A pouco máis dunha semana de que expire o prazo o sector crítico do PSdeG asegura non tirar a toalla na procura para poñerlle nome e apelidos á súa "alternativa" á candidatura e proxecto do actual secretario xeral e candidato á reelección, Pachi Vázquez. Coa actual dirección reforzada tras o congreso federal do PSOE, as quinielas sobre posibles candidatos son múltiples pero delas xa caeu un, o do ex ministro de Xustiza e presidente do partido na Coruña, Francisco Caamaño, que confirmaba este martes na Cadena SER que non encabezará unha lista para enfrontarse a Vázquez. Neste contexto, nomes como o do alcalde de Ourense, Francisco Rodríguez, a líder da oposición no Concello da Coruña, Mar Barcón, o presidente da Deputación de Lugo, José Ramón Gómez Besteiro, ou mesmo o da concelleira viguesa e parlamentaria no Congreso Carmela Silva ou o deputado Xoaquín Fernández Leiceaga continúan sobre a mesa.
"Hai contactos entre moita xente pero aínda non callou ningún nome", admite un membro destacado deste sector crítico quen, en todo caso, dá por "seguro" que en poucos días se coñecerá quen asume o liderado da corrente. "É bastante razoable que exista unha alternativa no congreso galego e é tamén bastante razoable que se concrete nestes días", resume.
Tranquilidade relativa no entorno de Vázquez
Este movementos óllanse con relativa tranquilidade no entorno do secretario xeral, reforzado tras a vitoria de Alfredo Pérez Rubalcaba no congreso de Sevilla, toda vez que a práctica totalidade dos críticos galegos apoiaron abertamente a Carme Chacón. Nesta liña, na rúa do Pino obsérvase con atención a busca de candidato alternativo como un proceso que mesmo pode chegar a reforzar a Vázquez. En opinión dos partidarios do secretario xeral o mero feito de que aínda se barallen nomes debilita a alternativa. Non obstante, entre os seus cálculos dáse por descartada case por completo a posibilidade de que ao Congreso Nacional da segunda fin de semana de marzo chegue só a candidatura continuísta.
Pachi Vázquez descarta "pugnas" e chama a "concentrar as enerxías" na "alternativa ao PP
Así e todo, o propio Pachi Vázquez dirixíase onte directamente aos críticos durante a presentación pública do relatorio marco do Congreso para instalos a facer un esforzo de integración. Afirma o líder socialista que, con independencia de quen gañase e quen perdese en Sevilla, en Galicia "o contador está a cero" e aquí "o desafío non está dentro do partido", senón "fóra", na "construción dunha alternativa ao PP". "Desde xa, todas miñas enerxías están encamiñadas á busca de acordos para facernos máis fortes", afirma o socialista quen, ao tempo, rexeita a existencia de "pugna" ningunha no seo do partido, tampouco "con ningún alcalde", especificou ao ser cuestionado por posibles tensións co vigués Abel Caballero.
O discurso conciliador de Vázquez foi secundado pouco despois polo voceiro socialista no Parlamento, Abel Losada, en cuxa opinión tras o congreso de Sevilla "todos os participantes fixeron unha manifestación a favor da unidade e sabendo" que "o obxectivo é tentar axudar a solucionar os problemas da xente". "Este dicurso xeral para toda España vale tamén para Galicia", conclúe.