O Tribunal Superior sanciona á Xunta por denegar unha axuda ao Concello de Láncara "afastándose do principio de boa fe"

Contorna da parroquia de Ronfe, no Concello de Láncara Dominio Público Concello de Láncara

A comezos de 2017 o Concello de Láncara presentouse á orde de axudas da Consellería de Economía para financiar o obradoiro de emprego Río Neira II, un programa compartido cos municipios de Baralla, Triacastela e As Nogais, como na súa primeira edición. A finais de agosto a Xunta deu por arquivada a solicitude da subvención apoiándose en que o Concello non presentara a documentación necesaria dentro do prazo esixido. O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia responde a un recurso do goberno local sentenciando que a Administración galega non actuou coa "boa fe" que debe rexer a súa actividade e por iso sanciona a Consellería, obrigándoa a reabrir o expediente.

O Tribunal Superior responde a un recurso do Concello de Láncara sentenciando que a Xunta non actuou de "boa fe" ao non aceptar papeis entregados "dous meses antes" dar por denegada a subvención para un obradoiro de emprego

Segundo a sentenza da Sala Primeira do TSXG datada no pasado 21 de novembro, a cuxo contido tivo acceso Praza.gal, unha vez iniciados os trámites a Xunta pediu ao Concello lancarao que "achegase determinada documentación" e entregou "unha parte" dentro do prazo de dez días que a Consellería lle dera atendendo á normativa aplicable. O resto dos papeis reclamados entregounos cando xa "transcorreran" eses dez días, pero "dous meses antes de que a Xunta" decidise arquivar a petición.

Atendendo ao ditame do tribunal, o Goberno galego obviou a lei vixente en materia de procedemento administrativo, segundo a cal "se admitirá" documentación coma esta e "producirá efectos legais" se esta chega "antes" ou mesmo o mesmo día "en que se notifique a resolución na que se teña por transcorrido o prazo". O TSXG cita abondosa xurisprudencia, entre elas varias sentenzas do propio alto tribunal galego, para considerar que neste caso "é evidente" que a Xunta "se afastou do principio de boa fe" ao "decretar o desestimento" e tratar de igual xeito a quen non se molesta en subsanar" a falta de documentación "como a quen, materialmente", reúne os papeis e informa "puntualmente" das xestións que está a facer.

Acto de clausura en Láncara da primeira edición do obradoiro de emprego Río Neira, a comezos de 2017

O Tribunal conclúe que a Xunta debe dar por "cumplimentados" os requisitos e retomar a tramitación da axuda 

Ademais, agrega, é "decisivo" o feito de que o Concello de Láncara entregou a documentación pendente "antes de que lle notificasen o desestimento", isto é, a perda da axuda. É por iso que o Tribunal estima o recurso do Concello, anula a resolución que denegaba a axuda e ordena á Xunta que "teña por cumplimentado o requirimento" da documentación e "prosiga o trámite do expediente ata a súa final resolución". Isto é, que valore todos os papeis achegados dende Láncara e, se o Concello cumpre os requisitos, lle outorgue a axuda para o obradoiro de emprego. Así e todo, estas axudas eran para o programa do pasado ano, 2017.

O alcalde esixe "desculpas" do PP, que atribuíra a suposta perda da axuda á "incompetencia" do rexedor

A suposta perda da axuda por parte do Concello fora obxecto dunha gran controversia política en Láncara, xa que o PP local considerara "moi grave" o acontecido, o cal atribuíra á "incompetencia" do alcalde, o socialista Darío Piñeiro. "O alcalde fixo mal os deberes", resumían os populares nun comunicado divulgado en setembro do pasado ano. Agora é o rexedor o que insta o PP a pedir "desculpas" tras ver demostrado que as súas acusacións eran só "mentiras". Nun sentido semellante o primeiro tenente de alcalde da vila e deputado provincial, Pablo Rivera, considerou que "o tempo acaba poñendo a cadaquén no seu sitio". "Mágoa -agrega- que unha vez máis a Xunta e o PP non estivesen á altura", se ben ficou claro "quen mentiu, quen se precipitou e quen actuou en contra dos intereses xerais".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.