Os descartes do PP na comisión de investigación das caixas

Feijóo e Currás, con Varela, Gayoso e Castellano © Xunta

A comisión de investigación parlamentaria á que se lle encomendou "analizar e avaliar a evolución económico-financeira das antigas caixas de aforros e as causas e responsabilidades da súa actual situación" reúnese este martes para debater e aprobar o seu plan de traballo, isto é, os documentos que manexará e as persoas que serán chamadas a comparecer. En virtude do acordado pola maioría popular na mesa da comisión, este martes someterase a votación o plan de traballo presentado polos propios conservadores. Se non se lle incorporan modificacións quedarán fóra da lista de comparecentes algúns dos directivos, expertos e afectados considerados especialmente relevantes polos grupos da oposición.

A proposta do PP inclúe algúns principais dirixentes das antigas Caixa Galicia e Caixanova, así como da fusionada Novacaixagalicia e do seu banco herdeiro, Novagalicia Banco. José Luis Méndez, Julio Fernández Gayoso, José Luis Pego, Javier García de Paredes, Mauro Varela ou José María Castellano serán algúns dos directivos chamados a comparecer nunha comisión á que o PP chama tamén ao actual presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, ao vicepresidente da Comisión Europea, Joaquín Almunia, ou ao ex gobernador do Banco de España, Miguel Ángel Fernández Ordóñez. Tamén fai o propio co ex alcalde de Vigo Carlos Príncipe e cunha única representante das persoas afectadas polas preferentes, Fátima Entenza, entre outros.

A oposición reclama a De Guindos, Guerra, Solbes ou os fillos de Méndez, a quen o PP non prevé chamar

No caso de que os conservadores non accedan a flexibilizar a súa postura non terán que explicarse ante o Parlamento directivos das caixas como Óscar Rodríguez Estrada -solicitado por PSdeG e BNG-, Gregorio Gorriarán -reclamado por PSdeG, AGE e BNG-, o ministro de Economía, Luis de Guindos (PSdeG e BNG), o ex presidente Emilio Pérez Touriño (PSdeG e BNG) ou o ex conselleiro de Economía, Javier Guerra (BNG). Esta decisión tamén implicaría a ausencia de Eduardo Vioque (reclámao AGE), do ex ministro Pedro Solbes (PSdeG e BNG) ou do fiscal superior de Galicia, Carlos Varela, a quen reclama o Bloque pola súa implicación na defensa das persoas estafadas polas preferentes.

O actual gobernador do Banco de España, Luis María Linde, unha representación ampla das plataformas de afectados por preferentes e subordinadas ou o vicepresidente económico de Aznar, Rodrigo Rato, son outros dos nomes que non figuran na proposta dun PP que, por boca do seu voceiro, Pedro Puy, aseguraba este luns non entender as "críticas" que xa comeza a lanzar a oposición, toda vez que a reunión para aprobar o plan de traballo "aínda non tivo lugar". "Quen decide o plan é a comisión", polo que "isto de que o PP non aceptou nada é un prexuízo que non ten nada que ver coa nosa intención". O grupo que sustenta o Goberno, asegura, non pasa "ningún rodete".

O PP asegura que non vai pasar "ningún rodete"

Mentres, dende a oposición, a socialista Carmen Gallego apelaba este luns o PP a "entrar en razón", dado que o plan de traballo "ten que ser un documento" que permita "que teñamos á disposición toda a documentación que se xerou acerca da fusión das caixas" e "teñen que vir comparecer todas as persoas que poidan aclarar o que pasou con esa fusión fracasada". "Se non é así -advirte- o obxectivo primixenio quedará defraudado". Tamén o voceiro parlamentario do BNG, Francisco Jorquera, insta os populares a non realizaren exclusións "unilaterais" na lista de comparecentes e subliña a importancia de que, por exemplo, compareza o fiscal superior ou que fagan o propio "os fillos de José Luis Méndez; José Luis Méndez Pascual e Yago Méndez Pascual", cuxa presenza acreditaría o intento de crear unha "dinastía familiar en Caixa Galicia", advirte.

Feijóo e Currás, con Varela, Gayoso e Castellano © Xunta

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.