Os alcaldes do BNG amosan a súa solidariedade cos afectados polas preferentes

Alcaldes do BNG, xunto a Xavier Vence © BNG

Os rexedores do Bloque reunironse en Compostela e denunciaron a quita aos aforros dos miles de familias galegas estafadas polos bancos. Elaboraron un manifesto de apoio e puxéronse a disposición dos afectados "para cantas accións reivindicativas decidan desenvolver". O manifesto rexeita a decisión de impoñer mediante Decreto lei unha quita do 43% do seu valor e considera que "esta é unha expropiación inxusta e un roubo a máis de 62 000 familias deste país que son veciñas e veciños nosos. Como país, isto significa unha drenaxe de 600 millóns de euros de aforro galego que vai engordar o sistema fnanceiro español".

Puxéronse a disposición dos afectados "para cantas accións reivindicativas decidan desenvolver"

O texto trata tamén outras cuestións, coma a reforma da administración local: "Denunciamos o retroceso democrático que supón o Anteproxecto de lei de racionalización e sustentabilidade da Administración local por, entre outras cuestións, conceder maiores competencias a instancias non elixidas pola poboación, como as deputacións, os secretarios e, sobre todo, os interventores, que pasan a depender do estado". E engade que "este anteproxecto pon en perigo a prestación de servizos sociais básicos para a cidadanía, sobre todo nun contexto de crise como o actual".

De igual xeito reclaman "que non desaparezan as funcións dos concellos de menos de 20 000 habitantes, un número considerábel no noso país"

De igual xeito reclaman "que non desaparezan as funcións dos concellos de menos de 20 000 habitantes, un número considerábel no noso país". E esixen que non desapareza a posibilidade de os concellos realizaren actividades complementarias das competencias doutras administracións, vitais para garantirmos unha vida máis digna ás persoas que residen nos nosos municipios", en referencia "ao feito de ficaren prohibidas, na práctica e con esta lexislación, áreas como Igualdade, Xuventude, Normalización Lingüística, Promoción Económica, así como o ámbito educativo e sanitario, os servizos sociais non de base".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.