Os concellos aumentaron un 77% as adxudicacións de obras en ano preelectoral

Asfaltado municipal dun camiño en Nigrán esta semana e volume de obra pública adxudicado polos concellos CC-BY-SA Praza Pública

Segundo o balance da Federación Galega da Construción, pasaron de 138 millóns en 2017 a 244 en 2018, a cifra máis alta dos últimos catro anos. As deputacións aumentaron un 28%, de 47 a 60 millóns.

Os concellos galegos incrementaron en 2018 un 77% o volume de obra pública adxudicada, que pasou de 138 millóns o ano anterior a 244 millóns o pasado ano, momento clave para contratar traballos que puidesen estar rematados ou moi avanzados antes das eleccións municipais do próximo 26 de maio. Tamén as deputacións aumentaron un 28% as súas adxudicacións (pasaron de 47 a 60 millóns) en ano preelectoral, segundo as cifras que vén de divulgar este xoves a Federación Galega da Construción. 

O incremento rexistrado nas adxudicacións municipais permitiu que os concellos se aproximasen o pasado ano ao volume habitualmente moi superior de adxudicacións da Xunta ou do Estado

A análise da patronal da construción permite comprobar que o incremento rexistrado o pasado ano no volume económico da obra pública contratada polos concellos é o maior dos últimos catro anos, nos que as adxudicacións viñan situándose entre os 140 e 150 millóns de euros anuais. O incremento rexistrado nas adxudicacións municipais permitiu que os concellos se aproximasen o pasado ano ao volume habitualmente moi superior de adxudicacións da Xunta ou do Estado, administracións cuxo monto total adoita estar condicionado cada ano segundo a evolución de grandes proxectos singulares, como o AVE, e non pola suma de múltiples obras de pequeno importe como no caso dos concellos. O ano pasado a coincidencia desas tres conxunturas facilitou que o monto total de obra pública adxudicada en Galicia por todas as administracións ascendese a 873 millóns, o dobre que o ano anterior.

Segundo o informe, das 2.635 obras municipais de 2018 analizadas, 792 foron adxudicadas a través de contratos menores, que pola súa contía poden entregarse a dedo sen convocar un concurso público. 

Ourense é a provincia cunha maior concentración de adxudicatarios, de xeito que as dez primeiras empresas levaron o 52% dos cartos adxudicados

Canto á concentración dos adxudicatarios dos concellos, a principal empresa foi a construtora Covsa, que se fixo con 82 obras por un importe total de 16 millóns de euros (o 6,6% do total), seguida moi de lonxe por Canarga, con 84 obras que sumaron 7 millóns. Por provincias, Ourense é na que se rexistra unha maior concentración nos adxudicatarios das obras municipais, de xeito que as dez primeiras empresas levaron o 52% do volume total adxudicado, fronte á Coruña e Lugo, onde as 10 primeiras firmas levaron o 35% dos recursos. Canto á sede das empresas, o 93,5% das adxudicacións municipais foi parar a firmas galegas mentres que a cifra aumenta ata o 95% no caso das deputacións.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.