Por "inxusto" e "inútil". As institucións públicas nas que o pagamento da coñecida como "paga extra" de Nadal "dependa" de responsables políticos do BNG o seu persoal seguirá a recibir esta parte do seu salario con normalidade. É o anuncio que realizaba este sábado o portavoz nacional do Bloque, Guillerme Vázquez, quen no marco dunha xuntanza con parlamentarios e cargos locais da formación apostou por transformar en medidas concretas a "oposición contundente" ao paquete de recortes que está a aplicar o Goberno central.
En opinión do líder nacionalista o recorte aos salarios do funcionariado e do persoal laboral non só non axudará a superar as dificultades financeiras das institucións públicas, senón que ademais contribuirá a "afondar na crise" pola vía da redución do consumo, afectando polo tanto a sectores como o do comercio, tamén danados, lembra, por medidas como a liberalización total de horarios comerciais ou a posibilidade de que as grandes superficies organicen períodos de rebaixas en calquera momento do ano.
O Bloque considera "inxusto" e "inútil" un recorte que, di Vázquez, só conseguirá "afondar na crise"
Esta decisión, sinala Vázquez, chega nun momento no que os datos da Enquisa de Poboación Activa (EPA) coñecidos o pasado venres se revelan como "aplastantes e contundentes" no caso de Galicia, xa que dos 53.000 novos parados de todo o Estado "10.300 son galegas e galegos". "Calquera pode deducir que é absolutamente catástrofico" nun contexto no que o propio Fondo Monetario Internacional, malia á súa "desvergoña", advirte de que os recortes provocarán que "a recesión siga profundando no ano 2013".
O "atraco" da AP-9
Na mesma comparecencia pública e a preguntas dos xornalistas o portavoz nacional do BNG amosaba tamén o seu rexeitamento á nova suba de tarifas da Autoestrada do Atlántico, que desta volta eleva os prezos unha media do 7,5% a causa da perda dunha subvención estatal. "O atraco está de moda e nisto tamén", ironiza o nacionalista, para despois sinalar que "as Administracións optaron por privatizlo todo" coa "milonga de que o privado funciona mellor" dando lugar a posteriori a consecuencias coma esta.
"Nós fomos dos que nos opuxemos" á privatización desta infraestrutura, lembra Vázquez -o Goberno de Aznar ampliou a concesión da AP-9 e posteriormente vendeuna-, e "as consecuencias" daquela operación "están á vista" en forma duns prezos "intolerábeis; e a suba, máis aínda", conclúe.