Os alcaldes das cidades galegas, máis austeros do que esixe Rajoy

Agustín Fernández, alcalde de Ourense © Ourense Dixital

Quedar ben e non gastar nada. O popular proverbio ben podería ser aplicado aos límites salariais que o Goberno central lles vén de fixar aos concellos. Cando menos, isto é o que acontece no caso das grandes cidades galegas, onde os topes estipulados polo gabinete de Mariano Rajoy poderían levar a concluír que os gobernos urbanos teñen un concepto de austeridade sensiblemente máis estrito que o do Executivo estatal. Non en van, ningún dos sete alcaldes chega aos topes fixados, que lles deixan unha marxe de manobra de entre 10.000 e 30.000 euros anuais, segundo os casos.

A través dun real decreto-lei publicado no BOE do pasado sábado con contidos que van dende a seguridade ferroviaria ata os automóbiles pasando polos aeroportos -unha caste de versión reducida das criticadas leis de acompañamento aos orzamentos- o Goberno de España fixa nove treitos salariais para, en función da poboación, establecer o "límite máximo total que poden percibir os membros das corporacións locais". Para as cidades galegas cómpre atender aos treitos fixados para poboacións de entre 75.000 e 150.000 habitantes e para as que acollen entre 150.001 e 300.000 persoas.

Ningún alcalde urbano de Galicia chega aos topes impostos polo Estado

No caso das meirandes urbes do país, Vigo e A Coruña, o límite salarial para os seus rexedores está en 80.000 euros anuais e nin Abel Caballero (PSdeG) nin Carlos Negreira (PP) o acadan. Concretamente, o vigués percibe 60.561,44 euros ao ano e o coruñés, 65.220 euros, malia administrar menos poboación que o seu homólogo. As retribucións anuais de Caballero e de Negreira, á súa vez, inferiores ás do alcalde da terceira cidade do país, o ourensán Agustín Fernández, que ten asignados 67.822,58 euros anuais, cunha marxe de máis de 7.000 euros ata chegar aos 75.000 que o Goberno central lle vén de fixar como máximo.

Nas cidades galegas o que máis cobra é o rexedor ourensán e o que menos, o ferrolán

Por baixo deses 75.000 euros están tamén os restantes alcaldes urbanos galegos. É o caso do compostelán Ángel Currás, cun salario de 65.988 euros ao ano -cifra obtida de informacións xornalísticas, toda vez que esta redacción non foi quen de atopala na web municipal- ou do pontevedrés Miguel Anxo Fernández Lores, con 63.831,32 euros. O mesmo acontece en Lugo, onde o Concello informa de que Xosé López Orozco cobra 4.222,80 euros ao mes, cantidade que semella ser neta, xa que multiplicada por 14 implicaría un salario de 59.119 euros anuais, pero outras fontes indican que a súa remuneración é de 64.260 euros brutos anuais, tamén por baixo, en todo caso, do límite que impón Rajoy. Máis lonxe aínda do tope está o alcalde de Ferrol, José Manuel Rey Varela, o rexedor urbano que menos cobra, con 44.234 euros ao ano.

O Goberno central permite que os alcaldes das cidades cobren máis que Feijóo

Así as cousas, os límites do Goberno central non implicarán que nas cidades galegas haxa que rebaixar salario ningún e tampouco permitirán establecer unha xerarquía retributiva entre administracións. Así, por exemplo, se os gobernos urbanos de Galicia decidisen aproveitar ao máximo a devandita táboa salarial todos os alcaldes poderían percibir un salario maior ao do presidente da Xunta, que actualmente cobra 72.002,82 ao ano, incluíndo os seus trienios como funcionario.

O alcalde de Ferrol é o que cobra menor salario das sete cidades © Fegamp

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.