Os afiliados de Anova deciden que tipo de organización queren ser

Asemblea deliberativa de Anova, o pasado abril © Anova

Coa vista posta nas listas abertas e coas súas teses definitivas xa preparadas para o debate, Anova celebra esta fin de semana en Compostela a súa primeira asemblea. Será o cónclave decisorio, tras a xuntanza deliberativa do pasado 21 de abril, na que todo semella indicar que calquera dos case dous mil afiliados cos que conta a formación nacionalista poderá presentarse como candidato á nova coordinadora nacional.

Será a militancia de Anova a que decida o sistema de votación para elixir coordinadora, pero as listas abertas son a opción preferida

Aínda que a aposta polas listas abertas parece a opción entre a maioría da coordinadora actual, a decisión quedou finalmente aberta ao debate e ás emendas que se poidan incorporar na asemblea, polo que será finalmente a militancia a que deberá referendar o sistema de votación do que sairá a coordinadora definitiva de 75 membros. O mesmo ocorre no caso da elección do portavoz nacional, que en principio será elixido por esta nova coordinadora que saia do cónclave.

Serán os militantes os que decidan o sistema de elección, malia que houbo voces que optaban xa por determinar unha metodoloxía que finalmente será decidida polos afiliados, os mesmos que puideron presentar candidaturas ata o pasado 1 de xuño. Xa o sábado 8 ás dez da mañá será cando se decida o modo de votación da coordinadora nacional -e polo tanto as listas abertas- dentro do debate do regulamento. Unha "nova forma de facer política" que debería ser referendadanesta decisión.

Xa a partir das 11, debaterase o informe de xestión da coordinadora, así como a carta financeira, ao tempo que ata as cinco da tarde se procederá a corrixir os posibles erros na presentación das candidaturas. Entre as 12 e as 14 horas e entre as 16 e as 18 debateranse tamén todas as emendas presentadas ás teses en grupos de traballo.

O portavoz nacional elixido clausará a asemblea de Anova o domingo ás 18.30 horas

Así, para o domingo 9, entre as 10.30 e as 13.30 horas, queda o debate en pleno das teses e das emendas de cada un dos grupos de traballo, mentres que para a tarde, a partir das 15.30, quedará a elección da coordinadora nacional e a súa reunión para a designación do portavoz nacional, que agás sorpresa será Xosé Manuel Beiras. Ás 18.30 horas, o voceiro elixido será o encargado de clausurar a asemblea.

Entre os debates, e logo de confirmarse a maioría das teses políticas propostas xa nos rascuños -tras recibir as emendas e achegas da militancia-, será clave a proposta de alianzas e a aposta clara pola conformación dunha fronte ampla "no ámbito do nacionalismo e da esquerda con carácter non excluínte". O achegamento entre BNG e Anova para unha futura reunificación ou colaboración do nacionalismo será unha das cuestións fundamentais nunha asemblea que analizará uns textos nos que a formación insiste en optar por decidir en cada momento as súas alianzas e por non cinguirse estritamente ás forzas soberanistas, senón tamén ás formacións de esquerdas que recoñezan o dereito de autodeterminación e o pobo galego como suxeito político, en clara alusión a Esquerda Unida (EU), que en principio é rexeitada polo Bloque en futuros pactos pola súa condición de forza estatal.

Anova insiste nunha fronte ampla "no ámbito do nacionalimos e da esquerda sen exclusións" e pide afondar nas alianzas "alén do terreo electoral"

Pouco cambian estas teses definitivas coas presentadas nos borradores, aínda que si se afonda nestas alianzas "alén do terreo exclusivamente electoral" e nas que Anova di que "traballará para implicar o conxunto dos axentes sociais e políticos do país para tecer, en claves da esquerda e da defensa do dereito a decidir, un amplo movemento político e social baseado na organización e na mobilización que sexa quen de soster un pulso estratéxico cara a unha creba democrática e a apertura dun proceso constituínte galego".

Insístese en defender a alianza con Esquerda Unida, Espazo Ecosocialista e Equo que deu lugar a AGE e engádese, con respecto ás teses que se debateron antes de chegar a estas que se presentará á asemblea, o destaque do "éxito electoral de Alternativa", que "confirmou o acerto da construción dunha fronte ampla de esquerda e defensora do dereito de autodeterminación". Precisamente, as referencias ao dereito a decidir como principio irrenunciable en calquera acordo son abundantes e semellan unha resposta ás reticencias dos que recean da entrada de EU nesta ansiada fronte ampla. De feito, non aparecen nestes documentos algunhas achegas propostas que eran moito máis belixerantes en canto a aposta pola alianza.

 

Propostas programáticas

En canto ás propostas programáticas, Anova insiste nas xa feitas nas anteriores teses, pero destaca a inclusión dalgún aspecto que ten moito que ver con problemáticas que se están a dar no debate público actual. Así, a formación nacionalista destaca a súa "posición frontal ás concesións mineiras espoliadoras que para o exclusivo interese das multinacionais está a favorecer o PP deturpando o medio dos nosos recursos naturais". Ademais, reivindícase o "dereito a unha vivenda digna e axeitada como dereito universal".

A formación nacionalista aposta por un sistema electoral "xusto" e unha circunscrición electoral "única galega"

Por outra banda, tamén se fai referencia ao sistema electoral, apostando por un que sexa "xusto, equilibrado e proporcional puro, tanto nas institucións nas que Anova estea presente como nos ámbitos nos que traballe". "Un sistema que recolla o postulado unha persoa un voto con igual peso no resultado". Do mesmo xeito, a formación nacionalista promoverá "a circunscrición electoral única galega" tanto nos comicios ao  Paralmento de Galicia como ao Congreso español ou a calquera outro proceso de ámbito estatal.

Xa por último, Anova non deixa pasar a ocasión para amosar a súa "oposición frontal a calquera medida que se pretenda tomar tendente á diminución dos representantes institucionais en calquera ámbito electoral" e ante a reforma que prevé Feijóo para suprimir deputados na Cámara galega.

© Anova

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.