O Valedor dirixirase ao Concello de Santiago por excluír o galego no eido turístico

Páxina de Santiago Turismo en Facebook CC-BY-SA Praza Pública

O Concello de Santiago terá que xustificar ante o Valedor do Pobo a súa negativa a empregar tamén o galego nos perfís empregados pola empresa municipal de turismo nas redes sociais de Internet. O edil do Bloque compostelán Rafael Vilar vén de recibir unha comunicación na que o alto comisionado informa da admisión a trámite dunha queixa ao respecto, formulada polos nacionalistas despois de que non lograsen que o Goberno local mudase a súa aposta por "excluír" a lingua propia neste ámbito.

"A empresa municipal de promoción turística Santiago Turismo debera facer uso da lingua galega na promoción da cidade a través das redes sociais Facebook e Twitter", sinalou Vilar ante o Valedor, a quen lle lembra ademais que esta obriga vai acorde co "Regulamento de uso do galego na Administración municipal" da cidade. Nomeadamente, explica o edil, "cando o regulamento se refire á atención ao público indícase que os servizos da oficina de información e demais unidades administrativas" deben "promover o uso do idioma galego mediante a súa utilización como lingua noral de comunicación", sempre "de acordo cos criterios de máximo respecto e non discriminación". 

"O disposto neste artigo tamén é de aplicación ás empresas ou entidades que presten servizos municipais por concesión, arrendamento ou concerto", como é o ccaso de Santiago Turismo, explica o nacionalista, nun contexto no que o Bloque "defende a utilización da lingua galega" neste eido "como un sinal de identidade da capital de Galiza, do mesmo xeito que se deberan utilizar outras linguas para mellorar a eficacia comunicativa na captación de visitantes e na divulgación de actividades". Pero na actualidade, lamenta, este labor "só se está a realizar en castelán". "Santiago Turismo tería que emitir a súa comunicación plurilingüe" e, "dende logo, resulta inaceptábel que se exclúa o galego", di.

"Santiago Turismo tería que emitir a súa comunicación plurilingüe" pero "só o fai en castelán", censura o BNG

A admisión a trámite da queixa por parte do Valedor chega despois de que o propio grupo municpal do BNG xa lle "trasladase esta petición á concelleira de turismo no último pleno municipal", pero "negouse co argumento de que o público obxectivo de Santiago Turismo non é o galego". "O BNG entende que o Goberno municipal do PP está a incumprir o precepto estatutario de que os poderes públicos teñen a obriga de potenciaren o emprego do galego", conclúen.

Páxina de Santiago Turismo en Facebook CC-BY-SA Praza Pública
Edís do BNG en Santiago CC-BY-NC-SA BNG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.