Os alcaldes contrarios á suba do canon mantéñense firmes no seu boicot a Sogama

Imaxe dunha das xuntanzas de alcaldes sobre Sogama © Concello de Monforte

A fronte de alcaldes contrarios á suba do canon do lixo mantense firme nas súas intencións de boicotear Sogama e en deixar de pagar "desde o primeiro recibo" no que se aplique o incremento do 34% na factura e que se levará a cabo en abril. Así o asegura o rexedor de Monforte, Severino Rodríguez, un dos líderes dunha revolta contra as intencións da Xunta, que segue a advertirlle aos municipios que só teñen dúas alternativas: ou pagar ou marchar do sistema.

De entre os case cen alcaldes que rexeitan a suba, "a maioría van adoptar estas medidas" e cumprir a súa ameaza, segundo Rodríguez, que aclarou no entanto que "outra cousa é como se lle dá forma" a esa rebelión. Antes, intentarase ata o último momento chegar a un acordo co Goberno galego. Polo momento, o rexedor de Monforte acudirá o vindeiro 11 de febreiro a unha xuntanza na Fegamp.

Os alcaldes rebeldes intentarán ata o último momento chegar a un acordo coa Xunta pero seguen firmes na súa intención de non pagar as facturas

"Sabemos que estamos no correcto e quen ten a verdade non ten por que temer nada", asegurou Severino Rodríguez, que asegura que "ninguén poderá dicir" que os alcaldes rebeldes non tiveron "flexibilidade, intención de negociar ou xenerosidade". "Sabemos que temos a razón; non se pode consentir que ningunha administración impoña unilateralmente o incremento dun imposto que vai repercutir na cidadanía", di quen critica que Feijóo siga sen recibilos, aínda que aclara que nunca vai "poñer por diante quen é o interlocutor, senón o problema". "Falaremos con quen sexa para conseguir unha solución a un problema que está en mans da Xunta", insiste.

Os alcaldes, ademais de denunciar a suba unilateral da factura do lixo, denuncian tamén un modelo que consideran "esgotado" e que non cumpre coa función pretendida de reutilización e reciclaxe. As cifras son peores que as dos dous modelos alternativos en Galicia, o da mancomunidade do Barbanza e o de Nostián, na comarca da Coruña. No medio desta rebelión de alcaldes, o de Rianxo xa anunciou hai tempo que deixaría Sogama para unirse a Lousame.

 

Un modelo que cisca no vertedoiro a metade dos residuos

Ademais, a asociación ecoloxista Adega denuncia que Sogama está a publicitar que a súa "valorización total" de Sogama supera a porcentaxe acadada por Nostián e Lousame, pero baséase en incluír entre a valorización total a incineración, equiparándoa así á valorización material (reciclaxe) que supón "a recuperación de materiais e a compostaxe".

Sogama incinera o 44% e só recupera ou recicla un 8% dos residuos que recibe

Segundo os propios datos que achega a Xunta e que recolle Adega, Sogama leva directamente ao vertedoiro o 48% dos residuos, incinera outro 44% e só recupera ou recicla un 8%. No modelo de Lousame, no Barbanza, a reciclase atinxe un 46%, metnres que en Nostián é dun 33% dos residuos totais.

Ademais, segundo Adega, Sogama manda directamente a vertedoiro o 48% dos residuos que lle chegan, "e cobra por tratalos". No Barbanza e Nostián, a totalidade dos residuos que chegan "son procesados, separados, clasificados e estabilizados, e só as fraccións non reciclábeis ou que non atinxen a calidade suficiente van a vertedoiro". A asociación ecoloxista asegura que "cun maior esforzo na separación en orixe e melloras técnicas poderíase reducir moito a cantidade finalmente vertida".

"Sogama incinera a metade dos residuos que lle chegan e converte o lixo en residuos tóxicos e perigosos, xerando anualmente 70.000 toneladas de escouras e 35.000 toneladas de cinzas altamente tóxicas cada ano que se levan ao vertedoiro en Cerceda", insiste Adega, que advirte de que a sociedade "incumpre o obxectivo ou prioridade número un da lexislación: a prevención da toxicidade e perigosidade dos residuos".

Complexo de Sogama, en Cerceda © Sogama

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.