Unha das lecturas máis recorrentes sobre o actual tempo político e, en concreto, dos resultados das eleccións municipais do 24 de maio, refírese á crecente fragmentación do campo político, coa aparición e crecemento de novas forzas políticas, con capacidade mesmo de gobernar ou de ser unha alternativa real ás forzas tradicionais. Unha situación que as máis das veces leva á inexistencia de maiorías absoluta e á necesidade de chegar a acordos, estables ou puntuais, con outras forzas, fortalecendo unha cultura de pactos -habitual en moitos países europeos- da que en Galicia aínda temos moito que aprender. Tamén se fala da crise e mesmo da fin do bipartidismo. E, á vista dos resultados nas cidades e en moitas importantes vilas, isto é unha realidade innegable. Porén, tamén se pode argumentar que o bipartidismo e as maiorías absolutas resisten con forza, se observamos os datos dos 314 concellos galegos.
Os comicios celebrados hai oito días deixan un bo número de localidades nas que cinco forzas ou máis estarán representadas nos seus consistorios: un total de 39, máis do dobre das existentes en 2011 (17). Porén, á inversa tamén atopamos máis concellos que hai catro anos nos que unicamente dúas forzas obteñen edís: 95, fronte aos 78 de 2011. Son na súa meirande parte localidades pouco poboadas, principalmente da zona rural e, na maior parte dos casos esas dúas forzas con concelleiros son PP e PSdeG-PSOE, aínda que obviamente hai excepcións.
Unha análise semellante podemos realizar coas maiorías absolutas acadadas: son menos que hai catro anos, pero seguen sendo o máis habitual. En 215 concellos galegos algunha forza política obtivo maioría absoluta, fronte a 99 nos que non a hai. Hai catro anos as localidades con maioría absoluta eran 19 máis (234).
A Coruña | Lugo | Ourense | Pontevedra | Galicia | |
---|---|---|---|---|---|
2011 | 59 - 35 | 52 - 15 | 83 - 9 | 40 - 22 | 234 - 81 |
2015 | 52 - 41 | 51- 16 | 78 - 14 | 34 - 28 | 215 - 99 |
Concellos con e sen maioría absoluta
Polo tanto, o bipartidismo segue dominando unha boa parte do país, aínda que xa non o faga na Galicia urbana, nas cidades e vilas máis poboadas. PP e PSdeG-PSOE sumaron o 24M o 61% dos votos e 2.792 dos 3.766 concelleiros en xogo. Iso si, en 2011 obtiveran o 71% dos votos e 2.979 edís.
Chama a atención que, canda ao incremento do número de concellos cun escenario político fragmentado (cinco ou máis forzas representadas), tamén medra o número de localidades con só dúas opcións. Ese crecemento susténtase, sobre todo, nos datos das provincias de Lugo, Ourense e Pontevedra. Así, mentres na Coruña os concellos con unha ou dúas forzas na súa corporación se manteñen en 15, en Lugo pasan de 18 a 22, en Pontevedra de 4 a 10 e en Ourense de 41 a 49.
1 | 2 | 3 ou 4 | Máis de 5 | |
---|---|---|---|---|
2011 | 3 | 78 | 217 | 17 |
2015 | 2 | 95 | 179 | 39 |
Número de concellos polo número de forzas que acadaron representación
39 concellos con máis de 5 forzas con representación
En contraposición, a crecente fragmentación política e a aparición de novas alternativas, tanto pola esquerda coma pola dereita, deixouse notar nun bo número de localidades. Por suposto nas sete cidades, con 6 forzas representadas en Lugo, 5 en Ferrol e Pontevedra, e 4 na Coruña, Ourense e Compostela (coa excepción do tripartito Vigo). Pero tamén en moitas vilas importantes. En total, son 39 os concellos nos que cinco ou máis forzas políticas obtiveron edís, fronte aos 17 de 2011. A maior parte atópanse nas provincias da Coruña (18) e Pontevedra (5), con só tres casos en Lugo e dous en Ourense.
En Tui 8 forzas repartíronse os 17 concelleiros en xogo; 7 convivirán nos plenos de Padrón e Ames. E seis haberá en Cangas, Culleredo, Cambre, Ponteareas, Narón e Lugo
Foi moi comentado o caso de Tui, onde oito forzas repartíronse os 17 concelleiros en xogo, pero tamén destacan os casos de Padrón e Ames (7 partidos políticos representados en cada caso). E seis haberá en Cangas, Culleredo, Cambre, Ponteareas, Narón e o xa comentado caso de Lugo. Noutras trinta localidades son cinco as forzas que terán voz e voto nos plenos: Valdoviño, Neda, Fene, Ferrol, Ares, Mugardos, Sada, Betanzos, Vimianzo, Cee, Noia, Ribeira Guitiriz, Sarria, Barbadás, Ribadavia, Vilagarcía, O Grove, Sanxenxo, Cambados, Lalín, Pontevedra, Redondela, Mondariz, O Porriño, Nigrán, Gondomar, A Guarda