Os concellos galegos censuran que a reforma local "ignore a realidade de Galicia"

Comisión executiva da Fegamp © Fegamp

A Fegamp anunciou o pasado mércores a aprobación por unanimidade das súas emendas á reforma local proposta polo Goberno central, aprobada polo Consello de Ministros o pasado mes de xuño e que entrará agora en trámite parlamentario. As tres forzas políticas da Federación Galega de Municipios (PP, PSdeG e BNG) consensuaron unha serie de propostas que non teñen carácter xeral, senón que se refiren a artigos concretos do texto legal e os que máis preocupan aos alcaldes galegos, tal e como acordaron nas súas distintas resolucións.

Agora, e tras ser enviado aos 314 concellos galegos e ás forzas políticas con representación galega tanto no Parlamento, como no Congreso e no Senado, faise público un texto que se centra nas modificacións propostas para cada un dos artigos (17 son emendados), pero tamén nunha reflexión xeral que é moi dura coa reforma local impulsada polo Goberno central de Mariano Rajoy, que considera "abocada ao fracaso".

A Fegamp cre que a reforma local "vira as costas á realidade do municipalismo" e que se ceba con Galicia ao non ter en conta "as súas especificidades"

Así, a Federación asegura que a reforma local "vira as costas á realidade do munipalismo en xeral" e cre que se ceba en especial con Galicia "polas especificades" do territorio, no que "coinciden variables como a dispersión ou o envellecemento poboacional", pecularidades "decisivas á hora da prestación dos servizos públicos". "Ignorar esta realidade aboca a un diagnóstico equivocado e, polo tanto, a unha reforma allea aos verdadeiros problemas das entidades locais de Galicia", insiste.

Ademais, a Fegamp recoñece a bondade do obxectivo de camiñar cara a un escenario de "sostibilidade financeira das administracións públicas", pero entende que "é desproporcionado facer recaer nas entidades locais unha serie de controis económicos e limitacións administrativas que anulan a autonomía municipal para a xestión dos servizos públicos". E vai máis aló ao acusar a reforma de "xerar unha inxustificada sospeita de mala xestión económica nos concellos que non é realidade" ao outorgarlle "unha ineadecuada relevancia aos interventores municipais".

"A reforma local xera unha inxustificada sospeita de mala xestión económica nos concellos que non é a realidade"

Os alcaldes galegos denuncian ao tempo o "desapoderamento competencial" ao que os somete esta reforma a través da cesión obrigatoria de servizos ás deputacións ou a transferencia ás autonomías "contra o desexo expreso dos concellos, como ocorre cos servizos sociais". "Consideramos especialmente grave o reforzo das deputacións fronte ao debilitamento dos pequenos concellos, aos que esta reforma conducen á asfixia financeira e á perda masiva de servizos", insisten, tras aclarar que a función dos entes provinciais non debe ser esa, senón "a de asistencia e cooperación coas entidades locais con menores recursos, pero sen suplantar a súa capacidade de xestión".

"É especialmente grave o reforzo das deputacións fronte ao debilitamento dos pequenos concellos"

A Federación repara tamén no "contraditorio" de impulsar unha reforma da administración local desde o punto de vista financeiro "e non abrir, de forma paralela, unha modificación do sistema de finaciamento dos concellos, que amosaron profundas ineficiencias ao longo dos últimos anos". Ademais, a Fegamp reitera que calquera reforma lexislativa no ámbito municipal "deberá ser froito dun acordo amplo cos representantes dos concellos e das provincias", e cre que neste proceso "non se alcanzou", o que a aboca "ao fracaso".

Os concellos galegos son aínda máis críticos ao referirse aos artigos que deben ser modificados, a través de emendas sobre 17 artigos da reforma local, ademais de sobre varias disposicións adicionais. A Fegamp inisiste, por exemplo, en que "a imposición por imperativo legal da coordinación polas deputacións de determinados servizos de titularidade municipal é atentatorio da autonomía local". Ademais, engade que a estabilidade orzamentaria e sostibilidade financeira "non debe pasar a converterse no principio básico e fundamental á hora de atribuír competencias" aos municipios, que deben "seguir mantendo a competencia sobre os servizos sociais".

Comisión executiva da Fegamp © Fegamp

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.