Os debates electorais embarrancan por un partido do Celta

Feijóo, Vázquez e Jorquera CC-BY-NC-SA PPdeG/PSdeG/BNG

Nin os tempos, nin o formato, nin os temas a tratar, nin a persoa encargada de moderalo. Tampouco as cámaras, o decorado ou a iluminación. Un partido entre o Celta de Vigo e o Sevilla é o punto no que están embarrancadas as negociacións en torno aos debates previos ás eleccións do 21 de outubro. PP, PSdeG e BNG sentaron este mércores á mesma mesa por segunda vez para tentar consensuar cando e como se celebrarán estes encontros televisivos, a priori tres cara a cara aceptados polas tres bandas, e o desacordo chega entre populares e socialistas por unha franxa de máxima audiencia, o prime time nocturno do 5 de outubro, primeiro día de campaña no que, ás nove e media da noite, o equipo vigués se enfronta ao sevillano nun encontro retransmitido en aberto por televisión.

O primeiro grupo en poñer esa data sobre a mesa foi o PSdeG, que nada máis convocadas as eleccións emprazou o PP a fixar nese día o debate entre o seu candidato, Pachi Vázquez, e o candidato á reelección polo PP, Alberto Núñez Feijóo. Esa é a idea que o secretario de organización socialista, Pablo García, estivo a defender nas dúas xuntanzas celebradas na sede da CRTVG -que retransmitirá os debates- coa oposición do xefe de campaña do PP, Alfonso Rueda, que participa nas conversas asistido por un asesor do PP e outro do gabinete de Feijóo na Xunta. A razón da negativa conservadora é que o partido do Celta lle restará audiencia ao cara a cara de Feijóo e Vázquez "e o debate entre o candidato do PSOE e o do PP debe ser a unha hora que facilite que o poidan ver máis galegos".

Rueda chegou a propoñer que Vázquez ou Jorquera debatan representando a PSdeG e BNG

A Rueda si lle serve ese día, o 5 de outubro, para outro debate: o de Vázquez co candidato do BNG, Francisco Jorquera, opción que os socialistas rexeitan. Segundo o número dous dos conservadores "que insistan nesa data" é debido a que "non están moi seguros ao que poida facer o seu candidato no debate e parece que hai interese en que se celebre nese día, que hai menos audiencia". Ademais, Rueda acrecenta o seu abano de iniciativas propoñendo que socialistas e nacionalistas elixan a Vázquez ou a Jorquera para "debater no nome do outro". "Sería o lóxico", considera, pero "non queren" porque "ningún dos dous se fía do outro". Malia a esta tensión o socialista Pablo García confía en chegar a un pacto malia ás "dificultades" existentes, xa que a súa formación "quere debater dende o primeiro momento" e o así o tentará o venres, na que se prevé como xuntanza definitiva. Así e todo, García censura a "actitude despectiva" de Rueda, a quen atribúe unha "vontade de bloqueo" que acreditan as súas "escusas peregrinas", como a coincidencia co devandito encontro futbolístico.

Entre o fogo cruzado de populares e socialistas atópase a secretaria de organización e xefa de campaña do BNG, Montse Prado, quen advirte de que a polémica "non atinxe" ao Bloque, que non "rexeitou" ningunha das opcións negociadas. Non obstante, Prado "lamenta" que "PP e PSOE convertan nun circo de tres pistas o dereito dos galegos a ver debater os representantes das organizacións políticas", nun contexto no que "o normal", para os nacionalistas, sería un encontro a tres bandas. Aínda así, subliña, o BNG "está a aceptar calquera proposta" porque o seu principal interese é "que poida haber debates" e "primen os dereitos dos cidadáns".

Feijóo, Vázquez e Jorquera CC-BY-NC-SA PPdeG/PSdeG/BNG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.