O Tribunal de Contas investigará a responsabilidade de Vázquez e Fontenla na venda de terreos en Someso

Construción de edificios en Someso © corunopolis.com

A denuncia presentada polo BNG perante o Tribunal de Contas para que se investiguen as irregularidades e ilegalidades ao redor da venda de terreos municipais no coruñés polígono de Someso, segue adiante, co que este tribunal se unirá á Fiscalía na investigación da apropiación privativa de bens e dereitos municipais e da venda ilegal do aproveitamento municipal no sector, cunha lesión económica para o Concello da Coruña de 20 millóns de euros.

O portavoz do Grupo Municipal do BNG, Xosé Manuel Carril, deu conta na mañá deste sábado do auto do Tribunal de Contas do 10 de xullo de 2013 (notificado na tarde deste venres), en virtude do cal se vai nomear instrutor para investigar as responsabilidades políticas por estas irregularidades. En rolda de prensa, Carril advertiu de que este auto pon en evidencia "que o único interesado en dirimir responsabilidades no caso Someso era a formación nacionalista". E tamén pon en evidencia "como o Goberno municipal tivo que corrixir no Tribunal de Cuentas a súa postura en Someso, mesmo co cese do director da Asesoría Xurídica do Concello da Coruña, logo de coñecer a denuncia do BNG no propio Tribunal de Cuentas".

O Tribunal de Cuentas investigará as actuacións realizadas por Paco Vázquez (alcalde da Coruña no seu día) e Fontenla (presidente da Xunta de Compensación), entre outros moitos, no Sector 7 de Someso, sinaladamente, todo o que ten a ver coa venda ilegal (sen concurso público) do patrimonio municipal. O portavoz nacionalista sinalou que tendo en conta que este auto implica que se investigue tanto a Vázquez coma a Fontenla, "o Goberno municipal do señor Negreira queda en evidencia, desenmascarándose a súa estratexia de protexer o amigo do alcalde".

Carril: "O Goberno municipal do señor Negreira queda en evidencia, desenmascarándose a súa estratexia de protexer o amigo do alcalde"

As investigacións a levar a cabo polo instrutor do Tribunal de Cuentas terán en conta ademais que o Xulgado de Instrución número 3 da Coruña abriu dilixencias previas no procedemento abreviado 4918/2011 contra Paco Vázquez, que é unha das persoas contra as que se dirixe a acción pública para esixencia de responsabilidade contábel. Tal e como figura no auto do Tribunal de Cuentas, este Tribunal ten coñecemento de tales actuacións a instancias do BNG e non do Goberno municipal, malia que o propio Goberno municipal foi requirido polo Xulgado de Instrución número 3 para enviar precisamente toda a documentación relativa aos acordos de venda ilegal do patrimonio municipal.

 

Os negocios de Paco Vázquez e Antonio Fontenla

"Para entender os acordos municipais de 2004 e 2005 sobre o polígono de Someso, que agora investiga a xustiza, hai que remontarse a 1997, cando uns promotores inmobiliarios presentan unha proposta para que o concello cambie a ubicación inicial do recinto feiral, cousa que conseguen"

Como lembraba Manuel Monge nun texto publicado en Praza o pasado mes de maio, "para entender os acordos municipais de 2004 e 2005 sobre o polígono de Someso, que agora investiga a xustiza, hai que remontarse a 1997, cando uns promotores inmobiliarios presentan unha proposta para que o concello cambie a ubicación inicial do recinto feiral, cousa que conseguen. Un mes despois, o 27 de decembro de 1997 tiña lugar a aprobación inicial do PXOM".

Antonio Fontenla, que era o presidente da Asociación Provincial de Empresarios de la Construcción da Coruña (APEC-CO) e presidente da Xunta de Compensación do Sector 7 Recinto Ferial, inscribiu o 27 de maio de 1998 no rexistro mercantil da Coruña a sociedade Iglevaz (este nome coincide coas iniciais dos apelidos da muller do alcalde, María del Carmen de la Iglesia, e de Vázquez). E, posteriormente Fontenla vendeu, o 12 de xuño de 2002, todas as accións de Iglevaz á familia Vázquez, que pasou a controlar Hidroeléctrica del Arnoya. No último acto da campaña electoral de Paco Vázquez o 23 de maio de 2003, antes da súa elección como alcalde, Antonio Fontenla manifestaba: “Francisco Vázquez é o maior patrimonio que ten A Coruña”. A participación da familia de Vázquez en empresas e negocios con Antonio Fontenla mantívose en segredo, non figurando na  declaración de intereses de Paco Vázquez, como é obrigatorio por lei.

Monge sinala que "hai que lembrar as expropiacións no monte San Pedro e as permutas con parcelas de Someso, ruinosas para o concello. Hai que lembrar que os promotores do polígono residencial de Someso non pagaron a metade (é dicir, 2,5 millóns de euros) da urbanización da avenida da Universidade (é a arteria principal deste polígono residencial), tal e como recollía un documento asinado o 27 de abril de 1998 por Antonio Fontenla, como Presidente da Xunta de Compensación do citado polígono, e Salvador Fernández Moreda, concelleiro de Urbanismo. Este compromiso reiterábase no ano 2000. Tampouco pagaron nada os promotores dos 1,42 millóns de euros da construción do vial VGF12.02, que serve de acceso ao recinto feiral e que une O Birloque coa avenida da Universidade".

Construción de edificios en Someso © corunopolis.com
Rolda de prensa de Xosé Manuel Carril © BNG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.