Os bancos seguirán diante de sanidade e ensino cando o orzamento galego medre

Pachi Vázquez, no Parlamento CC-BY-SA PSdeG

A Lei de Disciplina Orzamentaria de Galicia, en xuño de 2011, a reforma exprés da Constitución, ese mesmo verán, e a Lei de Estabilidade do Goberno central, a comezos de 2012. Son as tres normas que no corpo lexislativo galego e estatal impoñen un ríxido corsé ás contas públicas no que atinxe ao déficit público -ao equilibrio entre ingresos e gastos- pero a súa combinación trouxo consigo outra consecuencia tanto ou máis relevante a medio prazo. No caso de que a agora afastada bonanza económica regrese e as Administracións públicas volvan ter superávit, isto é, a ingresar máis do que gastan, estas normativas condicionan en gran medida as decisións políticas de quen goberne nese momento, xa que non poderán destinar eses beneficios ao que consideren oportuno: obrigatoriamente terán que dedicar en primeiro termo ese superávit a reducir débeda pública, isto é, a pagarlles o que lles deban ás entidades bancarias. Despois de que esas normas impulsadas polo PP fosen no seu día tamén apoiadas polos socialistas o PSdeG tentou este martes variar o rumbo cunha proposición de lei de "blindaxe dos servizos públicos". Pero a maioría absoluta dos conservadores impediu que a iniciativa fose tomada en consideración, nin sequera para iniciar trámite parlamentario.

O PSdeG lanzou esta proposta xusto despois de que o Goberno central aprobase os seus decretos de recorte en sanidade e educación e, despois do rescate bancario da pasada fin de semana, outorgáronlle aínda máis importancia á iniciativa na súa axenda política. Nesta liña, quen subiu á tribuna do Parlamento para defendela non foi ningún dos deputados socialistas que habitualmente tratan asuntos sanitarios, educativos ou sociais, senón o seu secretario xeral, Pachi Vázquez. Ademais de invertir as prioridades no que a bancos e investimento social se refire Vázquez resumía o compromiso que tentou acadar do Goberno na necesidade de "darlle forma de lei a garantir os dereitos das galegas e galegos". De ser aprobada, explicou, a norma "obrigaría" ao actual Executivo e aos que velan a que "en oito anos" o investimento sanitario e educativo galego se equipare á media da Unión Europea. Isto implicaría uns 140 millóns de euros anuais que, abonda, non só sairían da banda do gasto, senón tamén da do ingreso, con novas "fiscalidades" para as rendas altas.

A iniciativa socialista propuña acadar en oito anos a media europea de investimento en sanidade e educación

O PP, censura, presentouse en Galicia como "garantes de que a sanidade e a educación non ían sufrir ningún recorte" pero levan tres anos "facendo xusto o contrario", con "807 millóns menos en Sanidade e 652 en Educación dende que vostedes gobernan". "Isto non é un dato opinable, é científico, está comprobado e contrastado nos Orzamentos" ao que, salienta, dende o mes de xullo se lle engadirá o novo copagamento farmacéutico. "Van poder saír á rúa, vanlles mirar á cara aos pensionistas e dicirlles que a partir do mes que vén van ter que pagar o 10% dos medicamentos?", cuestiona. "Están facendo unha voadura controlada do sistema nacional de saúde e do sistema de educación pública" e por iso, argumenta, "é o momento de garantirlles aos galegos que imos blindar a sanidade e a educación públicas", para garantir que "van quedar afastados dos recortes".

Bouza (BNG) chama a non "reducir a calidade" dos servizos públicos en aras da "eficiencia"

A iniciativa socialista tivo o apoio do BNG que, a través da súa vicevoceira, Ana Luisa Bouza, considerou que, "unha vez eliminadas as barreiras ideolóxicas ao endebedamento e ao control do déficit -en referencia ao rescate bancario- é o momento de debater para que e para quen nos endebedamos", partindo da base de que "a eficiciencia non debe ser incorporada aos servizos públicos se é a costa de reducir a eficacia, a calidade, a universalidade e o papel redistributivo que deben ter". Aínda que coa posibilidade de introducir achegas, o Bloque apoiou a iniciativa defendida por Vázquez porque existe un "deterioro visible  dos servizos públicos" que preocupa á poboación. Para a cidadanía galega, di, este tema "non é irrelevante" e proba disto é que a iniciativa lexislativa popular de SOS Sanidade Pública xa acumula máis de 40.000 apoios.

Puy (PP): "Non o imos subscribir, porque estamos a favor da palabra dada"

Pero os argumentos dun e doutra non callaron no PP, en cuxa opinión Pachi Vázquez ofrecía "un pacto para rachar outro pacto": "xa ve que contentos están os do Bloque porque renegan dese pacto", espetou o seu voceiro, Pedro Puy, en referencia á reforma da Constitución e á Lei de Disciplina. "Non o imos subscribir, porque estamos a favor da palabra dada". "Non compartimos a filosofía desta proposición de lei", di, porque "gastar máis" non implica que sanidade e educación "estean mellor". Polo tanto, en Galicia seguirá imperando o principio segundo o cal "os ingresos que se obteñan por riba do previsto destinaranse integramente a reducir o nivel de débeda pública".

"Da palabra que deron vostedes, aos pensionistas, xa llo explicarán cando lles chegue que teñen que pagar as receitas", retrucou Pachi Vázquez, en cuxa opinión aos populares "lles tremen as pernas para aplicarlles un imposto á banca que xeraría 60 millósn de euros en Galicia", pero non para "cobrarlles aos pensionistas". O Goberno galego, censura, aposta pola estabilidade orzamentaria mentres deixa as facturas "no caixón dos provedores" mentres "o 75% dos galegos nos piden un gran acordo para a sanidade e a educación". "A xente está angustiada, asustada, sabe que lle vén enriba unha crise que non conseguimos parar". "Perdoe que non goce do optimismo de Rajoy, que dixo "me voy al fútbol, que está todo arreglado", concluíu.

 

Pachi Vázquez, no Parlamento CC-BY-SA PSdeG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.