Os aspirantes a renovar o PSdeG piden resolver as "incertezas" das primarias consultivas

Vázquez e outros dirixentes socialistas, no comité que aprobou as primarias consultivas CC-BY-NC-SA PSdeG

O regulamento é a clave. Vinte e catro horas despois de que a dirección nacional do PSdeG e a cúpula federal do PSOE desen por pechado o contencioso aberto polo modo de renovación da secretaría xeral dos socialistas galegos, entre as persoas e grupos que aspiran a renovar o partido repítese unha palabra: "incerteza". Tanto o ata agora único candidato ao liderado, José Ramón Gómez Besteiro, como outros dirixentes e colectivos internos reclaman que a Executiva que dirixe Pachi Vázquez "aclare" as regras que rexerán as "primarias consultivas" que, o vindeiro 1 de xuño, están chamadas a definir a persoa que encabece a formación.

Mentres a actual dirección, por boca do deputado José Luis Méndez Romeu, ten claro que "o día da votación se vai saber quen vai dirixir nos seguintes anos o partido" grazas a un modelo que é "un éxito dos afiliados" e que, ademais, reune "todos os requisitos" para ser denominado "primarias", o líder dos socialistas lucenses e primeiro candidato á secretaría xeral "agarda" a que Pachi Vázquez "explique o acordo á militancia", xa que, a xuízo do tamén presidente da Deputación de Lugo, "hai algúns interrogantes que convén aclarar, sobre todo pola transparencia e por fomentar a participación, que é o que desexamos todos os socialistas galegos".

Besteiro: "Non se trata de que guste ou non, os acordos hai que explicalos porque o máis importante é a transparencia e a participación"

Como nos anteriores pasos do proceso precongresual Besteiro evita lanzar críticas cara á dirección: "Cando teña algo que dicir, direino nos órgano do partido, pero en todo caso agardo esa explicación" a cal, di, está "seguro" que vai proporcionar a Executiva Nacional". "Cando teño que valorar un procedemento fágoo nos órganos do partido", acrecenta, se ben coida que neste caso "non se trata de que guste ou non guste" o pacto acadado con Rubalcaba, senón que "os acordos hai que explicalos e, neste sentido, o máis importante neste proceso é a transparencia e fomentar a participación". Iso, asegura, é o que tenta fomentar coa rolda de contactos coa militancia que comeza este mesmo mércores en Compostela.

As dúbidas de Novo Socialismo

Onde existen maiores retesías coas denominadas primarias consultivas é no colectivo Novo Socialismo Galego. Un dos seus cabezas visibles, Xoaquín Fernández Leiceaga, considera en declaracións a Praza Pública que o feito de que se chegase a un acordo "é bo", xa que "non ten sentido manter unha guerra" coa dirección federal. Non obstante, NSG considera que o sistema de elección, con votacións de listas de delegados encabezadas polas persoas aspirantes á secretaría xeral, "queda moi por tras das expectativas xeradas". "O básico" que acordara o Comité Nacional "era que houbese un voto individual, libre, directo e secreto dos militantes", pero que ademais o resultado "fose incontrovertible". "E non vai haber nada diso", mantén.

Para Novo Socialismo o sistema acordado "queda moi por tras das expectativas xeradas"

A xuízo de Leiceaga "reprodúcese o sistema de delegados con algunha innovación que pode melloralo", pero tamén o fai "bastante máis complexo e con resultados incertos". Como Besteiro, Leiceaga fala tamén de interrogantes e incertezas,  "incógnitas" que "espero que se resolvan de cara ao Comité Nacional" de maio. "Veremos como se establece o regulamento", reflexiona, xa que coida que se poden dar casos como a existencia de "delegados non adscritos" a ningún candidato ou precandidatos á secretaría xeral que non cheguen ao congreso. Ademais, di, "vai ser moi importante a asignación de delegados" a cada localidade, xa que o peso de cada agrupación pode ser fundamental na elección, explica.

En calquera caso, Leiceaga considera que "o máis importante é que se poida producir a renovación das estruturas do partido antes do verán e hai que seguir mantendo ese obxectivo". De renovación veu falando tamén nos últimos días o secretario provincial do partido na Coruña, Francisco Caamaño, sobre quen se pousan moitas olladas como eventual candidato á secretaría xeral. Caamaño, igual que Besteiro e Leiceaga, manifesta "incerteza" xa que o panorama pasou "de ter primarias" con "voto directo" de cada militante a un escenario máis confuso. "Agardando que alguén nolo explique", resumía este mércores a través das redes sociais.

Besteiro conversa con militantes CC-BY-NC-SA PSdeG Lugo
Acto público de NSG CC-BY-SA NSG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.