Os delitos contra a seguridade vial aumentaron un 13,5% en 2011

Carlos Varela, nun acto con Núñez Feijóo © Xunta

Case o 45% dos delitos cualificados polo Ministerio Público en Galicia en 2011 débense a infraccións en seguridade viaria, das cales o 64% débense á condución baixo os efectos do alcol, tal e como destaca a memoria da Fiscalía Superior de Galicia presentada este martes.  por conducir baixo os efectos do alcohol, segundo a memoria presentada polo fiscal superior de Galicia, Carlos Varela.

Os procedementos por delitos contra a seguridade viaria incrementáronse un 13,5% nun ano

Segundo explicou o fiscal superior de Galicia, Carlos Varela, o Ministerio Público no país formulou 7.600 escritos de acusación por delitos contra a seguridade viaria, o que supón un aumento dun 13,5% nun ano. Pola contra, os procedementos por violencia de xénero incoados pola Fiscalía descenderon en 2011 un 2,7%, cun total de 7.345. Ademais, concedéronse  798 ordes de protección, o 63,74% das solicitadas. (1.252). En 2011, houbo tres mulleres mortas a mans das súas parellas ou ex parellas, unha máis que o ano anterior, cifra que supón o  4,9% do total de España (61).

En total, o ano pasado a Fiscalía formalizou 15.211 escritos de acusación ou cualificación, un 10,53% máis respecto ao ano anterior. O número total de delitos asociados a cualificación fiscal foi de 16.989, un 4,5% máis.  Aos delitos contra a seguridade viaria (44,7%), seguíronlle os delitos de lesións (15, 9%) e os patrimoniais e socioeconómicos (15,7%).

Mentres, os procesos penais tramitados en Galicia mantéñense nunha cifra similar en 2011, onde houbo 310.011, un 0,9% máis respecto ao ano anterior. En canto ao número de delitos asociados aos procedementos incoados, un total de 235.699,  rexistraron un descenso tamén 0,9%. Estas cifras, segundo o fiscal, supoñen "unha clara estabilidade" no número de procesos, pero a memoria destaca que de todos os procedementos tramitados, tan só o 4,9% remataron con sentenza.

"Dous de cada tres procedementos tramitados non pasan o filtro da fase inicial", destacou o fiscal, que cre que os máis afectados son os delitos contra o patrimonio e a orde socioeconómica.   Na súa memoria, o fiscal superior vincula esta situación co "deficiente sistema organizativo" na xestión dos procesos polo "desaxuste" entre os xulgados e o volume de asuntos.

En materia de medioambiente e urbanismo, foron un total de 216 as dilixencias incoadas pola Fiscalía (+6,4%). Deles, o 42,1% estiveron vinculadas ao medio ambiente; o 29,6%, por ordenación do territorio e urbanismo e o 18,5%, por incendios forestais. Por estes, houbo 26 sentenzas, delas 20 condenatorias.

Unha solución rápida ás preferentes

Por outra banda, o fiscal superior de Galicia, Carlos Varela, pediu "sensibilidade xudicial" para evitar que se dilate no tempo a resolución sobre a demanda colectiva interposta pola Fiscalía en relación á comercialización, por parte de Novagalicia Banco (NCG), de participacións preferentes. A preguntas dos xornalistas, Carlos Varela lembrou aos afectados que os que vaian pola vía extraxudicial da arbitraxe "non poderán acollerse á demanda".

Carlos Varela, nun acto con Núñez Feijóo © Xunta

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.