Os 27.000 euros ao día que consome a Cidade da Cultura

Autoridades na inauguración do Gaiás, en xaneiro de 2011 © Xoán Crespo

A Cidade da Cultura consome 27.000 euros ao día. Esa é a cantidade que o Gaiás supón para Galicia, segundo denuncia o BNG a través da súa deputada Ana Pontón, que ve esta cifra "un dispendio inasumíbel nun momento de grave crise económica". O Bloque volveu poñer o foco sobre o complexo logo de adxuntar unha serie de documentación cos contratos subscritos en 2011 e 2012 e que demostrarían o incremento "de maneira substancial" no gasto nos contidos deste espazo cultural respecto ao inicialmente previsto.

O Bloque sospeita que os gastos en varias actividades culturais son maiores ao anunciado nun principio

Ana Pontón insistiu en que o BNG seguirá reclmando á Xunta máis documentación para poder coñecer "de xeito pormenorizado" todos os gastos de varias actividades culturais, xa que na formación nacionalista sospeitan que poden ser superiores ao inicialmente dito. En concreto, lembran que "faltan os contratos dos seis comisarios da exposición Gallaecia Pétrea". Como exemplo, o Bloque lembra que o concerto de Björk custou medio millón de euros, mentres que o espectáculo de Cirque du Soleil elevouse aos 215.000, tal e como se pode comprobar na documentación que lle achegou á prensa.

A parlamentaria nacionalista reclamou, ante todas estas dúbidas, "unha auditoría a fondo" por parte do Consello de Contas para que determine os custos reais do complexo cultural e que inclúa tamén unha análise dos números da Fundación Cidade da Cultura e da Fundación Gaiás.

"As asociacións culturais e a cidadanía teñen dereito a coñecer o destino dos cartos públicos e o seu uso", lembra o BNG, tras reclamar toda a documentación das contratacións e denunciar que a Xunta "segue a ocultar información".

O BNG pide unha "auditoría a fondo" por parte do Consello de Contas

Ana Pontón lembrou que o BNG reclamou, a través do artigo 9, toda a documentación sobre as contratacións porque  as asociacións culturais e a  cidadanía “teñen dereito a coñecer o destino dos cartos públicos e o seu uso”. Ademais, denuncia que o Goberno galego, en vez de privilexiar a cultura galega "apoia a cultura de fóra e a empresas sen sede social no noso país, tal e como aconteceu coa montaxe e transporte da exposición Gallaecia Pétrea a cargo dunha empresa con domicilio social en Madrid. A  documentación “incompleta” remitida ao grupo parlamentario do BNG, dixo, confirma que a devandita exposición  superou o millón cen mil euros, "a pesar de que o conselleiro cando preguntamos por este asunto no Parlamento, negou esa cantidade".

En canto á paralización dos dous edficios pendentes do Gaiás acordada no Consello da Xunta, o BNG tamén reclama que o Executivo envíe ao Parlamento galego toda a documentación, así como unha comparecencia do presidente Feijóo para explicar con detalle o acordo. O Bloque quere coñecer as indemnizacións previstas nos contratos, así como se o pacto se axusta á legalidade. "Ningunha empresa é unha ONG e hai zonas escuras nese acordo", di.

A Cidade da Cultura CC-BY bonus1up
Espazo que ocuparían os edificios pendentes CC-BY-SA Merixo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.