Vía intermedia. É o acordado no plenario de En Marea na que se presentaba como votación máis transcendental da xornada de asemblea do partido instrumental, a das incompatibilidades dos cargos institucionais, concretamente dos membros dos parlamentos, para poderen ou non formar dos órganos de dirección do partido instrumental, os primeiros tras o período transitorio aberto o pasado verán, ás portas da campaña electoral. Finalmente, estas persoas poderán formar parte dos dous órganos de dirección, pero con algunhas restricións.
A formación chegou ao seu plenario con dúas posicións explicitadas no documento ao debate, ao non haber acordo ao respecto na coordinadora provisional. A primeira pasaba por que a única restrición para participar na dirección fose para quen fosen membros do Comité Electoral, o órgano interno que controla a propia elección. A segunda, pola contra, apostaba por que os membros do Parlamento, o Congreso ou o Senado non puidesen optar a esta elección.
A fórmula proposta por esta segunda vía pasaba por que os membros do grupo na Cámara galega designasen cinco "membros natos" do Consello e os grupos das Cortes, un. Os voceiros en ambas institucións estarían presentes tamén como "membros natos", o que na práctica impediría que Luís Villares puidese concorrer aos postos directivos.
Os membros dos parlamentos poderán formar parte da Coordinadora e dun 20% dos postos do Consello
Tras o debate e votación a fórmula acordada, indica en Marea, abre aos cargos institucionais as portas destes órganos. Poderán formar parte do Consello das Mareas, sempre e cando ocupen un "máximo" do 20% dos postos, isto é, 7 dos 35 integrantes do Consello tendo en conta as correccións de xénero. Este órgano elixirá, á súa vez, 11 persoas que comporán a Coordinadora Nacional "tendno en conta a proporcionalidade dos resultados das candidaturas presentadas. Neste órgano, como propuña a segunda opción na proposta de regulamento, terán limitada a súa presenza "aquelas persoas que formen parte do comité electoral ou que ostenten unha responsabilidade executiva dentro dunha organización política", caso por exemplo dos cargos orgánicos en Podemos, Anova ou Esquerda Unida.
Villares, disposto a ser "voz" dunha dirección "plural"
O acordo acadado polo plenario de En Marea permite, daquela, que quen fora candidato á Xunta e actual voceiro parlamentario poida optar a formar parte da dirección de En Marea, unha posibilidade á que Villares se veu mostrando aberto nos últimos días e tamén este sábado, a preguntas da prensa. A posibilidade de poñerlle "voz" ao partido instrumental, afirma, non impide que "todos" os membros de consello e coordinadora exerzan a dirección. O seu papel, indicou antes da votación, será o que a formación "queira" e se pode ser voceiro orgánico do partido instrumental parte da base de que "o feito de que existan portavocías non implica que non vaia haber pluralidade".
Beiras insta a "deixarse de caralladas" e "arroupar" a Villares, que debe ser "referencia" e non "secretario xeral"
O asunto foi abordado tamén ante a prensa por outros referentes de En Marea, caso de Xosé Manuel Beiras, quen apostou por flexibilizar as incompatibilidades para, nas súas verbas, "deixarse de caralladas" e "arroupar a Villares", que "merece o apoio do conxunto da Marea" e ser "referencia inequívoca" da mesma, o que non implica que torne en "secretario xeral" ou "presidente dun partido presidencialista", senón en referente dun "equipo de liderado". Cómpre lembrar, agrega o histórico nacionalista, o "paso" dado por Villares ao deixar a xudicatura para concorrer á eleccións.
Ferreiro aposta por "contrapesos" internos á "importante intervención directa" dos cargos institucionais
Ás portas do propio plenario tamén fixou postura o alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, que como xa fixera en días previos el mesmo e outros membros da Marea Atlántica, así como algúns integrantes de Podemos e EU, apostaba por un liderado "colectivo" sen papel preponderante dos cargos institucionais. "É importante -reflexiona o rexedor coruñés- que haxa xente na organización e na coordinadora desvinculada da vida institucional" a xeito de "contrapeso", o que non implica que non sexa "importante" a "intervención directa" dos cargos electos. Os textos aprobados en xullo, resalta Ferreiro, implican que a figura da secretaría xeral "non existe" e ese é o marco do debate e non unha discusión a respecto de Villares, xa que a súa "figura" en En Marea está "fóra de discusión".