"O acordo máis importante que se ten acadado en Euskal Herria" de cara á "construción dunha paz duradeira". Alberto Unamunzaga, membro de Eusko Alkartasuna e senador de Amaiur, define deste xeito a intención principal do Acordo de Gernika, o documento asinado por organizacións políticas, sindicais e sociais vascas a finais de 2010 e que dende aquela serve de base a estes colectivos como proposta de "ferramenta de normalización" para Euskadi. Coa intención de "explicar" de primeira man o contido deste documento unha delegación do acordo desprazábase este martes a Compostela, coa sede nacional do BNG como primeira parada dunha xornada que os levou tamén a sentaren á mesma mesa que Compromiso por Galicia -alianza de Máis Galiza, Ecosocialistas e Acción Galega- e a impartiren unha conferencia auspiciada pola Fundación Galiza Sempre. O seu obxectivo, di Unamunzaga, non é outro que a consecución da "non violencia" e de facelo "con garantías".
A xuízo do senador un dos grandes valores deste acordo é que nel estamparon a súa sinatura máis dunha vintena de asociacións e seis sindicatos xunto a formacións políticas como EH, Aralar, Alternatiba e a propia Esquerda Abertzale. Con ese apoio social, di, será máis doado para a sociedade vasca "superar unha situación" no que, ao seu xuízo, non veu existindo unha "democracia real", tanto pola presenza da violencia como polo feito de que, por exemplo, non todo o espectro ideolóxico vasco puidese sentar no Parlamento de Vitoria a causa da Lei de Partidos. Neste contexto, di, os asinantes do acordo defenden "todos os dereitos humanos" para chegar un escenario "sen vencedores nin vencidos". E por iso tamén, abonda, o primeiro punto no que "asentou" o acordo foi a reclamación da "declaración de ETA dun alto ao fogo permanente, unilateral e verificable pola comunidade internacional como expresión de vontade para un definitivo abandono da actividade armada", algo que acontecería pouco máis dun ano despois da sinatura do acordo.
Os representantes do acordo lembran que o documento comezou reclamando "a declaración dun alto ao fogo permanente, unilateral e verificable" de ETA
Na mesma liña outro dos representantes do acordo que se desprazou ata Santiago e tamén voceiro da Esquerda Abertzale, Niko Moreno, resumía o texto como unha "folla de ruta cara á paz e a normalización" para o que a súa intención de "conseguir apoios", tamén fóra das lindes de Euskadi e Navarra, para "construír un escenario de esperanza e ilusión" e "fortalecer o proceso de paz". Moreno expresaba esta vontade ao carón do portavoz nacional do BNG, Guillerme Vázquez, tras manter unha xuntanza coa Executiva da formación frontista, da que agradeceu a súa "hospitalidade", acorde, di, co carácter "solidario e xeneroso" do "pobo galego". "O BNG valora moi positivamente os esforzos dos asinantes do Acordo de Gernika a prol da consecución para Euskadi dun escenario democrático en paz", di o líder nacionalista, que considera aberta a "oportunidade histórica de conseguir rematar, definitivamente, coa violencia" e así "normalizar a vida política en Euskadi".
Guillerme Vázquez: "É incomprensíbel que Arnaldo Otegi siga estando en prisión polos motivos insostíbeis que lle apoñen"
En opinión de Vázquez "todas as forzas políticas e, nomeadamente, o Goberno español" deberan estar "dispostos a contribuír e colaborar no camiño para conseguir este obxectivos" e para iso, di o Bloque aposta por comezar "rematando con leis excepcionais como a Lei de Partidos" para "permitir a participación democrática sen excepcións de todo o mundo". Tamén, a xuízo do nacionalista, cómpre "revisar a política penitenciaria" e os "xuízos por motivos políticos". "Por poñerlle nome, parécenos absolutamente incomprensíbel que a estas alturas Arnaldo Otegi siga estando en prisión polos motivos insostíbeis que lle apoñen". Todo isto, engade, sucede nun contexto no que "o problema non é máis Europa", senón, ao contrario do defendido polo gabinete de Mariano Rajoy, subliña, "o problema é "outra Europa e máis soberanía para os pobos".
O apoio procurado atopárono tamén os asinantes do acordo na súa xuntanza con Compromiso por Galicia. Dende esta plataforma o secretario de relacións internacionais de Máis Galiza, Gonzalo Constenla, salienta o "compromiso do Acordo de Gernika pola paz e a normalización política de Euskadi" e ve no documento "un acordo entre persoas e organizacións que viñan de culturas diferentes, nun esforzo de integración e xenerosidade que puxo ao país por diante de maximalismos" con "dous vectores de actuación moi claros, como son o dereito a decidir e a defensa do Estado do Benestar", salienta.
A delegación vasca mantivo un terceiro encontro en Santiago, neste caso co Encontro Irmandiño, representado polo seu portavoz nacional, Xosé Manuel Beiras, o vicevoceiro, Martiño Noriega, e o comisionado para relacións políticas, Luís Eyré. Segundo informou o EI a través dun comunicado a xuntanza desenvolveuse "nun ambiente da máxima cordialidade" e, tras ela, a formación nacionalista manifesta "a súa valoración moi positiva do que están a facer as forzas asinantes deste pacto para a normalización democrática da vida política do seu país.