A oposición á reforma da administración local ten alporizados os alcaldes galegos. Tamén á Fegamp, que amosou a pasada semana o seu rexeitamento frontal a un proxecto que acumula críticas como poucos. Os rexedores insisten en que os municipios de menos de 20.000 habitantes quedarán practicamente sen competencias por mor dun proceso que cualifican de "recentralizador, privatizador e de perda de autonomía local".
José Luis Raposo, alcalde de Pedrafita do PSdeG e un dos máis críticos, ve no proxecto o intento de acabar co rural, tal e como manifestou a Praza, que leva a cabo unha serie de entrevistas con diferentes rexedores que explican a súa posición ante as intencións do Executivo e as repercusións que estas terían para o seu concello. Severino Rodríguez, alcalde de Monforte polo BNG, detalla as consecuencias e asegura que "os concellos de menos de 20.000 habitantes quedarán convertidos en oficinas administrativas, case sen competencia ningunha".
"Primeiro foron a pola sanidade, a educación ou os servizos sociais; agora a pola administración local", denuncia Severino Rodríguez, alcalde de Monforte
O caso é que a reforma local pretende reducir o gasto público nos concellos do Estado e aforrar uns 7.000 millóns de euros, ademais de non duplicar servizos. "Na realidade, é todo mentira", aclara Rodríguez, que repara no propio informe económico que acompaña o proxecto de lei para revelar a verdadeira intención do Goberno central. É alí onde se aclara que a redución nas retribucións dos cargos públicos ou a posible eliminación de municipios suporía un 3% do aforro pretendido, fronte ao 97% que suporía a supresión de servizos. "Porque ese é o obxectivo fundamental, un paso máis dentro dese programa de estabilidade que exixe a UE a España e que o Goberno está aplicando; primeiro foron a sanidade, a educación ou os servizos sociais, e agora tócalle á administración local", advirte.
"A reforma local limita as competencias dos concellos e converte as deputacións nas administracións encargadas de moitos servizos para fortalecelas e aniquilar os municipios; impide que se suplan as carencias de servizos que prestan outras administacións e, de paso, elimina postos de traballo", volve alertar o rexedor monfortino do BNG, que insiste na falacia que supón o argumento da duplicidade de servizos. "Preguntémoslle a calquera cidadán que servizo recibe dúas veces por parte de dúas administracións; non o dirán porque non o hai; iso da duplicidade é mentira", conta.
"O argumento da duplicidade de servizos é unha mentira"
A clave da reforma está nese "custo efectivo" dos servizos sobre o que o Goberno central pretende exercer un estrito control. Se o custo efectivo dun servizo que non é competencia do Concello e que é prestado por este é superior ao que pode ofrecer outra administración, suprímese este servizo. No caso dunha competencia do Concello, se o custo efectivo do servizo é superior, será asumido pola Deputación se o municipio ten menos de 20.000 habitantes e pasa a depender da administración "máis ineficiente e caciquil que hai". "Estes concellos quedan convertidos en oficinas administrativas", insiste Severino Rodríguez, que se pregunta "se é prioritario a calidade e eficiencia do servizo ou o seu prezo".
Pero a situación agrávase máis polo tope de gasto ao que xa están sometidos os concellos e sobre o que o control aumentaría aínda máis coa reforma local. Na actualidade, tal e como explica o alcalde do BNG, todo ingreso que supere ese teito de gasto tense que dedicar a rebaixar a débeda cos bancos, polo que non se pode solicitar ningún crédito nin superar esa barreira. "Todo, aínda que se teña un período pactado cos bancos para o pagamento e aínda que non haxa problema ningún de tesourería", explica.
O tope de gasto que marca o Estado "abre o camiño á privatización e supón a perda de calidade dos servizos"
"O que se fai con esta medida é abrir o camiño á privatización dos servizos de maneira encuberta porque as empresas si van ter a capacidade de pedir préstamos, o que se une á posibilidade de que ese servizos acaben noutra administración se superamos ese custo efectivo", di Severino Rodríguez, que lamenta que ao final "o problema é a perda de calidade destes servizos e as consecuencias que iso terá para os cidadáns". En Monforte perigan a axuda no fogar, as axudas aos emigrantes, o servizo de gardería, o apoio a mulleres maltratadas, a xestión das instalacións deportivas e ata a do cemiterio. Todos os servizos prestados exclusivamente polo Concello e por xente "que coñece os veciños polo seu nome e que están achegados ao seus problemas".
"O que Bruxelas fixo con España estao facendo agora o Estado cos concellos; estamos intervidos e controlados"
"Os concellos estamos intervidos. Ningún municipio ten capacidade para manobrar aínda que teña unha tesoureiría potente. Coa reforma acentúase esta intervención porque habería un control maior e aparece a figura dos interventores que dependen do Goberno central e xogan un papel doutra oposición", insiste Rodríguez. "O que fixo Bruxelas con España estao facendo España cos concellos e as autonomías; estamos intervidos e controlados igual que a troika controla o Estado", resume.
Ademais, o rexedor monfortino recorda que na reforma "nada se fala do financiamento" dos concellos, que seguen sen ter unha capacidade económica suficiente, en parte pola existencia de administracións intermedias como as deputacións. E pon un exemplo: "O Concello de Monforte ten 11 millóns de orzamento; se a Deputación de Lugo desaparecese e se repartisen os cartos que corresponden a cada municipio, a Monforte tocaríanlle 5,5 millóns de euros pola súa poboación... Imaxinemos o que se podería facer con ese diñeiro".
"Se queren manter as deputacións, que busquen un camiño intermedio e que se centren en axudar a eses pequenos concellos que precisan apoio, pero que deixen traballar aos que se valen por si mesmos", reivindica Rodríguez, que aposta por "eliminar as deputacións e o Senado se de verdade se quere aforrar". "O Concello de Monforte non precisa a deputación para nada, pero si que nos dean os cartos que nos corresponden", insiste.
O alcalde do BNG celebra que a Fegamp adoptase as reivindicacións das maiorías dos alcaldes e aprobase o "rexeitamento frontal" á reforma local e o intento de emendala. No entanto, Severino Rodríguez pide á Xunta "que se manifeste" porque a "recentralización" que supón o proxecto do Goberno afecta tamén unha administración autonómica que "perde competencias".
"Todos os concellos de menos de 5.000 habitantes terán graves problemas porque ou non poden competir a nivel económico e xa están nunha situación de intervención total. Aquí fíxose unha norma para todos, independentemente de se se xestiona ben ou mal; se tes superávit, por que non vas poder gastar máis?", conclúe.