Os servizos mínimos do 100% decretados pola Xunta para o 112 veñen de ser declarados "ilegais" polo xulgado, que acepta así os do 60% que foran solicitados polo comité de folga. Así o revelou o devandito comité, que cre que esta mudanza "debería obrigar a Administración a aprazar o traslado, recuperar o sentido común e sentar a negociar cos traballadores para atopar unha saída a un conflito que ela mesma creou". Ante esta resolución xudicial, o vicepresidente do Goberno galego, Alfonso Rueda, anunciou que os técnicos analizarían se estes servizos mínimos eran "suficientes ou non" e non descartaba que o traslado do persoal ao novo Centro Integral de Atención ás Emerxencias (CIAE-112) tivera que atrasarse "uns días". Tan só unhas horas despois, o Executivo confirmou que, "como estaba previsto", levará a cabo o traslado este martes ao "estar garantida a seguridade" ao decretar o xuíz ata un 80% de servizos mínimos nos traballadores en funcións de xestores e coordinadores telefónicos, "os máis importantes nesta operación".
O xulgado declara ilegais os servizos mínimos do 100% declarados pola Xunta e acepta os do 60% solicitados polo comité
Para o comité de folga, manter o traslado previsto para "esta mesma noite" -de martes a mércores- sería "como mínimo, temerario", ao estar o persoal en paro e tamén, segundo indica, por non terse "solucionado" os "problemas" que levan tempo denunciando. Así, os representantes dos traballadores indican que a plataforma informática aínda daba "erros graves" este luns, o que "podería disparar os tempos de resposta e mobilización" para atender "con eficacia" as emerxencias.
Pola súa banda, Alfonso Rueda lembrou que a Xunta leva traballando "moitos meses" neste polémico traslado do 112, previsto para este martes, co obxectivo de que o servizo experimente "unha notabilísima mellora das condicións na prestación do servizo". No entanto, o comité de folga denuncia que sería "neglixente" comezar a traballar na actual situación e advirte que “o que está en xogo son vidas humanas”.
O comité de folga cre que sería "temerario" levar a cabo o traslado á Estrada nestas condicións
Foi logo da presentación dun recurso por parte dos representantes do persoal cando o xulgado emitiu un auto de “medidas cautelarísimas” recoñecendo a ilegalidade dos servizos mínimos do 100% e estimando os solicitados polo comité, dun 60%. Agora, o comité de folga tamén denuncia que aínda non se lles explicou aos traballadores en que consiste o plan de continxencias que terían que executar no caso de que se producisen incidencias que, por outra parte, consideran “previsíbeis” dada a "falta de planificación que hai ao redor do traslado". “Se nós somos quen temos que aplicar ese suposto plan de continxencias, non estaría mal que nos dixeran en que consiste”, sinalan.
"En ningún caso se vai poñer en risco a seguridade das persoas", advirte Rueda
Rueda advertiu que a Xunta presentará "alegacións" a esa decisión xudicial que avanzou o comité e asegura que "en ningún caso se vai poñer en risco a seguridade das persoas". "Falamos dun centro de atención ás emerxencias ao que a xente chama cando se ve nunha situación de emerxencia, o servizo ten que garantir ao 100% que se vai atender a emerxencia", dixo o vicepresidente do Goberno galego, que insiste en que buscará "sempre a garantía de que o trasladao farase en condicións óptimas para o servizo".
Pero a Xunta segue adiante co traslado e asegura que a elección da data está "baseada en criterios obxectivos e tendo en conta que se cumpren todas as condicións técnicas precisas para empezar a traballar no novo centro". "O traslado conta cunha programación detallada e cun comité de seguimento coa finalidade de prestar o servizo con todas as garantías", asegura.