Os concellos galegos reducen a débeda mentres o Estado teima en recortalos

Casa consistorial de Pontevedra, a cidade menos endebedada © Concello de Pontevedra

Os concellos ocupan un lugar destacado nas proclamas a prol da "austeridade" procedentes do Goberno central. Nesta liña, a reforma local impulsada polo gabinete de Mariano Rajoy retíralles competencias ás administracións locais e, apoiándose na consabida sostibilidade económica, fai perigar servizos en eidos tan sensibles como o social. Así as cousas, os municipios son situados tacitamente como parte esencial da crise económica. Non obstante, as cifras non só amosan que iso non é así en termos globais, senón que nun dos indicadores máis ollados nestes tempos, o da débeda, o seu comportamento é notablemente mellor que o doutras administracións. Así, por exemplo, entre 2012 e 2013 os concellos galegos minguaron o seu endebedamento en case un 7,5%.

Segundo os últimos datos do Ministerio de Facenda os 315 concellos do país -o departamento de Cristóbal Montoro non ten en conta para estes cálculos a publicitadísima fusión de Oza dos Ríos e Cesuras- acumulaban no remate do pasado ano 715,5 millóns de euros de débeda, case 58 millóns menos que un ano antes. Con contadas excepcións a maior parte dos consistorios lograron minguar o seu endebedamento e a nómina de Concellos que non deben nada medrou de 58 a 74. Non obstante e contra o criterio de todos os partidos representados na Fegamp, a tesoira terá que poñerse a funcionar.

A Coruña é o concello urbano máis endebedado do país e Pontevedra, a cidade que menos debe

No que atinxe ás grandes cidades as sete lograran reducir a súa débeda a 31 de decembro de 2013 en relación a doce meses antes. Como se pode observar no gráfico que acompaña esta información a caída máis significativa é a de Vigo, que pasou de deber máis de 55 millóns de euros a ter pendentes algo máis de 39. Malia á redución o rexistro segue encabezado pola Coruña, que tras facer medrar a débeda entre 2011 e 2012 desta volta rebaixouna levemente ata os 78,4 millóns. A continuación segue estando o Concello de Santiago con 57,5 millóns, seis menos que un ano antes. A redución experimentada polo consistorio vigués sitúa a Ourense en terceira posición e na banda baixa quedan Ferrol, Lugo e Pontevedra.

Tamén as deputacións seguiron a reducir o seu endebedamento no último ano, o que supón a segunda baixada global consecutiva. Desta volta o único repunte é o da Deputación de Lugo, que pasa de 29 a 31 millóns de euros aínda que se mantén como o ente provincial con menos débeda dos catro galegos. A seguinte que máis debe é a Deputación da Coruña, con máis de 43 millóns, e a continuación sitúase Ourense, cunha débeda que supera os 45. Malia á redución dos últimos anos Pontevedra segue a destacar por riba das outras tres deputacións neste ámbito, xa que ten pendentes de pagar máis de 67 millóns de euros.

Casa do Concello da Coruña, o máis endebedado do país © Concello da Coruña

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.