ademais, lembran que tanto no porto ferrolán coma no coruñés aínda está pendente a construción de infraestruturas imprescindibles para o seu correcto funcionamento, coma as conexións por ferrocarril. Estas dúas obras xunto coa conexión do porto de Algeciras, están orzamentadas en 183 millóns de euros.

O caso da ampliación do porto de Vigo é diferente, pois o informe avala o proxecto, que acada o nivel de utilización previsto. A obra recibiu 28 millóns da UE para un custe total 48, pero o documento subliña un sobrecuste de 5 millóns de euros e atrasos nas obras que duplican o tempo estimado para a súa finalización. Tamén se sinala un pequeno sobrecuste (236 mil euros) e atrasos (un 18% do tempo) nas obras de ampliación do espazo de almacenamento de vehículos.

Nas súas conclusións, o informe recomenda reducir o actual número de 104 portos clave na UE, e tamén mellorar as súas infraestruturas, conexións por tren e estrada e o impulso das autoestradas do mar para enlazar uns cos outros.

 

O informe cuestiona o 95% do investimento europeo (257 millóns) no Porto Exterior da Coruña © MasMar
Tamén se cuestiona o 90% do financiamento europeo (35 millóns) no porto exterior de Ferrol © cadenadesuministro.es
O documento avala o proxecto de ampliación do peirao vigués, aínda que sinala un sobrecuste de 5 millóns © ConsorcioZonaFranca

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.