Os bispos galegos chaman a votar a quen rexeite o aborto e o matrimonio homosexual

Os cinco bispos, nunha imaxe de arquivo © Diócese de Mondoñedo-Ferrol

Rexeitamento ao aborto e ao matrimonio entre persoas do mesmo sexo. É unha das claves esenciais dos "criterios" que os bispos galegos veñen de emitir de cara ás eleccións galegas do vindeiro 21 de outubro. Como é habitual os máximos dirixentes da Igrexa católica en Galicia fan público un escrito para "lembrar, neste momento das eleccións democráticas ao Parlamento autonómico, algúns aspectos do maxisterio da Igrexa sobre o home e a sociedade". Fano, como é de agardar, dirixińdose "aos católicos", pero tamén "á opinión pública en xeral" para expresar as que, en opinión da institución, deben ser as orientacións do voto.

Os cinco responsables da provincia eclesiástica de Santiago de Compostela ubican os comicios do 21-O nun "momento de crise antropolóxica e cultural da que derivou a profunda crise económica que padecemos". Nela, din, "antes de emitir o noso voto" cómpre "ter en conta" que forzas políticas optan por "defender a vida humana en toda circunstancia dende o momento da súa concepción ata a morte natural", isto é, as que rexeiten o aborto e mais a eutanasia. Ademais, explican, cómpre apoiar a quen "favoreza o matrimonio" sempre e cando este sexa sinónimo de "unión esponsal entre o home e a muller" e, por extensión, de defensa "da familia e, dentro dela, das condicións de natalidade".

Os bispos tamén animan a votar a quen "promova a xustiza social, o acceso á saúde e o traballo digno e estable para todos"

Nun sentido semellante, os dirixentes eclesiásticos procuran orientar os sufraxios cara ás candidaturas que "fomenten unha liberdade real de educación integral, respectuosa coa responsabilidade intransferible dos pais". A estas liñas mestras engaden, non obstante, outras que poden ser interpretadas como diverxentes a respecto do programa dos partidos máis conservadores, xa que defenden tamén o voto ás forzas que queiran "promover entre as súas prioridades a xustiza social, o acceso á saúde, o traballo digno e estable para todos" e a "preocupación polos grupos sociais máis febles, cunhas políticas que se fundamenten na xustiza e na solidariedade". Cómpre ademais, din, "ofrecer proxectos creativos que afronten os problmas da actual crise económica", co obxectivo de "paliar as consecuencias negativas, sobre todo naqueles que sufren o paro" e ademais "atender as necesidades urxentes do ámbito rural e as inquedanzas das xentes do mar".

No medio dunha chamada á "participación política como parte do compromiso cristián no mundo" os bispos afirman que, con independencia das súas indicacións, a Igrexa "non se identifica con ningún partido político" pero "as opcións políticas dos católicos deben estar en harmonía cos valores do Evanxeo". Igualmente, remítense á "doutrina social da Igrexa" para lembrar o seu "aprezo" polo "sistema da democracia, na medida en que asegura a participación dos cidadáns na opcións políticas", se ben cren que "non convén esuqecer que é un sistema fundamentado en valores e non depende só dos procedementos, senón tamén da moralidade dos fins que persegue e dos medios dos que se serve".

Os cinco bispos, nunha imaxe de arquivo © Diócese de Mondoñedo-Ferrol

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.