Os críticos con Rubalcaba aplauden as primarias do PSdeG

Pachi Vázquez e membros da Executiva socialista, no comité nacional CC-BY-NC-SA PSdeG

O panorama interno do PSOE non pasa, nin moito menos, polo seu mellor momento. Tras a dura derrota electoral de 2011 e despois do congreso que situou na secretaría xeral a Alfredo Pérez Rubalcaba os dirixentes socialistas desenvolven a súa travesía pola oposición a Mariano Rajoy co reto de volveren conectar con amplos sectores cidadáns desafectos coa súa liña política, pero tamén entre tensións internas nada desprezables que nas últimas semanas estouraron en dúas frontes territoriais, Catalunya e Galicia. Poucos días despois de que o PSC fixese o que amagara moitas veces con facer, romper a disciplina de voto do grupo socialista no Congreso e facelo ademais para apoiar o proceso soberanista catalán, o PSdeG aprobaba por aplastante maioría do seu Comité Nacional a realización dunhas primarias consultivas para renovar a secretaría xeral. Mentres que a operación do PSC suscitou escasas adhesións internas fóra de Catalunya, o paso dos socialistas galegos é aplaudido polos sectores críticos coa xestión de Rubalcaba.

Se algunhas críticas internas destacaron por riba das demais nos últimos meses estas foron as do secretario xeral do PSOE de Madrid, Tomás Gómez, quen chegou a pedir abertamente a dimisión de Rubalcaba o pasado decembro. E foi precisamente Tomás Gómez quen este luns eloxiou sen matices a proposta impulsada por Pachi Vázquez. "Aplaudo o que fixeron os socialistas galegos" porque non é "outra cousa máis que profundar na democracia", argumentou en rolda de prensa. Preguntado pola oposición da dirección federal ás primarias consultivas do PSdeG Gómez non dubidou de que "máis democracia sempre é bo e cando a democracia ten algún problema, soluciónase con máis democracia", motivo polo cal "non entende" que "ninguén poida estar en contra" deste tipo de procesos.

"Os socialistas galegos marcaron un camiño que debe recorrer todo o PSOE", argumenta Tomás Gómez

Neste contexto, Gómez non só lanza o seu apoio ao PSdeG, senón que se amosa convencido de que os socialistas galegos "marcaron un camiño" que máis cedo que tarde vai ter que "percorrer todo o PSOE". "O PSM, todas as federacións e o PSOE" deberan, ao seu xuízo, "elixir o secretario xeral a partir de procesos internos de primarias", isto é, coa participación de toda a militancia, tal e como formulan os socialistas galegos 

E mentres chegan as gabanzas do PSM-PSOE, dende a dirección federal dos socialistas a súa secretaria de Participación, María González, aseguraba ante a prensa que Ferraz está á procura dunha "fórmula" que derive na "solución" ao contencioso formulado dende Galicia. As "conversas" coa dirección nacional do PSdeG continúan para tentar "axustar" as primarias consultivas ás "regras" internas do PSOE, as mesmas que permiten primarias para elixir candidaturas electorais, pero non para renovar cargos internos. "Estamos abertos a calquera debate, pero respectando o que decidimos democraticamente", matizou, un contexto no que, non obstante, a Executiva federal é "defensora da participación da militancia" e non interpreta o que está a acontecer como unha "rebelión" do PSdeG.

Losada, seguro do "acordo" con Madrid... e con Vigo

Losada rexeita ler a convocatoria de primarias en clave de "desafío" a Rubalcaba

Quen tampouco interpreta o aprobado polo Comité Nacional en clave de "desafío" é o portavoz parlamentario do PSdeG, Abel Losada, quen considera que "o razoable, o normal e o desexable" é que remate por "producirse un acordo" con Ferraz porque "todas as partes queren" que así sexa. Losada, quen subliña o apoio "masivo" que tiveron as primarias no seo do comité, considera que a procura e consecución dun "acordo" será tamén o que chegue coa agrupación local do PSdeG de Vigo, cuxos dirixentes, a comezar polo alcalde da cidade, Abel Caballero, non estiveron presentes na xuntanza do sábado. "A agrupación de Vigo está facendo exactamente o mesmo" que as direccións federal e nacional, di, "buscar un acordo".

Mentres, dende Vigo, o propio Caballero tamén asegura que pulará por un "acordo" e mesmo se ofrece para vehiculizalo non como membro do PSdeG, senón como integrante da Executiva Federal, o que Losada rexeita é que todo o que está a acontecer sexa unha estratexia de Pachi Vázquez para adiar o congreso extraordinario, cuxa convocatoria formal se producirá o 11 de maio, noutro Comité Nacional. A celebración do congreso. Celebrar un congreso "está votado polo Comité Nacional Galego", polo que "non hai que garantir nada" ao respecto, respondeu a preguntas da prensa, sensiblemente molesto.

Tomás Gómez, secretario xeral do PSM CC-BY-NC-SA PSM
María González, secretaria de participación do PSOE © PSOE

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.