"Onde manda Pontón, non manda mariñeiro": A campaña do BNG reinterpreta a Castelao

Ilustracións de Kiko da Silva © BNG

O BNG bota man de Castelao para condensar o seu programa electoral. Baseándose nas "celebérrimas" estampas do Cousas do autor de Rianxo, e "actualizando as viñetas á Galiza de 2016", o Bloque pretende plasmar neses debuxos as "ideas forzas de campaña e as principais medidas de goberno coas que se presenta o 25-S". 

O BNG "actualiza" as ilustracións de 'Cousas' para expresar as súas "ideas forza e principais medidas de goberno"

Deste xeito, as cinco ilustracións do recoñecido Kiko da Silva versiona as icónicas imaxes do referente do nacionalismo para "reflectir cuestións de actualidade política empregando o mesmo recurso da retranca que caracteriza os diálogos de Castelao". Segundo aclara o Bloque, o ilustrador aborda o "espectáculo do desgoberno en Madrid", o "oportunismo electoral de Feijoo", o problema demográfico neste país, a normativa do PP en contra do idioma e reflexións en clave de humor entre o duelo Feijóo-Pontón.

- “Para as eleccións da Xunta os do Bloque puxeron a dirixir o barco a unha muller".
- "Pois que se prepare Feijóo, porque onde manda Pontón, non manda mariñeiro", recóllese no diálogo entre dúas persoas nunha das viñetas recreadas por da Silva coa imaxe da candidata nacionalista, na que se utiliza a mesma tipografía que nas imaxes orixinais. O folleto ten unha tirada de 50.000 exemplares e repartiranse durante a campaña en diferentes actos. 

Kiko da Silva é o autor das viñetas, que abordan o "desgoberno" en Madrid, o problema da lingua e demográfico ou o "oportunismo electoral de Feijóo"

Ademais, o BNG reivindica esta iniciativa e enmárcaa dentro da súa "aposta polo talento do país", desta vez da man do referente da ilustración Kiko da Silva, como fixera noutras citas electorais contando cos debuxos do Carrabouxo e de Luís Dávila O Bichero, coa música de Mini e Nao, a  modo de himno de campaña, nas xerais coa de Caxade ou a creatividade audiovisual de Illa Bufarda. Desta vez, ademais de Da Silva, participan na campaña Quico Cadaval (audiovisual) o grupo de rock Raiba, actores e actrices como César Cambeiro ou Isabel Risco e artistas plásticos como Leandro Lamas .

 

Medidas no ensino

Precisamente, a candidata á presidencia da Xunta do BNG, Ana Pontón, apostou este mércores por “poñer fin” ao malestar das políticas  “regresivas”  en materia de educación do PP e pola “insubmisión ás reválidas” e posta en marcha “dunha lei galega para a educación”. Así, lembrou que  comunidade educativa galega foi “vangarda no Estado español” na loita contra as reválidas e a non aplicación da LOMCE.

Ante medio centenar de delegados e delegadas da CIG-Ensino e representantes de anpas de Galicia, Ponton afirmou que a LOMCE supón "un paso atrás, dende o punto de vista pedagóxico" e "impide avanzar cara a un ensino público de oportunidades e non de barreiras”.

Ilustración de Kiko da Silva "actualizando" a Castelao © BNG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.