"Os alcaldes do PP están doentes pola reforma local, pero son uns palmeiros do Goberno"

Casa do Concello dun municipio galego Dominio Público Praza Pública

Fronte común contra a reforma da administración local que prepara o Goberno central e que comeza coa apertura do novo curso político o seu trámite parlamentario. Alcaldes e edís de PSdeG, BNG, Anova ou Compromiso por Galicia (CxG) veñen de convocar a todos os rexedores e concelleiros do país a unha asemblea informativa o vindeiro día 10 que dará lugar a unha plataforma plural que pretende a incorporación de cargos municipais do PP, que polo momento rexeitaron o convite.

Alcaldes e edís de PSdeG, BNG, Anova e CxG convocan todos os concellos, pero o PP rexeita o convite malia a oposición da maioría dos seus rexedores

A iniciativa xurdiu de varios alcades alcades e concelleiros da provincia de Lugo -entre eles os de Monforte, A Pastoriza, Pedrafita, Monforte de Lemos, Chantada ou Ribadeo- que pretenden que a iniciativa "irradie" a todos os concellos do país para constituír "unha plataforma sólida e seria" que consiga "que o PP recolla velas" na súa intención dunha reforma da administración local que a maioría de alcaldes dos concellos de menos de 20.000 habitantes -tamén moitos da dereita- censuran polo seu carácter recentralizador, privatizador e que "provocaría a perda de autonomía local e de numerosos servizos sociais esenciais".

Así o aclara Fernando Suárez, rexedor de Ribadeo e un dos presentes nas primeiras xuntanzas destes alcaldes, que lembra que a iniciativa xorde "porque o Goberno central intenta resolver o problema endémico da administración pública tomando como cabeza de turco a administración local, precisamente a que  mellor funciona, a máis achegada ao cidadán, a que máis servizos presta e a que ten mellores condicións".

"Por unha cuestión política, para eliminar competencias e homoxeneizar e evitar experiencias diferentes, o Estado pretende facer tabula rasa e concentrar competencias na Deputación, un ente decimonónico, alleo aos cidadáns", explica o alcalde mariñao, que lembra tamén que a reforma "abre a porta á iniciativa privada de maneira descarada". "Claro que hai que facer cambios e regular o soldo dos alcaldes, pero iso non debe ser escusa para eliminar a administración que máis servizos presta ao pobo", insiste Fernando Suárez, que relata o que suporía esta modificación.

"É trasladar o centro de decisión ás deputacións, centralizar o poder... É algo absurdo", di o alcalde do BNG

"Ao final, os concellos só serán meros transmisores de problemas á Deptuación e a Deputación privatizará o servizo. É trasladar o centro de decisión, centralizalo... É absurdo. En tempos de Napoleón podía ter cousas positivas, pero no século XXI e nun estado que non pretende ser centralista, non. No fondo, aboia unha intención recentralizadora e retrógrada", resume. Son maioría os concellos en contra dunha reforma local que recibiu críticas tamén do PP, da Fegamp e incluso da FEMP. No entanto, son poucos os rexedores da dereita que dan o paso de se enfrontar ás intencións do seu partido, malia censurar con dureza as intencións de Mariano Rajoy.

"Os alcaldes do PP non se atreven a dicir en público nin a metade das críticas á reforma que din en privado"

"Os alcaldes do PP coméntanme en privado que están doentes por esta reforma, non só polos seus salarios, senón polo cambio estrutural que supón", aclara Suárez, que engade que, "lamentablemente, os edís populares non son como os tories británicos, que poden discrepar do seu partido". "Son uns caladiños, uns palmeiros do Goberno que en público non se atreven a dicir a metade das cousas que din en privado sobre a reforma local", conta.

Por isto, os impulsores da plataforma -que será presentada este venres en Compostela- non confían moito en que os alcaldes do PP contrarios á reforma local (a maioría) se incorporen a un grupo "aberto desde o primeiro momento" e que ten confirmada xa a presenza dunha morea de rexedores da esquerda e do nacionalismo en Galicia.

Comisión executiva da Fegamp © Fegamp

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.